xoves, 29 de febreiro de 2024

As neveiras de Fixó

No concello de Forcarei, preto da aldea de Fixó, no alto da serra do Candán, a uns 800 metros de altitude, consérvanse unhas peculiares construcións do século XVII, as neveiras, uns pozos destinados a almacenar a neve que logo, convertida en xeo, era transportada a Compostela, onde o cabido o almacenaba e vendía para remedios de farmacia ou para facer algún tipo de bebida refrescante  nos meses de verán.

Hoxe só se conservan os restos daqueles pozos ou neveiras, datados no século XVII, sen embargo sabemos que xa a finais da Idade Media se trataba a neve para convertela en xeo.


Todo o traballo de construción e mantemento das neveiras, dende a recollida e almacenamento da neve así como do recrutamento de operarios e xornaleiros ou o transporte, estaba ó cargo dos monxes do mosteiro de Aciveiro, aínda que a propiedade das mesmas era do arcebispado de Compostela e dalgúns nobres da bisbarra.


Estas neveiras eran grandes pozos duns oito metros de profundidade e de entre catro e oito de diámetro, forrados de pedra e rodeados dun muro de contención, cunha abertura que facía de porta orientada ó noroeste. Xeralmente estaban cubertos con un tellado e preto delas consérvanse os restos do que podía ser a casa do neveiro ou persoa encargada do seu coidado e mantemento. Verdadeiros almacéns onde se podían gardar máis de tres centas toneladas de xeo que tiñan o seu principal mercado entre as clases máis podentes da época.


 

sábado, 24 de febreiro de 2024

A comodidade da electrónica

 


Dicía Felipe-Senén que nos toca vivir nunha sociedade que levanta as patacas co arado romano e véndeas por Internet, unha sociedade que ten un pé no medievo e outro no futuro. Vivimos en pleno tránsito. Incluso os xogos de que tanto temos desfrutado xa non se poden practicar porque a ninguén se lle ocorreu deixar un espazo para que os nenos xoguen ás bólas ou boten as buxainas nos modernos e acolchados parques infantís.

Imos camiño de non necesitar sobres nin selos para as cartas, e xa non hai que baixar a xanela para preguntar por un enderezo, porque o mesmo coche trae o mapa e as indicacións para o camiño máis curto e a gasolina máis barata.

Que a electrónica nos cambiou a vida e nos fai máis vagos e cómodos tamén é certo. Pulsando un simple botón podemos ver un partido de fútbol que se xoga ó outro lado do mundo e sen movernos do sofá, cociñar sen acender un misto ou consultar a enciclopedia e as hemerotecas de todos os periódicos mentres imos no autobús.


As aplicacións da electrónica están en todo, tan metidas nas nosas vidas, que con un simple móbil podes darlle a volta ó mundo sen necesidade de aprender idiomas ou levar diñeiro en efectivo, e as propostas de descanso, relax e vacacións das axencias de viaxe ofrecen como novidade pracenteiros lugares sen radio, televisión nin wifi, onde ata a luz que nos alumea pola noite é de candea. Lugares onde a comida de cada día temos que apañala na finca e cociñala a lume de leña. Pero iso só é por diversión, para ter de que falar cando volvemos ó mundo civilizado e lle contamos ó compañeiro de oficina como nos doen os cadrís tras unha fin de semana sachando nas patacas que non imos comer.

Este pasado século puxo patas arriba a nosa relación co entorno, e neste imos camiño de vivir no que ata agora só era ciencia-ficción. Veremos cousas que, se ben agora nos dan medo, non tardaremos en aceptar como normais. A prensa estánolo amosando cada día, como un chip metido baixo a pel nos permite falar por teléfono sen andar con el no peto, facer unhas análises médicas sen ter que pasar polo ambulatorio ou subir o volume da tele só con desexalo.

Todo cambia, e ata actividades tan primarias como a pesca e a agricultura se apuntan a ese control electrónico que nos permite ver o peixe que está picando ou saber se as froiteiras necesitan algún abono.


Hai un par de meses, este periódico falábanos dun señor profesor, Manuel Eirín, xubilado, experto en electrónica, que segue dándolle á cabeza para facer máis cómoda a vida. E contábanos como ideou un galiñeiro autónomo, de maneira que os donos poden estar no seu piso da cidade e ter unhas galiñas na casa de campo, vivindo en liberdade e sen medo ó raposo, que se recollen ó caer a noite controladas por paneis solares, e animadas para comer baixo os acordes da muiñeira de Chantada.

Avanzamos en comodidade, e quen sabe se aquela vaqueira da “Finojosa” non se verá como unha rareza difícil de entender para os nosos descendentes, afeitos a pastores electrónicos, cando as despoboadas aldeas acaben sendo refuxio de animais controlados por remoto dende a cidade.

 Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

xoves, 22 de febreiro de 2024

INFORMACIÓNS DA HABANA


Por Pepe de Rocaforte

  


 Alá polos anos cincuenta do século pasado un meu tío-avó recibía algúns libros, na súa maioría da Editorial Galaxia, aínda que tamén lle chegaban outros de Suramérica (evidentemente non publicados en España), de entre os cales lembro  “Non agardei por ninguén”, novela de Ramón de Valenzuela, da cal, como vostede pode supoñer, non se falaba na casa diante dos rapaces, aínda que algunhas veces soase o nome do autor, quen antes do levantamento militar de 1936 fixera popular o pseudónimo de “Pepe dos Cestos” nun programa de Radio Pontevedra, no que relataba contos galegos e en galego.

            Ademais de libros, o meu tío recibía de vez en cando as revistas cubanas “Bohemia” e “Carteles”, verdadeiros tochos con máis de cen páxinas cada unha, nas que se trataban temas do máis variado, políticos, deportivos ou culturais. No referente á política, o que máis lle interesaba ó meu tío, a min gravóuseme no coco o nome de Prío Socarrás, “o presidente cordial” entre 1948 e 1952, ano en que antes das eleccións foi deposto polo golpe militar de Fulgencio Batista.

            Con Carlos Prío Socarrás, favorito da revista “Bohemia” para as eleccións de 1952, sucédeme algo, cando menos, curioso. Hoxe en día teño uns problemas a cada paso maiores para lembrar o nome dunha persoa ou cidade ou país, cando  o quero dicir e non me vén á cabeza de ningún modo, e pasan días, e semanas, e meses sen podelo recordar. A Prío Socarrás, cuxo nome e aspecto vin nunhas fotos en “Bohemia” hai preto de setenta anos e non me mereceu maior interese, agora, tanto tempo despois sen nin sequera ter pensado nel nin unha vez, vénme á memoria en calquera momento. En cambio tiven que buscar en google o nome do seu adversario naquelas eleccións, que como símbolo ostentaba unha vasoira para varrer o estado corrupto, cos lemas “Vergonza contra diñeiro” e “Prometemos non roubar”.

   Aquel aspirante a presidente chamábase Eduardo Chibás, e entre os seus seguidores contaba cun avogado de ascendencia galega chamado Fidel Castro, cuxa historia (a dos dous) é merecente de que algún amigo lle dedique un “chanzo” cando poida. A min hoxe acordóuseme outra persoa tamén vista en “Bohemia”: a actriz italiana Silvana Pampanini, en quen, vaia vostede saber por que, me fixei nunha foto súa con este titular: “Silvana Pampanini asegura sus senos por un importe similar al precio de un yate de tamaño medio”.:

            E tamén hoxe as fotos de “Bohemia” me trouxeron á memoria un texto non sei se lle chamar filosófico ou de que outro tipo. O relato dicía pouco máis ou menos así: «Xan e Pedro eran irmáns xemelgos. Xan pasaba as horas mirando o ceu infinito, admirado do brillo das estrelas e do movemento harmónico dos astros. Diante daquela grandeza, o seu espírito encollíase, e comprendía claramente toda a súa pequenez frente ó conxunto grandioso do universo.

            »Xan era un anano», dictaminaba o autor.

            En cambio «Pedro adicábase a estudar minuciosamente a vida dos insectos entre as flores do campo, contemplando o afanoso ir e vir dos membros dun formigueiro ou o andar ondulado dunha miñoca entre a herba. A Pedro íaselle o tempo sen se decatar e diante daqueles animaliños atarefados, sentíase engrandecido e superior.

            »Pedro era un xigante». Así, sen máis.

            Esta especie de fábula lina tamén na revista “Bohemia”, ilustrada con debuxos nos cales se daba a entender que Xan era anano por perder o tempo en observar o ceu e as estreliñas, mentres que Pedro, por mirar para o chao, era un xigante. Descoñezo as razóns que motivaban estas cualificacións,  como tampouco sei que outra opinión tería o autor da historieta dos que perdiamos o tempo admirando a Silvana Pampanini.

 

P. S. A foto da Pampanini aparecida daquela en “Bohemia” non puiden localizala en internet. Certamente é unha pena.