luns, 29 de xuño de 2015

Na hora de parir (III)




  
          Unha muller recén parida ha de ser moi ben coidada, e se ben na hora posterior non era ben que se atiborrase de comida, e a dieta limitábase a un caldo limpo de galiña, para “axudarlle a limpar o corpo”, si nos días seguintes, en que se reservaban para a nai manteiga e chocolate, pans de ovos e toda clase de lambetadas, tal son flans e ata comidas especiais, non só dados polos da casa, senón tamén en forma de galano da veciñanza e demais familiares  maiormente pensadas para repoñela e que non lle falte o leite á criatura.
Mais a pesar de tantos miramentos, segundo nos conta Estrabón, era costume entre os galaicos que as mulleres, despois de parir, lle cedesen o leito ó pai da criatura, o que se coñece como a covada, un costume que se recolle en Galicia e León ata as primeirías do século XX, como unha maneira de involucrar ó pai na crianza do recén nado.
       Pero non todos os coidados son para a nai, evidentemente o neno ou nena tamén requiren unha atención especial, e especialmente unha atención e coidados da memoria.

venres, 26 de xuño de 2015

Mexía, os nobres de Mabegondo e a súa redonda.




Outro apelido da nobreza orixinario de Galicia, que teñen amplas propiedades en Castela mentres que aquí xa non lles queda nada son os Mexía. O primeiro de quen se ten noticia con tal apelido era García Díaz de Mexía, señor de Mabegondo, Santalla de Canáns, Mesia e Sarandóns, quen casou cunha sobriña do arcebispo don López de Mendo, un sevillano que mandou facer a coruñesa Colexiata de Santa Maria.
Resalta nesta familia o cabaleiro don González de Mexía que serviu ás ordes de don Henrique levando por escudo tres bandas azuis sobre campo de ouro.

xoves, 25 de xuño de 2015

Na hora de parir (II)

Remedios preventivos

Na hora de parir, recomenda a xente entendida na materia que axuda no parto poñer debaixo da almofada a chave da casa, e sempre a estampa coa imaxe de san Ramón Nonato, aquel santo que naceu estando súa nai morta, e hoxe é a invocación máis común para pedir axuda nos partos.
Segundo recolle o doutor Rodríguez López, se durante o parto se coloca unha flor nun vaso de auga, esta irá abrindo a medida que vai saíndo o recén, e unha vez nacido, o cordón umbilical da nenas sempre se deixa máis longo co dos nenos, para evitar que no futuro a nena teña hernias durante os seus embarazos.
E un remedio usado nos partos para conter a hemorraxia que se pode producir no parto, é colgarlle ó pescozo da parturiente unha saquetiña cun sapo vivo, e aquí debemos lembrar tantas e tantas figuras do románico nas que o sapo representa o sexo feminino.
E asemade lembramos o costume recollido por Taboada Chivite, referente ós partos complicados, aqueles nos que o perigo leva a sospeitar algún problema futuro para o recén nacido, quen nos conta que se lle mete á criatura o pico dunha pita polo ano, e se a pita morre o neno non sufrirá polas dificultades habidas.
     E despois de parir veñen os coidados á nai