domingo, 29 de novembro de 2020

Crónicas desde o Outro Mundo (99)

 

 

                As Xornadas Patrióticas Galegas de Montevideo

O Curmán de Undochán

                                                           

      


       Parellas ás de Buenos Aires, as Jornadas de Cultura Gallega naceron en Montevideo o ano 1956, por iniciativa de Casa de Galicia e do noso vello coñecido miñense Antón Crestar Faraldo. Así foi como entre o 5 e o 23 de xullo dese ano houbo unha exposición de pintura e artesanía galegas, unha velada musical no Teatro Solís e, entremedias, o día 13, unha conferencia de Ramón Suárez Picallo (daquela residente na capital porteña) na institución antedita.

 M. Vázquez Valiño ao pé da estatua

          de Rosalía, inaugurada o 30-11-86               


            Lamentabelmente apenas temos datos das seguintes xornadas (escápasenos se R. Otero Pedrayo, S. Martínez-Risco e E. Blanco Amor en 1959, 1961 e 1962, así como Emilio Álvarez Blázquez, neste ano, darían as suas palestras no marco delas); daquela cinguirémonos a enumerar como tal vez o máis salientábel, a presenza nesta cidade e evento de intelectuáis vindos da Galiza –e algunhas veces desde a beira veciña- a disertaren (en combinación co Centro Gallego de B.A.): Paz Andrade (1966), Alberto Vilanova (1967), Celso Emilio Ferreiro (1968), X. Alonso Montero (1969, voltaría en 2008), Basilio Losada (1970), Victoria Armesto (1971), Emilio González (1972 e 1984), Manuel Espiña (1973 e 1981), R. Carvalho Calero (1974), S. Martínez-Risco (1975), Rodolfo Prada (1976), D. García Sabell (1978), Chamoso Lamas (1979), Ramón Piñeiro (1980), Filgueira Valverde (1983), Carlos Casares (1985), Xavier Castro (1986), Neira Vilas (1989)… Xusto Beramendi (1999)…

            Igualmente deuse a presenza doutras figuras galegas por fora destas Xornadas e datas: Núñez Bua (1966), Méndez Ferrín (1968 e 2006), Lueiro Rei (1968 e 1972), L. Seoane (varias veces), como Emilio Pita, A. Pérez Prado (1969 e 1994), Alonso Ríos (1977), Sixto Seco (1979 e 1985), González Garcés (1982), Freixanes (1989), X.R. Barreiro (1991, etc.), M. Rivas (1991 e 2009), X.L. Valcárcel (2005), Suso de Toro (2007), os irmáns Pérez Leira, etc., etc.

            (Nese propio ano inicial 1956 celebraráse, en B. Aires, o importante e internacional I Congreso da Emigración Galega). Por suposto que as Xornadas –a certa altura (1965) organizadas polo Comité de Sociedades Gallegas e máis adiante pola Unión de Sociedades Gallegas (USG) e o Patronato da Cultura Galega- comprendían outras actividades. Por exemplo, as exposicións bibliográficas (1961, nas VI Xornadas, falando L. Tobío, a piques de deixar este seu país de residencia, (Crón. 89), ou outra en 1975). Por exemplo a ofrenda, diante da sepultura de Luis Fernández Bermello,  aos galegos mortos no Uruguai.

Non cabe dúbida que é fillo destas Xornadas –un mesmo grupo de galegos exercentes en todas as iniciativas- o Patronato da Cultura Galega, xurdido en 1964. E ahí van algunhas das suas accións e actividades non tratadas ata agora nestas crónicas. É 1965 cando, xunto a outras 15 sociedades galegas de Montevideo (feito pouco rexistrado), asina unha solicitude dirixida ao cardeal Quiroga, manifestándolle a preocupación por o idioma do país ter sido ignorado entre as linguas vernáculas con dereito a se activar nas prácticas relixiosas polo concilio Vaticano II.

            En 1969, a propia institución logra (Crón. 10) da Intendencia Municipal de Montevideo (concello) nada menos que a concesión de oito novas ruas, tales: Castelao, Curros, E. Pardo Bazán, Antonio L. Pereyra, Joaquín de la Sagra, Valle Inclán, Lugo e Santiago de Compostela. Nesa década a finar, xurden aquí diversas editoras, polo xeral de vida efímera: Eds. Banco de Galicia, Eds. Hoxe (da AUHGA: Asoc. Uruguaya de Hijos de Gallegos), Eds. Ronsel (de Casa de Galicia) e a única duradeira Eds. do Patronato da Cultura Galega.

            Na década seguinte dáse o feito (Crón. 82) do busto de Castelao, moldeado naquel augural 1956 polo escultor Escudero. E, a un ano do centenario (1986), inaugúrase o busto de Rosalía (Crón. 17), replicado (1988) na praza Galicia de Maldonado, promovido tamén pola USG, á sazón presidida por Roberto Santos Collazo (Coruña, 1940), ano este no que se consegue, polos mesmos, a praza Galicia da capital.

            O busto de Rosalía foi moi airexado polo xornalista Miguel Vázquez Valiño (Sabardes-Noia, 1910-1990), exiliado e activista a través de El Diario Español e do seu Suplemento Gallego (este de 1979 en diante), pluma omnipresente a prol da Nosa Terra, e, por suposto –co cal nos trabamos o rabo-, tamén das Xornadas de que tratamos, como integrante da Comisión de Cultura de Casa de Galicia. Desde o tan citado Patronato, en unión do seu directivo Albino García Cochón, foi axitador constante e frustrado da idea de pór o citado busto do Guieiro acarón do de Rosalía. En consonancia con todo isto, será Vieira de Prata 1985.

  

Dato musical: 85 anos separan duas pezas musicais que estranxeiros dedicaron a este país. En 1928 os españois Villajos (mús.) e Bolaños e Jofre (letra) deron a coñecer o chárleston “Al Uruguay” (Al Uruguay-guay yo no voy-voy porque temo naufragar). En 2013 o ruso Aleksey Igudesman e o inglés R. Hyung Joo, crearon o hit “Uruguay es el mejor país” (mejor que Francia y que París).