venres, 29 de abril de 2016

San Pedro Mártir ou de Verona



A este santo, natural de Verona, protector da orde dos dominicos e que oficiaba de inquisidor, tendéronlle unha trampa para asasinalo.
Entrara este freire na orde dos predicadores despois de estudiar en Bolonia e de que santo Domingo de Guzmán apreciara nel as dotes de bo predicador e grande coñecedor da Biblia.
Tal era a súa fama de home entendido en cousas sagradas, e dureza contra as herexías que por aquel entón aparecían no norte de Italia, que o Papa nomeouno inquisidor de Lombardía no ano 1251, pero non lle durou moito o cargo, porque o seis de abril de 1252, un sábado de pascua, cando volvía ó seu convento, nun bosque preto de Séveso, saíulle ó camiño un tipo que, instigado polo bispo Guissano e varios nobres milaneses, de tendencia cátara, asestoulle un golpe de machete na cabeza de deixouno morto.
Hoxe este santo é protector dos fabricantes de cervexa, dos zapateiros e dos vendedores de tecidos, e invocado contra os males da cabeza, os desequilibrios psíquicos, o mal do aire e o mal de ollo así como contra o meigallo.
En Ribadavia os devotos imploran a súa protección pasando por debaixo da andas do santo, e en Belvís (Compostela)  véndense allos benditos e escritos con oracións, que cobran máis poder se se tocan con eles a imaxe do santo.

xoves, 28 de abril de 2016

Tristán e Isolda



Por Pura Tejelo

Pero non era o viño : era a paixón, a áspera ledicia e a mágoa sen fin, era a morte.  A doncela encheu unha copa e presentoulla  á súa  señora. Esta bebeu fondos grolos e  logo  ofreceulla a Tristán, que  foi quen de baleirala.

Daquela  entrou Branguel  e viunos  mirarse en silenzo, como extraviados, como enfeitizados. Tomou a  copa, correu á popa e guindouna no mar, xemendo.

-Malfadada de min! Maldito sexa o día en que nacín e maldito o  día en que subín a esta nave! Isolda, amiga, e  vós, Tristán, o que bebestes foi a vosa morte.
A  nave singraba de novo cara a  Tintagel.


Estando sumida na lectura dunha versión de Tristán e Isolda, do romanista Joseph Bédier, coincidiume esa tarde acudir á inauguración das pinturas de Marisa Rodríguez  na Asociación de Artistas de Rego de Auga.
De entre as súas obras, quedei prendida na contemplación deste pequeno cadro  e comentei cos meus acompañantes se non vían unha nave discorrer pracidamente no sereno horizonte da acuarela.
Na  galería, unha morea de persoas distendidas saltaba dunha leria  noutra. Ninguén  podía imaxinar a traxedia que dentro do cadro se tecía. A rente nosa, no transcurso do lunch, estábase a producir un dos dramas más célebres da literatura universal.
Mais, pouco puidemos facer, pois, nun momento de distracción, o horizonte levou as velas e a nave virou, fóra das nosas miradas, cara a Tintagel. 

As Robigalias de Roma





Xa cara finais de abril, cando o trigo está en flor ou a punto de amosar os primeiros froitos, lembraban os romanos a Robigo, unha divindade que provocaba as enfermidades nos campos de cereais, co fin de combater pragas tan daniñas como é o tizón, ó que aínda nalgúns lugares chaman o Robigo, tal vez como lembranza daquela celebración romana ou como método de desprestixio que a nova relixión usou contra os deuses precristiáns. E unha maneira de combater esa praga era soltando raposos ós que se lles poñían fachas acesas nos rabos. Unhas veces soltados como remedio profiláctico e outras como rito preventivo.
O ritual remataba co sacrificio dun can que había de ser de tons amarelos, como o trigo, e unha ovella, ós que se lles sacaban as vísceras para queimar nun altar en honor de Robigo.