sábado, 27 de xaneiro de 2018

A procura da fama



       
  

Algo tan doado de comprender como é a procura da fama, deses cinco segundos de gloria que fan pasear polos platós a todo tipo de personaxes que acoden coa única pretensión de sacar unha expresión de asombro polo que fan ou din, está tan estendido que xa non nos sorprende. O afán por converterse en líder, en diferenciarse do resto sexa como sexa, abrangue a ricos e pobres, a nenos e maiores. A eterna aspiración a que nos dean palmadiñas nas costas é tan humana que a ninguén lle estraña que haxa xente que sen medo ó ridículo expoña o seu careto ou se preste á entrevista máis disparatada diante dunha cámara de televisión, e o caso é que hai un público cada vez maior para ver e gozar dos apuros dun tipo que por non saber quen era Amenofis IV é apoupado, ou como un pretendente feo é rexeitado e insultado pola raíña do baile cando lle pide a man publicamente, e aínda o aplauden e suben a cota de audiencia.


     Así é o espectáculo, pero como isto non chega, porque cada vez hai máis candidatos á gloria e os directores de casting non dan abasto para acoller tanta variedade e vaidade, os procuradores de fama botan man da Internet, o medio máis ó alcance de todos e que non necesita unha selección previa, co único afán de converterse nunha estampa viral, por ver quen fai a burrada máis grande. Xa pasou a moda de darse un baño no mar e gravalo para a rede ou botarse un caldeiro de auga pola cabeza. Tamén chegou ó seu fin (espero) aquela salvaxada da “Balea Azul”, no que os xogadores habían de superar unhas probas a cada cal máis absurda e perigosa, ata acabar na número cincuenta en que se propón o suicidio do xogador. Evidentemente o gañador non é quen chega ó final.

     Agora, un amigo fálame dun novo xogo que se está estendendo pola rede e atenta contra a saúde estomacal e vital dos desafiantes, consistente e comer cápsulas de deterxente e logo publicar o desafío na rede polo simple pracer de amosarse, de desfrutar da fama de ser visto por un grupo de Followers que o aplaudan, por sumar cariñas sorrintes e erectos dedos gordos, agora que estes símbolos son máis valorados que as pesetas de prata. Son xogos propios da incultura anque abundan na adolescencia, como aquela carreira de coches que vimos nalgunha película onde había que frear o máis cerca posible dun precipicio. Unha demostración de que nesta idade, o adolescente séntese inseguro e trata de vencer esa inseguridade facéndose notar á conta do máis insensato risco, procurando o aplauso, a fama ou visibilidade da súa fazaña.
     O perigo destes comportamentos está precisamente nesta idade en que se tende á impulsividade, a mesma idade que os cazadores de adeptos a pseudorrelixións, agrupacións delituosas e terroristas procuran, precisamente por ser a idade máis vulnerable e arroutada, a mesma na que a persoa se debate entre o querer e o non poder, en que sente a necesidade de amos ar a súa valía, a súa singularidade e a súa maioría de idade. Un xogo este das cápsulas sobre o que as grandes difusoras de internet pretenderon evitar a divulgación, máis con pouco éxito.

   

E para prever estes casos non basta a atenta mirada dos pais, o control dos ordenadores ou a visualización das páxinas en que se meten os adolescentes, pois está demostrado que os rapaces máis propensos a seguir estas destrutoras modas son aqueles que senten a carencia de valores, aqueles que non teñen exemplos de conducta en que espellarse. Os que carecen dunha cultura que lles dea seguridade.