xoves, 26 de febreiro de 2015

Montenegro o liberador da doncela María



      Traemos este apelido a modo de homenaxe ós cabaleiros andantes que tanto debían abundar noutro tempo, os esforzados varóns que armados de lanza e espada se botaban mundo adiante para desfacelos tortos da vida e facer imperar a xustiza, pois tal debía ser o cabaleiro de quen descende esta estirpe, un procurador de desagravios, quen, sabendo que unha parente do rei do Galicia fora apresada por uns bandidos, foi a onde eles estaban e sen dor dos malvados pelexou con bravura ata cortarlle a cabeza ó capitán dos secuestradores, e liberou á doncela que tiña por nome o mesmo nome da Nosa Señora. E o rei, sabendo da valentía e nobreza do cabaleiro, deulle á súa parente por esposa e permitiulle que puxese no seu escudo, sobre campo de sinople un M  de prata con coroa real de ouro.

martes, 24 de febreiro de 2015

MILITARES BIZARROS



Por Pepe de Rocaforte
            Xa sei que o problema non é exclusivamente meu, pero é o caso que hoxe en día leo unha obra, de poesía, novela, ensaio, historia… e ó cabo dun mes, ou antes, salvo escasas excepcións, non me lembro sequera de tela lido. En cambio acórdome con bastante precisión de libros que lin de rapaz e adolescente.
            Conto esto porque hai uns días, repasando un xornal atrasado (non só coas novidades librescas, tamén cos periódicos deixo pasar un tempo antes de ler páxinas que por un motivo ou outro me chamaran a atención) vin unha información, “Descubren dos guiones inéditos y un cortometraje de Fernández Flórez”, na cal se falaba dunha película curta de 1951 , de José Mª Zabalza, traballo de prácticas na Escola Oficial de Cine, titulado “Una tragedia muy muy íntima”. “Una comedia con mala leche” segundo un directivo da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, quen comenta que se trata dunha historia antimilitarista na cal un militar franquista ó chegar á súa casa atopa á muller con outro home, pero apurado polas ganas de mexar, despois de ameazar de morte ós adúlteros, o que fai antes de nada é irse aliviar ó baño.
            O informante supón que a idea xurdiría dalgún artigo do escritor, porque non hai ningún texto de W.F.F. que se corresponda con ese título.
            A min veume inmediatamente á memoria o texto de Fernández Flórez e mesmo a ocasión en que o lin por primeira vez ós meus trece ou catorce anos. Volvía de me dar uns baños e facía unha calor que te obrigaba a buscar todas as sombras camiño da casa. E así e todo seguía a ler un libro empezado mentres secaba ó sol entre chapuzón e chapuzón. O libro era “Visiones de neurastenia” e o texto do cal debeu saír a idea da curtametraxe está no relato titulado “La historia de mis dos amigos”.

            Por certo, ese coronel Rombón que ó chegar á casa encontra á muller en brazos dun capitán da Remonta, non se debía tratar dun militar franquista, posto que o libro foi publicado en 1924, cando aínda o franquismo non impuxera tanta felicidade a esta parte da península ibérica. E tampouco a idea me parece esencialmente antimilitarista. Na miña opinión o que perseguía W.F.F. era darlle un toque máis cómico ó feito relatado.
            Para min a máis cruel imaxe antimilitarista do autor está en “El secreto de Barba Azul”, onde o xeneral Mikri, o maior talento militar de Surlandia, protagonista de cincuenta retiradas, todas gloriosas, sen excepción algunha, acosado polos inimigos da patria que o derrotaran sen paliativos, á pregunta de “¿Non fuxe vostede?”, sorrí e responde, “con amargo orgullo”, “Non fuxín nin fuxirei xamais, vou preparar unha das miñas retiradas, a máis grande, a máis asombrosa”.
            E efectivamente, ó cabo de dous anos remataba a volta ó mundo na súa retirada marabillosa e estaba na fronteira de Surlandia polo lado oposto a aquel por onde saíra. “Un recorrido único na Historia”, remachará Wenceslao con toda a seriedade do mundo.

luns, 23 de febreiro de 2015

QUÉROTE ERGUER



Por Pura Tejelo
                                                           Ilustración de Pura Tejelo

Mencer espellado na flor de edra violácea
tules de alma senlleira
indecisa na brétema da mañá.

Quérote erguer
apartarte da terra tan inmediata
como un sol na alta tarde

osiris grato aos meus ollos ,
saudosa lizenza onde recreei o meu ollar.

Foches imaxe de transparencias
na miña memoria grata.

Mira como núa de reflexos a noite
a fraga perde  o seu secreto
na augacion de grises.
Ti mais eu, fomos dúas pingas abrolladas
no intensísimo ollo azul do ceo.

( De Diálogo da Montaña e o Sol)