mércores, 31 de xullo de 2013

empeza agosto

Empezamos o mes de agosto, tal vez o mes no que máis festas e festexos se concentran, seguramente por ser o mes no que remata o labor da sega, e sempre que se acaba un ciclo, que se recollen os beneficios, é tempo de dar grazas á divindade, pero tamén porque queda máis tempo para relaxarse despois da faena, que ben o di o refrán: “agosto ardeiro, herba no palleiro”. E de feito, moitas da festas patronais traen ós seus protectores dos meses do inverno para festexalos agora que os días son máis longos, e os labores deixan máis tempo para celebralos.

Xa na cultura castrexa e celta era este o mes do Lugnasad, en honor de Lug, a quen festexaban cando se comezaba a colleita; un vocábulo que nas distintas acepcións tanto pode significar xogo como asemblea, durante a cal, o cabeza de familia, coa testa descuberta, cortaba un feixe de cereal que lle ofrecía ó sol entoando unha especie de oración ou “saúdo do segador”, unha festa que, segundo a tradición celta, instituíra o propio Lug en honor de súa nai Tailtiu, a deusa da natureza.

No calendario cristián este mes está dedicado á Virxe María, na súa advocación da Asunción, seguramente para desbotar a Ceres, a deusa romana da agricultura.

Pero aínda que esta é a festa principal, outras máis irán complementado este mes no que seguiremos loitando contra enfermidades e catástrofes tales como os lumes.

Vaiamos pois camiñando por este mes de festa, calor e recolla dos bens da terra.

sábado, 27 de xullo de 2013

Santa Marta a dadora de vida

A historia de santa Marta ten puntos que nos lembran á feiticeira Medea, aquela que para axudarlle a Xasón a recuperar o vélaro de ouro lle dá a auga máxica onde se molla un ramo de xenebreiro que, sacudido sobre a cara do monstruoso dragón que o custodia, permítelles desposuílo de toda fereza para alcanzar o obxectivo.
Así tamén, unha das representacións máis comúns de santa Marta e pisando ou traendo atado por unha corda a un dragón, chamado Tarascón, que asolaba con múltiples crimes e roubos a bisbarra da actual Marsella, un dragón como símbolo do mal, que ela dominou entrando na cova onde moraba e botándolle auga bendita para amansalo.
E sexa por isto, porque venceu ó maligno que traía a morte a todo un pobo, ou por aquilo que lle dixo a Xesús cando a tres días de ter finado o seu irmán Lázaro increpou ó mestre e amigo con aquela frase tan repetida: “Se estiveses aquí, meu irmán non estaría morto”, facendo que Xesús obrase un dos máis famosos milagres da súa andaina pola terra, é polo que é invocada por enfermos graves e de difícil curación, que lle ofrecen acudir ó seu santuario de Ribarteme levando como ex-voto o mesmo cadaleito que levarían se finasen, portándoo na procesión, metidos dentro do mesmo, como un defunto que volve á vida.

UM APELIDO. UM NOME: QUEIROGA, QUIROGA


                                                                         Por UM-DO-CHAO.



O apelido.
Di Méndez Ferrín que desde Menéndez Pidal acá se considera queiroga voz prerrománica.  Porque Queiroga é a versom primigénia nossa, logo castelhanizada em Quiroga, convivendo com Queiruga, ambas na toponímia, e desde ela passando à antroponímia, val dizer, é apelido toponímico, concretamente a partir dessa vila luguesa.
Mas antes fora o nome comum dumha planta que tamém é nomeada carpaza e, mais tamém, sei que, uz ou urze (que, por sua volta, dam nascimento a apelidos como Uzeira), com o qual mesmo poderíamos falar de apelido de origem botánica ou fitónimo. E som essas matas que dam aos nossos montes orientais a cor morada que os caracteriza.
 



As personagens.
Fazendo abastracçom dos Quiroga galegos famosos e numerosos (Antonio, Benigno, Manuel, Fernando, Elena…), dedicarei as breves linhas que seguem a falar dos Quiroga de além Cebreiro… Por orden cronológica temos (olhade que recuados!):
1 Vasco de QUIROGA, já castelhano (c. 1470-1565), destacado bispo de Michoacán (México).
2 Rodrigo de QUIROGA, de Abuim, no Savinhao lugués (1512-1580), conquistador e gobernador no Chile dos primeiros tempos espanhois, mesmo citado no canto XXV de La Araucana. A sua trascendência, como veremos aginha, vai bem além da sua própria persoa. Pois, dum seu irmao, Pedro de Quiroga, descem os Quiroga argentinos:
3 Juan Facundo QUIROGA (1793-1835), El Tigre de los Llanos, mito máximo do XIX argentino, caudilho do federalismo que acabaria triunfando anos depois da sua morte violenta.
4 Domingo Faustino (QUIROGA) Sarmiento (1811-1888) –cujo pai renunciara ao Quiroga-, escritor, pedagogo e presidente da República, no campo oposto ao seu parente recém citado –é clássico o seu ensaio Facundo. Civilización o barbarie-, político unitário europeizante (é dizer, liberal mas antifederalista), umha das discutidas figuras claves da história dessa república.
5 Mª Rafaela QUIROGA, (Sor Patrocinio na vida conventual) , popularmente conhecida como La Monja de las Llagas (1811-1891), castelhana, mas filha de fidalgo galego, foi conservadora personagem influínte na desvairada corte de Isabel II.
6 Horacio QUIROGA (1878-1937), narrador uruguaiano de sona universal, proveniente daquela família argentina.

Santa Marta a ama de casa

           
Cando Xesús e os seus discípulos visitaban a casa de Lázaro, metíanse no salón a charlar, a contar contos e a facer plans, mentres Marta ficaba na cociña, arredada deles, alargando a orella para escoitar as fábulas, parábolas e aventuras que contaba o Mestre, mentres lles preparaba o xantar, a merenda ou o que se terciase; e logo cando todos comían e seguían na sobremesa coa charla amena, ela tiña que retirarse para lavar a louza e esforzando a orella para escoitar.
Cando un día reprendeu a súa irmá, a Magdalena, que se metía entre os homes a falar e non lle botaba unha man para acabar antes, Xesús aínda a defendeu, amoestou á ama da casa.
Marta era pois, coma tantas amas de casa, unha muller que, por mor do deber sacrificaba o pracer de escoitar as historias do mestre, por iso me gusta esta imaxe que se conserva no mosteiro de Soandres, na Laracha, co seu bolsiño de ir ó mercado e esa expresión de resignación que se nos fai tan familiar.
Pero tamén, por esa atención que a pesar de todo poñía nas conversas que se levaban a cabo no salón ó que non tiña acceso, tamén é invocada para favorecer o bo oído e curar os males do mesmo.

venres, 26 de xullo de 2013

O día dos avós

Aínda non se decidiron os grandes almacéns e centros comerciais por impulsar a celebración do “día dos avós”, tal vez porque cadra en plenas vacacións de verán e os compradores están a outra cousa; ou por estar en rebaixas de verán e iso non garante suficientemente o negocio. Pero as entidades promotoras do consumo neste primeiro mundo de tarxeta de creto e papel de celofán, aínda moverán terra e ceo para adaptar esta data dalgún xeito. Á fin, o santoral ten esa vertente profana que adapta a figura ás necesidades económicas, e o que antes era un negocio exclusivo da Igrexa, agora esténdese ó gremio dos tendeiros.
Celebra o iconográfico e panteísta mundo occidental o festividade dos país da Virxe María, san Xaquín e santa Ana, dous vellos que ían quedar sen descendencia ata que un anxo lles trae a boa nova de que efectivamente, a pesar dos anos e do tempo pasado, van ser pais dunha nena, resaltando as posibilidades que a divindade ten contra todo prognóstico e contra as leis da natureza,  
Deles non falan os evanxeos canónicos, senón os apócrifos, pero aínda así ocupan o seu lugar no santoral e esténdense as iconas coa figura dos santos avós, dun san Xoaquín con turbante e dunha santa Ana de rostro engurrado aprendéndolle a ler á filla.

martes, 23 de xullo de 2013

O apostólico camiño por mar, raro e misterioso

            E se ben o máis lóxico, para calquera mariñeiro, sería, vindo de Palestina atracar nalgún punto do Mediterráneo ibérico, e logo buscar camposanto camiñando por terra, os discípulos de Santiago, desafiando os perigos e temores de todos os mariños daquel tempo, viñeron dando a volta polo mar Tenebroso, o temido mar da antigüidade e desafiando, asemade, as correntes cara as abismais cataratas da fin do mundo, nunha perigosa barca de pedra; e non lle bastou ver algunha punta de terra ou cabo da costa para rematar a perigosa singradura, senón que aínda chegaron a Padrón, amarraron a súa inestable embarcación a un poste que algunha vez foi usado para cultos pagáns e desafiaron a maldade da raíña Lupa, amansando os bois bravos con que ela quería enganalos.
            Son moitos os santos e non tan santos que retornaron a Galicia por mar en viaxes cargadas de fantasía e misterio.
            Falta unha detallada historia da odisea apostólica, con ese corpo decapitado que se mantén intacto ata encontrar o repouso eterno. Só coñecemos a última parte da viaxe, desde o intre en que albiscan terras galegas, o momento no que un cabaleiro, vendo pasar a embarcación quere acercarse a ela para ver que levan e metido ó mar co seu cabalo non a dá alcanzado, e ó saír, atópase cuberto de cunchas de vieira. E logo todo o que os seus discípulos han de soportar para trasladar o corpo santo en rota inversa á que seguían os devotos de Bandua, que se estes ían de terra para o mar, o Apóstolo viña do mar para terra a dentro. E amansa bois e dragóns, cura pestes e outras enfermidades.
            Non imos dar aquí as múltiples versións sobre a simboloxía de cada etapa, e de cada candidato a ocupar a santa tumba de Compostela, nin o por que de dar ese rodeo ata o Pico Sacro, pero é evidente que quen alí descansa ten moita historia detrás.

luns, 22 de xullo de 2013

O Patrón de Galicia

A grande festa de Galicia reúne peregrinos de todos os países e linguas, que por distintos vieiros veñen a onde se deita o sol para lle render homenaxe a aquel a quen nomean o Fillo do Trono.
            Ninguén con dous dedos de fronte pode asegurar quen repousa no que outrora era un campo de estelas, un cemiterio que conservou a memoria dos seus finados e ata os rituais de culto ós mortos que á fin descubriron este sepulcro venerado a través dos séculos. Hai quen pretende asociar un primitivo culto ó sol, seguramente a Apolo, e antes aínda a Bandua, o deus celta relacionado con ríos e fontes, ambos seguramente tiveron onde hoxe está a catedral un lugar de culto. Á fin, Bandua tamén era un deus guerreiro que contaba na Galiza co seu camiño iniciático, para levar ós seus devotos ata algún punto fisterrán onde, segundo as lendas conservadas, se embarcaban para acadar a illa da eterna Xuventude, esa mesma que os irlandeses chaman a Tir Na Gor ou o paraíso.
            Pero por méritos de devoción, o apóstolo Santiago fíxose amo e señor de toda unha tradición e acumula en si mesmo lendas e ritos que antes tiveron outros devocionados, tal a de cabalgar na nunca documentada batalla de Clavixo ó lado dos seus fieis, como outrora fixeran Rómulo e Remo na Tarraconense ou Cástor e Pólux no lago Régulo.
            E así os devotos do Apóstolo alcúmano o fillo do trono, tal vez sen lembrar que tamén Apolo, deus a quen se invocaba conta a peste, o deus que os gregos asocian con Helios, o deus solar, era fillo daquel que ten como atributo o raio, de Xúpiter.
            Preguntarse agora quen está enterrado en Compostela xa non ten maior importancia, quen queira que sexa evoca ó sol, ós tronos, ás fontes e ós exércitos. Chámese como se chame eu prefiro chamarlle o Patrón.

xoves, 18 de xullo de 2013

A santa e divina auga

                                    



Camiñamos por un mes con forte presencia acuosa, marítima ou non, pois é neste mes onde non falta romaría coa súa fonte benfeitora. En Allariz temos a santa Mariña de Augas Santas, o día 18, a santa galega que se negou a sucumbir ós reclamos amatorios do invasor, e cuxo sepulcro se encontrou, como o do Apóstolo Santiago, despois de que un eremita vise unhas raras luces no bosque, en tempos de Afonso o Casto, e en cuxo santuario os devotos se lavan nunha fonte que mana sobre unha pedra con forma de orella para curar os males de oídos. O día vinte é a santa Margarida de Montemaior, na Laracha, a santa que repartía pan entre os cativos e facíao pasar por rosas, onde tamén se lavan os devotos na súa fonte para curar os males da gorxa e da pel, o vintedous é a Magdalena, aquela que lle lavou os pés a Cristo coas súas propias bágoas que tamén ten santuarios espallados polo país, como na Barbanza, coa súa fonte de augas curandeiras.


            E mentres aquí andamos de santiñas lavadoras, ¿que pasaba en tales datas en Roma?. Pois tamén o día dezaoito tiñan unha romaría con comida campestre nun bosque sagrado situado entre a vía Sálica e o río Tíber, en lembranza da hospitalidade que os romanos encontraron tras ser derrotados polos galos. E o día vintetrés era o día de Neptuno, o deus do mar, que tanto axudaba como castigaba ós seus devotos, ós sufridos e submisos mariños, pero tamén é o creador do primeiro cabalo e polo que neste día, mentres aquí andamos a voltas coa rapa das bestas, alí coroaban ós equinos con loureiros e flores e facíanos desfilar exentos de calquera tipo de labor en tal día.


luns, 15 de xullo de 2013

Um apelido, um nome: ALDAO – ALDÁM – ALDANA – MALDONADO

                                                                        
          
Por UM-DO-CHAO

O apelido.
Assi relacionam os estudosos (entre os que nom faltou o Padre Sarmiento) a evoluçom dum apelido originado em topónimo (de supostas raízes germánicas, que baixo a primeira forma remanece em Portugal norte e na Nossa Terra adoptou a segunda). Convertido em apelativo (do que hai –segundo Elígio Rivas- documentaçom quando menos desde o século XIV, adquiriu novo feitio como Maldonado –prévia passagem por Aldana- em terras de Castela, já pola segunda metade do XII. Dada a sua antiguidade nom é raro tivesse tantíssima difussom, bem que fosse co disfarce castelhano, prácticamente inidenficável, nessa última versom, co vocábulo primitivo. Mas é a esta forma enxebre nossa, Aldao, que limitaremos a nota de hoje… sem deixarmos de sinalar a sua ocorrência no eixo Arteixo-A Laracha-Carvalho… e mais em Marim.


Teatro Lavardén. Rosario de Santa Fe
A personagem.
Neste caso o nome é o do arteixám JACINTO BERNARDO DE ALDAO (1694-1748), quem levou o apelido a Buenos Aires, onde se desempenhou como importante mercador e figura no censo de 1744 como “nacido en San Roque de la Piedra, ciudad de la Coruña, tres leguas apartado… feligresía de San Esteban de Larín, junto a Payosaco, bautizado en San Julián de Coyro”. E transcribimo-lo como exemplo dum emigrante fidalgo que déu profussom de dados da sua procedência rural (onde tantos outros a ocultavam). E traduzimo-lo esclarecendo termos e acrescentando ubicaçons.
Jacinto nascera no paço de Mosende (Larim, que disque ainda conserva as armas dos Aldao), lugar da Pedra, sendo baptizado no vizinho Coiro larachês. Segundom (o vinculeiro: seu irmao Juan Francisco) duns pais que moravam simultaneamente na Corunha, emigrou tantos outros aristócratas sem bens de seu.
El e sua mulher, María Teresa de Rendón, fórom pais, entre mais, de María Josefa e Juan Francisco. Aquela foi mai de MANUEL JOSÉ DE LAVARDÉN Y ALDAO (1754-1809), pioneiro das letras argentinas (como que morto um ano antes da Revolución de Mayo) coa primeira peça dramática do Rio da Prata (val dizer, os actuáis Argentina e Uruguai), Siripo (1789), entre outras obras.
Amais del, temos a CAMILO DE ALDAO, neto daqueloutro Juan Francisco, que exercéu como governador de Santa Fe (1868) e foi pai (já sem a preposiçom de) de MARTÍN C. ALDAO (1875-1961), romancista rosarino de destaque nas letras do seu país.

domingo, 14 de xullo de 2013

A advocación do Carme

            As xentes do mar, desde antigo, honran a deuses, divindades ou santos que tiveron algunha relación coa súa profesión, tal é o caso de san Pedro, santo André, san Bartolomeu ou santo Adrián, e así, as parroquias mariñeiras, de antigo teñen por patrón a algún destes santos, e só naquelas parroquias da beiramar nacidas despois do Concilio Vaticano II (arredor de 1960) escolleron para patroa á Nosa Señora do Carme.
            E ¿por que esta advocación da Virxe vén a erixirse en patroa absoluta do mariñeiros?. Pois só polo escapulario, consistente nun anaco de hábito carmelita colgado dunha fita.
            Segundo a lenda foi a Virxe María quen aló polo comezo do século XIII se lle apareceu ó eremita Simón Stock no monte Carmelo, en Palestina, dicíndolle que todo aquel que morrese co escapulario pendurado do pescozo, non sufriría as penas do lume.
            A orde carmelita converteuse a partir deste intre na protectora dos obreiros que tiñan oficios de alto risco, tal como os mineiros, que baixaban ós pozos co escapulario, pero a partir do século XVI, cando santa Tereixa e san Xoán da Cruz refundan e estenden a orde, acóllense a ela, maioritariamente os mariñeiros, e a Virxe do Carme aparece en iconografías salvando almas do purgatorio e náufragos que agarran o escapulario que a Virxe lles bota como se fose un cabo que os salva.
            E, desde abril de 1901 a Virxe do Carme é patroa da Armada española.

venres, 12 de xullo de 2013

Cástor e Pólux

            Neste mes das invocacións mariñas, habemos de empezar por lembrar ós xemelgos Cástor e Pólux, aínda que só sexa por unha cuestión cronolóxica, xa que tamén eles eran protectores dos mariños, quen os invocaban cando algunha tempestade os ameazaba; pois estes dous irmáns, que se enrolaran con Xasón na procura do Vélaro de ouro, estando en certa ocasión a nave a punto de sucumbir baixo as ondas, os demais tripulantes viron como sobre as súas cabezas aparecían unhas luces, unhas fosforescencias que axiña entenderon como os lumes dos xemelgos, ou os lumes de Cástor e Pólux, indicativos de que habían de saír con ben de tal perigo, o que nos lembra ós lumes de san Telmo.
            A devoción nestas divindades tamén a tiñan os moribundos, convencidos de que eles serán quen os guíen polos vieiros de ultratumba.
            E tal era a fe que os romanos chegaron a ter neles, que cando na batalla de Regilo, no 496 a.C. foron invocados, apareceron montando en cadanseu cabalo, un branco e outro negro, para lle axudar ós seus devotos a gañar, e polo que cada 15 de xullo, os romanos celebrábanlle unha festa con desfile de cabalos incluída, desde o templo de Marte ata o deles.
           Como veremos, deles herdamos moitos ritos, crenzas e advocacións.

mércores, 10 de xullo de 2013

A competencia entre santuarios

         A competencia entre santuarios
         Lembrade aquilo de:
                            Se vas ó san Benitiño
                            non vaias ó de Paredes
                            que é moito máis milagreiro
                            o san Benitiño do Lérez.
         Ambos santuarios son acubillo dun mesmo santo, ou personaxe, pero os beneficios evidentemente non pertecen ó finado, senón ós xerentes, verdadeiros xamáns que por euros sen recibo ou bonequiños de cera véndenche a esperanza dunha cura.
            Ou sexa, que cos santuarios é coma cos hospitais, que os hai bos, malos e para ir entrampando. Pero como queira que sexa, aló iremos, co ánimo sempre disposto, como di a cantiga:
                        San Benitiño da beira do monte,
                        ei de ir aló se non morro esta noite,
                        ei de levar unha bota de viño
                        pra emborracharme no san Benitiño

martes, 9 de xullo de 2013

San Bieito e a curación das afeccións cutáneas

         A san Bieitiño pídenselle moitas cousas, pois é un destes santos que acadaron tal nivel de graza entre os devotos, que é o intermediario escollido para lle pedir a cura das afeccións cutáneas, verrugas e outros males relacionados coa pel. Para iso as fontes próximas ós seus santuarios énchense de xente que, despois de lavar e limpar a zona afectada deixan o pano usado para tal función a secar, coa seguridade de que a enfermidade queda no pano e así como o pano seca tamén seca o mal.
         Outro dos sistemas usados como elemento curativo é o aceite da lámpada que alumea ó santo, o cal, por estar en contacto co divino recolle as santas virtudes para aplicar á parte afectada do corpo do devoto e retirar o mal que nela poida haber.
         ¿De onde lle vén este poder ó san Bieitiño?. Sobre todo e ante todo, por ser un dos que están sentados á destra do Señor, e entón sempre pode influír para atender a petición do devoto.
         De todas maneiras, como sempre na especialidade do santo ha de haber algo na súa vida que lle facilita a especialización, sobre isto dos males da pel, lembramos que as haxiografías contan que este santo, que tamén foi home, en certa ocasión, sendo aínda mozo e estando en Roma, viu unha rapaza tan guapa que lle quedou gravada na cabeza, e así, cando ó varón que fixera votos de castidade, lle acordaba aquela beleza, espíase e botábase nunha silveira a rozar e mortificar o seu corpo ata deixar á silveira sen espiñas.
         E na provincia de Ourense, no san Bieito da Cova do Lobo, levan ós nenos que teñen o tangaraño, para pasalos por debaixo dun enorme penedo que hai preto do santuario, invocando ó santo mentres se fai o rito dicindo:
         Señor san Benito
         meu fillo che traio,
         doente cho deixo
         devólvemo sano.

o corvo de san Bieito

         San Bietiño de Nursia, o fundador da orde benedictina, retirouse en certa ocasión a facer penitencia a unha cova arredada do mundo e de onde houbese sinal humana próxima, con intención de alimentarse, unicamente da palabra e da mensaxe de Cristo. Pero o corpo non entendía desas cousas e home pasaba fame, e entón, por intervención da divindade, que se apiadou del (porque ninguén vai crer que el fose capaz de adestrar a ningún animal) un corvo viña cada día a traerlle un molete pan, por iso a san Bieito se representa co corvo ó lado, negro coma o seu hábito, pero tamén contradicindo o significado de ave asociada á morte, para converterse aquí nun símbolo de vida.

domingo, 7 de xullo de 2013

Un apelido, un nome: OS POMBO E OS POMBOS

                                                                                                                                                                                     
Por UM-DO-CHAO.
O apelido.
Segundo nos informa X. L. Méndez Ferrín, Pombo, palabra galego-portuguesa, “significa duas cousas: ‘macho de pomba doméstica’ e ‘pomba selvagem’”, tudo originado no latim, de onde, tamém, a variante que dá o nome pessoal feminino Comba, ‘pomba doméstica’, naquela sua língua mai. Passando Pombo a nome de família, ou apelido, do grupo animalístico, atravês da categoria de alcume ou alcunha, como acontecéu com Coelho/Coello, Gato, Golpe e Raposo, Jato e Tenreiro, Pato e Patinho/Patiño, Pita/Pinto, ou Lobo… e, se cadra, Cao (mália lhe tenham dado preferencia ao adjectivo -espanhol: cano).
Estas alcunhas podiam ser pejorativas ou até louvadoras, e se referir a aspectos físico ou moral, ou mesmo a hábitos do indivíduo. Neste sentido, o expresidente da Real Academia Galega opina que Pombo puido ser atribuído a “um varom afeiçoado às mulheres dos outros”, talmente infringindo o mandamento religioso, como sei que fai o macho da pomba doméstica, seqüestrando as fémias alheias para arrimá-las ao seu pombal.
Finalmente, os apelidos nom deveriam tomar o plural, que é costume vulgar, por isso o do título: Os Pombo é o apelido; os pombos som os bechos…
Abondo abondoso na Galiza, poderíamos fazer três grupos, um em Carvalho-Arteixo-A Laracha-Malpica… seguindo cara a Fisterra; outro na comarca de Sárria; o terceiro em Sanxenxo.

A personagem.

Mas aquí quería destacar a um relevante literato hispano-americano, um poeta colombiano, RAFAEL POMBO (1833-1912), o máximo exponente da lírica do seu tempo, coroado como poeta nacional em 1905. Porque el descia, directamente, de ESTEBAN POMBO (nascido em Sorriço, em 1721), que se radicou em Popayán –essa Popaián à que lhe cantou o nosso Avilés de Taramancos-, onde chegou a “Teniente-Gobernador y Justicia Mayor” no último terço do século XVIII.
Este e sua mulher, Tomasa de Ante (porventura galega?), forom avôs dos patriotas da independência Miguel Pombo y Pombo e seu irmao Francisco Antonio; Esteban e Sebastián Pombo; e Fidel Pombo, catro deles mortos violentamente pola sua causa; e bisavôs do nosso home, Rafael Pombo y Rebolledo.
Velaí um apelido nosso dos muitos que no mundo alcançárom sona, tantas vezes ignorada a sua recuada origem galega, mesmo polos seus modernos portadores…



venres, 5 de xullo de 2013

Hórreo da Mariña luguesa

Por toda a mariña luguesa abundan este tipo de hórreos con teito de lousas e varios pináculos que, ademais da simboloxía fálica que encerra, serven para suxeitar as lousas contra os ventos da zona. Son hórreos con morteiro de cal, por iso os donos os pintan con cores vivas, ás veces a xogo coa casa.
            Outro dos elementos que os distinguen son eses símbolos que gravan nos pinches, símbolos evocadores da fartura que debe gardar o graneiro, tales como rosáceas, estrelas ou cruces, que aínda que hogano xa non se lle dá un significado simbólico, si o tivo noutrora. Neste caso a rosácea de seis puntas como un símbolo solar que se proxecta no cosmos, pois do punto central vai medrando a figura ata o infinito, só será cuestión de seguir movendo o compás desde eses puntos finais que tocan o círculo. E así se pretende que sexa o gran que aquí se garda, que medre como un raio de sol, como a extensión do universo.

xoves, 4 de xullo de 2013

Anxiños negros

                    Claro que non son anxiños porque non teñen ás, pero sigo pensando que se os devotos que os ven lle dan tal condición, estes son anxiños, que aquí erguen ó ceo o anagrama da Virxe María, como os de Murillo levantan sobre nubes á Inmaculada; e daquela é de supoñer que o señor Machín estaba pouco informado cando escribiu a famosa canción.
        Estes anxiños foron pintados un século antes de nacer o cantante, e son negros, e están na catedral de Santiago.

mércores, 3 de xullo de 2013

A liberadora singradura da dorna

Debía estar moi desilusionado o Rei Sabio cando, á volta dunha das súas reais empresas, encontrou á nobreza alborotada, e entón, non exento de certa sorna, escribiu un poema para expresar o seu desexo de renunciar ós campos de batalla, de desfacerse das ataduras do seu manto real e fuxir das insidias da corte:
...  mais tragerei un dormón
e irei pela marinha
vendendo azeite e farinha; ...
Porque as dornas sempre deron prestixio a quen as tiña e liberdade a quen as pilotaba.
Non quero asegurar que este dormón fose algún antepasado da dorna que todos coñecemos ou, simplemente, unha barca daquel tempo. Sobre a antigüidade das dornas ninguén ten nada claro, por máis que, encol da súa orixe, a lóxica e a fantasía mestúranse en novelescas lendas.
Hai quen asegura que son as descendentes directas das embarcacións viquingas, que atacaron a ría da Arousa aló pola Alta Idade Media; e que os nosos devanceiros aprenderon a construíla nunha base que os mesmos normandos tiñan dentro da ría. (Non vos sei).
Quizabes os nomes das moitas pezas que a forman, as cales manteñen un vocabulario de orixe moi anterior ó dos termos mariñeiros actuais, puidera aclarar algo sobre os anos que hai que suca as nosas ribeiras. Nomes como "fura do traste" para designar o oco do pao da vela ou "remadoira de couso" para citar o lugar no que se instala o tolete do remo de babor, trasládannos a unha linguaxe exenta de engadidos alleos; tal sucede tamén co das distintas formas de construíla, de "calime" aquelas nas que as táboas do casco se montan superpostas, tal as tellas do tellado, ou de "tope", para aquelas nas que estas van unidas pero sen montar.
Máis misteriosa é a súa técnica constructiva, na que cada unha das pezas, tal as dun crebacabezas, son elaboradas independentemente, e logo colocadas no lugar preciso; cada unha dunha madeira determinada e dunha forma irrepetible, tan perfecta, que a única evolución constructiva que desde sempre sufriu a dorna foi o reforzo do tope da popa para aguantar un motor fóra-borda.
E foi precisamente esa robusteza das formas, a que posibilitou, durante tantos séculos, que as dúas marxes da ría, na vez de estar separadas polo mar, estivesen por el unidas. Ela serviu de transporte e nexo de unión entre as dúas orelas, traendo ás repoleiras de Vilanova ó mercado da Pobra e levando a mandadeiras como a siña Sinforosa de Rianxo a Carril. A dorna era o vehículo por medio do que as dúas bandas da ría de Arousa formaron durante séculos unha bisbarra natural que, ata non hai moitos anos, tiña en Vilagarcía a súa capital, e as xentes de Ribeira, de Palmeira, da Pobra, de Boiro e de Rianxo, cruzaban o mar para ir ó banco ou ás tendas.
Non era, pois, usada só para a pesca, de onde recibe o sobre nome segundo a arte á que se dedicaba, trasmalleiras, polbeiras ou xeiteiras; a dorna era o medio que abría fronteiras naturais ou, como nos lembra o poema de Afonso X, a que servía para liberarnos de miserias e ataduras.