martes, 31 de maio de 2016

Fume de loureiro para curar o aire



 Por Rosa B. Vizcaya
      O loureiro, planta coa que se coroaba aos vencedores en Grecia en Roma, e tan abundante no noso país, era símbolo de Apolo, lembrando cando perseguía á ninfa Dafne e esta, para evitar o seu acoso, se converteu en loureiro.
     No santuario oracular de Delfos, dedicado a este deus, a pitonisa  mastigaba as follas e inhalaba o fume das súas baias queimadas para entrar en transo, e prognosticar o por vir ou aconsellar ás elites políticas, segundo a interpretación que os sacerdotes facían dos seus movementos convulsos, murmurios e gritos.
      En Galicia, son moitas as crenzas populares que consideran esta árbore  como portadora de características máxicas entre elas a que lle atribúe o poder de curar certos tipos de aire. Para iso hai que arrancarlle gromos ás doce da noite e despois queimalos pasando por riba do fume á persoa enferma, xeralmente unha crianza, mentres se pronuncian as palabras rituais tales como as que seguen:
 Loureiro que fostes nado
e non fostes plantado,
quítalle o aire a este meniño,
de vivos, de mortos
e de condenados.
     É imprescindible que o loureiro non fora transplantado e, como na miña horta naceu un ventureiro, póñoo a disposición de quen o necesite para un remedio.
     Por outro lado, segundo nos lembra a historiadora recén premiada co premio Princesa de Asturias, Mary Beard, contan as malas linguas que coa coroa de loureiro disimulaba a calva Xulio César.

venres, 27 de maio de 2016

LABIOS DE COMEDIA



Por Pura Tejelo




Botóns para un abrigo  triste
                       prendedor de verán
                       anel de orella
                       para o teu día gris.

Labios de pallaso serio
de pintor de cámara flamenco
beizos  que convidan ao silenzo
e borboriñan serenos.

Labios de cabaleiro
              de comedia
   de revista literaria.

Solemnes de noite
pálidos de día.
Brochas grosas,
finas,
 lápis 
que se enmarcan
de acuarelas
labios de azucena
aves do  Paraíso.

Follas de outono autodidacta.
Beizos de comedia 
en revista literaria.