mércores, 31 de agosto de 2016

AVENTUREIROS MARÍTIMOS




Por Pepe de Rocaforte
Conta o escritor Ignacio Sánchez Ortega que no ano 1984, durante unha estancia na vila alacantina de Moraira, tivo información sobre a vida dun aventureiro local, Pedro Villena, que a mediados do século XIX viviu unha curiosa historia pola que o escritor se sentiu inmediatamente fascinado.
Disposto a levar ó papel a relación da gran aventura de Pedro Villena, Sánchez Ortega prolongou a súa estancia en Moraira a fin de recadar máis información, facendo un periplo polas librerías de vello da zona levantina, así como polas redaccións dos xornais, á procura de datos para a súa narración.
O afán por informarse levaríao a Alxeria, despois ó sur de Italia, e como remate a Istambul, Asia a un lado, ó outro Europa, que dixo Espronceda, o xeógrafo. E todo sen ningún resultado positivo.
Esta falta de resultados fíxoo renunciar á redacción da historia de Pedro Villena. Pero as súas indagacións, idas e voltas á busca de información, proporcionáronlle material para un libro, “Aire mediterráneo”, que pasaría sen deixar rastro porque ós tres meses de posto en circulación regresaría das librerías ó tanatorio de libros, sen ter merecido sequera unha crítica, nin unha simple reseña, aínda que fose reprobatoria, en ningún medio informativo.
É posible que de casos coma este nacese a socorrida expresión de “a aventura de escribir”. Non o sei. Eu lembreime agora del porque o outro día estiven en Aguete e nun casarón do porto vin unha placa co seguinte texto: “Aquí vivió y murió Juan Gago de Mendoza, corsario, guerrillero y caudillo, que al frente de las Alarmas de Morrazo liberó a Marín del yugo napoleónico, la Agrupación para la defensa de Marín – Ademar”, en el CXCIX, aniversario de la gloriosa gesta, como testimomio público de recuerdo y gratitud por su heroico comportamiento. Marín, 4 de abril de 2008. Día de la Liberación”.
Gustaríame máis ver ese texto en galego, pero é o que hai. E haber tamén hai un libro de Alberto Fortes, “O Corsario”, onde se novela a vida desa personaxe, amén de varias outras informacións doadamente asequibles en internet, cousa que non sucede co aventureiro alacantino, polo cal vou quedar coas ganas de saber en que consistiu “a gran aventura de Pedro Villena”.

luns, 29 de agosto de 2016

O san Ramón de Vilalba



                Pode parecer un debuxo de Castelao convertido en escultura, máis aínda desde que algún pintamonas lle soltou o chorro de pintura sobre os ollos dela e a boca del, e a pesares de que a ninguén lle dese por limpalo, a representación desta imaxe de Acuña que podemos ver en Vilalba, está moi relacionada coa grande festa desta capital da Terra Cha: O san Ramón, o avogoso das embarazadas, o protector dos nacementos, el que, levando por sobrenome o de Nonato ou Non nato, veu ó mundo despois de morta súa nai. Unha celebración con moitas devotas ó largo da historia e da xeografía, contra a alta mortalidade infantil de outrora.
             E aí van os dous ofrecidos, o matrimonio coa imaxe do santo portada como unha ofrenda, que tanto nos lembra a escultura de Asorei, da muller axeonllada. Pero aquí é a parella, que os meniños son cousa de dous, quen vai de romaría, ela embarazada, e el de compañía.
            O san Ramón de Vilalba aínda hoxe en día é unha das máis grandes romarías da Terra Cha.

mércores, 24 de agosto de 2016

OLIMPISMO POUCO LIMPO




Por Pepe de Rocaforte
            Este pasado domingo clausuráronse os Xogos Olímpicos de Rio de Janeiro e debo confesar que case non seguín o seu desenvolvemento. A estas alturas paréceme unha celebración con máis de circense que de deportiva, na cal quen non logra ganar algunha medalla case non conta para nada porque nela o importante é triunfar, non competir, en contra das intencións do Barón de Coubertin cando a resucitou hai algo máis dun século.
            De rapaz, en cambio, fun un seguidor apaixonado que soñaba con tamén un día participar nestas competicións. Nunca cheguei a cumprir nin de lonxe este desexo e o meu entusiasmo, por ese e outros motivos, acabou por esmorecer.
            O primeiro desencanto, aínda que esta non sexa a palabra máis axeitada, empezou a medrar durante a celebración da Olimpíada de México en 1968. Neses Xogos produciuse un feito esencial cando os gañadores da carreira dos 200 metros lisos subiron ó podio para recibir as medallas acreditativas do seu triunfo.
            Foran medalla de ouro o estadounidense Tommy Smith, medalla de prata o australiano Peter Norman e medalla de bronce outro estadounidense, John Carlos. O primeiro e o terceiro clasificados eran negros, militantes do “Proxecto Olímpico para os Dereitos Humanos” e cando no alto do podio empezou a soar o himno norteamericano baixaron a cabeza e ergueron o puño cunha luva negra, no saúdo dos “Black Panters”.
            Rematada a cerimonia os atletas foron expulsados da vila olímpica e de volta nos Estados Unidos recibíronos como delincuentes, segregados da sociedade e imposibilitados para atopar traballo en ningures. É dicir, Tommy Smith puido ganar a vida como lava-coches nun aparcamento e John Carlos foi cargador no porto de Nova York, a súa muller suicidouse e el, en 2010, viuse obrigado a subhastar a súa medalla olímpica para poderse manter. Todo eso por seren coherentes na súa loita pola igualdade racial.
    
  
            O que non sabía era o que lle sucedera ó ganador da medalla de prata, o australiano Peter Norman, cuxa sorte acabo de coñecer agora gracias a un artigo de Juan Forn no diario arxentino “Página-12”.

Antes da cerimonia de entrega de medallas en México-68, John Carlos e Tommy Smith contáronlle ó velocista australiano o que ían facer no podio. Norman mostrouse de acordo con eles e pedíulles unha pegatina do “Proxecto Olímpico para os Dereitos Humanos” para lucila no peito, en solidariedade con eles, durante o acto.
De regreso en Australia Peter Norman foi condenado ó ostracismo. Conminárono a pedir perdón pola súa actuación en México, pero el negouse. En castigo non foi seleccionado para os Xogos Olímpicos de Munich-72 a pesar de ter as mellores marcas australianas en 100 e 200 metros lisos e cando se celebrou a Olimpíada de Sidney no ano 2000 e todos os medallistas australianos foron convidados a desfilar no acto inaugural, Norman foi excluído. Cando en 2006 morreu,  dun ataque ó corazón, os seus compañeiros de podio en México, Tommy Smith e John Carlos, viaxaron a Australia para levar a ombros o seu cadaleito.
Ata aquí se chegou nun país do cal descoñecía tanta intransixencia racista, admirador como eu fora de Herbert Elliot, australiano tamén, gañador da medalla de ouro dos 1500 na Olimpíada de Roma, a figura a quen por aquel tempo soñaba con emular.