luns, 30 de xuño de 2014

San Pedro de Armentón.



  
          Din os de Armentón que o seu é o único santo que non está no ceo, pois estando nas portas debe estar pola parte de fóra. Claro que outros aseguran, pola contra, que si está por dentro, porque as portas do ceo sempre tiveron mirilla.
            Sexa como sexa, hoxe traemos ó patrón desta parroquia arteixá, porque, aínda que o templo é unha igrexa de feituras novas, pola parte da ábsida aparece esta inscrición que nos lembra ó xefe de todos os deuses, como san Pedro o era de todos os apóstolos, e como aquel, que se distinguía por facer uso do raio contra quen non seguía as súas normas, este tamén era invocado en moitas parroquias de Galicia para protexernos dos raios. ¿Era daquela o solar onde agora hai un templo cristián un lugar de culto romano?. 
             Unha inscrición que está así na igrexa, dada a volta, ¿como proba de que era unha pedra dun templo antigo reaproveitada para o novo?; tal vez unha proba máis de que os piares da nova relixión están nas precedentes. ¿Ou unha inscipción que nos lembra a fabricación do novo templo? Máis en isto.

     Non está demais lembrar outros artigos deste caderno relacionados con esta advocación, tales a lenda do galo de Barrañán e a lenda da galiña de Lañas, dentro do artigo titulado Aves de luz e esperanza

venres, 27 de xuño de 2014

Versos ó xeito popular (VIII)




Por Andrés Terra


Ia eu borrar no carballo
O meu nome e mai-lo teu:
Díxome o cuco do alto:
“Tamén o novo é Xosé”.
            Disme que xa non te lembras
            Do bico que che dei onte:
            Nin sai o sol polo sul
            Nin se deita polo norte.
Se non te collo comendo
Atópote a troulear:
Que lle conten aos teus osos
Que non traballas, rapaz.
Regueiriño que non paras
            De cantar nesa revolta:
            Quén che me dera regueiro:
            Auga que pasa e non morre.
(1972)

martes, 24 de xuño de 2014

San Guillerme de Fisterra


   
         San Guillerme é un deses santos que, tendo todos os méritos necesarios para sentar en cadeira dourada no ceo, quedan ofuscados por outro santo con máis fama, e así, o san Xoán evanxelista (¿o nepotismo dos curmáns?) quitoulle progtagonismo a este, aínda que, en Fisterra, lle teñan un lugar de privilexio para a súa honra.
a cama do santo

            Quen era este san Guillerme non está claro, pois uns din que era o duque de Aquitania, Guillerme X, que os romances populares coñecen como don Gaiferos, outros din que era un tal Gelone dos tempos de Carlomagno, ou tal vez algún peregrino que aquí ficou a vivir, pero o certo é que neste mesmo lugar, que mira ó Pindo, suponse que antano, moito antes de que a palabra do Evanxeo soase na veciñanza, houbo unha Ara Solis á que os antergos habitantes peregrinaban para pedir o favor dalgún deus e os bens da natureza. Mais, fose como fose, as lendas que sobre este lugar se contan son múltiples e fermosas, facéndonos intuír que sobre un lugar de culto precristián erixiuse unha capela e morou un eremita que contemplaba desde lugar tan privilexiado o Atlántico; e aquí, durante anos de oración e contemplación, fixo o seu sarcófago pétreo e ó acubillo dunha rocha montou o seu oratorio, con tanto tesón, humildade e fe, que as xentes da bisbarra axiña apreciaron o froito da súa palabra. E se en vida fixo florecer o número de devotos adscritos á súa crenza, de morto interveu para favorecer a descendencia daqueles matrimonios a quen, ansiosos por ter fillos, o ceo non llos outorgaba. E así, cando unha parella procuraba santificar a súa unión co froito dun herdeiro que non daba chegado, había de vir (e viña), no intre en que as baleas cruzaban fronte ó cabo para norte, a fornicar sobre o sarcófago do santo; e se fornicaban con fe, o ceo concedíalles o favor, e senón non. O mesmo Padre Sarmiento que andou por aquí no 1745, nolo conta: No hace mucho tiempo, había una pila o cama de piedra en la que se echaban marido y mujer que, por estériles, recurrían al Santo y a aquella ermita.
            Á fin, estamos nas datas do solsticio, cando o sol baila en Fisterra antes de se meter no mar, cando as augas se purifican e o lume renova a vida, E san Guillerme tamén é un protector da vida.

UM APELIDO. UM NOME.



Por UM-DO-CHAO.
ARAÚJO, FAJARDO, MOSQUEIRA.

Os apelidos.
   
Manuel E. Araújo
        
Tempo e muito levamos merodeando estes três apelativos galaico-portugueses que implicam sérias dificuldades. É assi que apenas esboçaremos algumhas possíveis linhas explicativas dos tales, sendo essas dificuldades o único comum a todos três.
            ARAÚJO e FAJARDO haveria que, fieis à História, escrevê-los deste jeito, com j, sem por isso deixarmos de pronunciá-los como se se escrevessem com x: ao primeiro califica-o M. Ferrín de pré-latino e ambos conquistarom ampla difussom no mundo. ARAÚJO E MOSQUEIRA som topónimos, aquel existente de umha e outra banda do Minho, este exclusivo nosso e, como tal (como nos surpreender!), esperávelmente e universalmente castelhanizado em Mosquera (terá algo que ver com mosca?).
            Pola sua parte, ARAÚJO, que teria como solar Lóvios, tem-se disfarçado em Araúcho (a exemplo de Teixeira em Techera!) e em português acentua-se graficamente… detalhe do que se prescinde em espanhol. Quanto a FAJARDO, que os tratadistas situam com solar em Ortigueira, tem na Galiza um topónimo semelhante: Faxarda. E em Portugal alcançou seródia categoria de alcunha pejorativa (rateiro, ladro), sei que a partir do apelido Fajardo dum malaventureiro portuense do século XIX, que mesmo originou o vocábulo luso fajardice (logro para furtar)… mas se mantendo a significaçom de tal palavra sem explicitar.

            Ao respecto, Eligio Rivas aventura varias hipótesis, desde a lusista (fajâ: terra baixa e chá; fajarda: pequena propriedade rústica), até a galeguista (faixardo, de faixa/faixar: fita de terra), passando pola castelhanista (fajardo: porçom de massa ou amoado)… Com razón fugíamos nós destes pântanos! Pois bem mais doado é relacionarmos indivíduos com tales nomes, e aí vam.

As personagens.
1 Manuel ARAUJO (1865-1913), salvadorenho, presidente da República, progressista e assassinado durante tal desempenho.
2 Orlando ARAUJO (1928-1987), venezolano, escritor, economista, docente e jornalista comprometido coa democracia.
3 Francisco FAJARDO (c. 1524-1564), crioulo venezolano, conquistador de parte do país, aforcado e esquartejado pola Justiça de turno.
Joaquín Mosquera-Figueroa
4 Diego Saavedra FAJARDO (1584-1648), murciano, escritor e diplomata de envergadura, com estes dous apelidos nossos.
5 Joaquín MOSQUERA-FIGUEROA (1787-1878), colombiano, duas vezes presidente da República, jurista e militar, com tamém eses dous apelidos galegos que herdara do pai, ambos e varios membros mais, com destaque histórico, pertencentes a umha família da Nova Granada, aonde chegaram, uns desde Ourense-cidade, outros desde Estremadura.

luns, 23 de xuño de 2014

ANUNCIOS BREVES




Por Pepe de Rocaforte
         

  Non sei se coñecen vostedes a historia do grupo escultórico “Os mariñeiros”, ou “Tirando da rede”, obra de Ramón Con­de, situado ó inicio da Gran Vía de Vigo. Ese grupo, cheo de forza, que a min me suxire, entre outras, as ideas de esforzo e de traballo en común, estaba pen­sado en prin­cipio para ser ubicado na fonte da coruñesa praza da Palloza cando foi reformada con motivo da cons­trucción dun apar­cadoiro subterráneo no seu subsolo. A última hora xurdiu un desacordo por parte do goberno municipal de Paco Vázquez, ó parecer por considerar excesivo o seu prezo, e a obra marchou para Vigo.
            Por aquel tempo aínda non eran moi do dominio público as relacións “comerciais” entre empresarios e políticos, pero cheirábanse e así o dá a entender este pequeno texto aparecido nas páxinas de “Anuncios por palabras” dun xornal galego, que no seu día recortei pola súa curiosidade.

            Tampouco deixa de ter o seu punto curioso ese outro recorte, unha chamada de amor desesperada, ¿ou tal vez unha mensaxe en clave?
  ¿E que dicir desa “nota de sociedad” aparecida no "ABC", con toda a pinta dunha vinganza por parte dun pretendente despeitado?
Aí as deixo todas á consideración do desocupado lector

domingo, 22 de xuño de 2014

O KORRUNTXO DO OKUPA.



            Non vos sei se isto de okupa me cadra a xeito. Segundo seguramente dirá o disionario da Imperial Academia Española, okupa será o que ídem unha vivenda que non é tal, ou sexa, a casa ou piso onde non vive ninghén… E o chalé Os Chansos non é o caso. Pois nel vive ou mora unha fauna encabesada polo seu líder ou xefe (está por ver se o leghalisamos mediante referéndum) seghido por un tal Pepe de Rocaforte e un outro tal Undochao (vaia nome que se ghasta éste) e máis unha tal Rosa Benigna (que é apenas visitante) e outra cual Puri Tejelo… ollade qué morea de xente!

           En tal caso eu incorpórome a tal fauna e somente pido un currunchiño, a ver se así me van deixando introdusir as miñas teimas, que son moitas: prometo non incordiar demasiado; por exemplo, xa comer, como fora, que ven sendo o que máis conflito adoita ocasionar cos cohabitantes… Ora que o penso, todos os nomeados… ¿non serán eles tamén okupas? Tería que lles pedir a documentasión, a ver… Pola miña banda, aproveitei que o mentado xefe andaba fora, por non sei qué andurriales, para me meter neste formigheiro: e aghora que volvéu, veremos, malo será que non me aseite…
            Eu queríavos falar dun aspecto pouco comentado da nosa cultura ou o que foren a poesía e a cansión, ou, por mellor falar, o conxunto de ambas as duas, e as pifias que os cantantes cometen, moitas veses por seren urbanitas e teren perdido a retranca rural, o humor popular que vai desaparesendo a medida que a xente vella se vai indo, cousa que mesmo acontese coa sabedoría ansestral… e máis coa fala autóctona que diría un antropólogho.
            Reparade na Virxe de Ghuadalupe cando vai para Rianxo: a barquiña que a trouxo… pois non, señores!... se vai non a trouxo, isto é así de claro, polo tanto haberá que cadrar en que a Virxe veu… veu! Outros hai que din: A Virxe de Ghuadalupe cando vai para Rianxo, a barquiña que a leva (ata aí imos ben), pero: era de pau de laranxo… outra tal, amighiños! Se vai e leva… o pau é, é, non era! Ben se ve que a eses nenos na escola non lles deron aprendido as conxughasiós. Pero iso non vos é todo. Logho hai quen remata o touro disindo: Non te vaias, rianxeira, que te vas a marear! Polo visto o mareo dálle aos que se van: andarían maread@s @s mos@s tod@s que se ven obrigad@s a emighrar hoxendía… E non, andarán amolados, que non é ighual. O que lle hai que aconsellar á rianxeira é: non te embarques (ben sei que a maioría dos cantores din o correcto).
            Outra moi común: nese fermoso cantar de Chané sobre letra de Curros que éste lle dedicara á filla de Lusiano Pugha (e irmá do famoso Picadillo: Mariquiñas), por telo o tal Lusiano defendido con suseso no xuíso que o bispo de Ourense lle prantara ao vate por herexe… (Pugha e familia ían para a Habana non como pobres emighrantes, senón en calidade el de ghobernador do Banco de España, cando Cuba inda era, xa por pouco, colonia española)… pois nese poema don Manuel vai e dille: Que a morte é o diaño  e anda rondando as tellas do meu tellado… Pois van os intérpretes do asfalto, que pouco ou nada saben dos ditos populares, e cambian así: que a morte e o diaño andan rondando as tellas…          
Seguirémola calquera día…          coa vosa lisensa, que din os portugheses…

Amarradoiros


   
           
Nos vellos portos das nosas rías, consérvanse estes amarradoiros que aínda están en uso, esburacados en vertical e horizontal para dar bo xeito a quen os usa, amarradoiros de dornas e gamelas que antecederon ós norais e argolas que tanto abundan nos peiraos. Amarradoiros dun estilo que tamén aparece nalgúns lugares castrexos, como proba de que o que ben vale ben perdura.

 

.-.-.-.

O embarazo de Nerón





venres, 20 de xuño de 2014

Versos ó xeito popular (VII)

Por Andrés Terra




Chovería, chovería,
Chovería e non chovéu:
Perguntáronme os da aldea
Ónde mollara o chapéu.
(1972)

xoves, 19 de xuño de 2014

UM APELIDO. UM NOME.



Por UM-DO-CHAO.

FONTE, FONTÁN, FONTAÍÑA

O apelido.
André Napoléon Fontainas
De bem doada explicaçom, pois Fonte provém do latim fons, co seu plural Fontes, é apelido comum á área galaico-portuguesa. DA FONTE foi na sua origen e hoje escreve-se assi e numha palavra única: DAFONTE, tantas vezes traduzido a DE LA FUENTE.
            Como antiga que é, a sua família é extensa: FONTÁN, coa variante FONTAO (do que mesmo existe um condado, mas referido ao topónimo, segundo adoitam os títulos nobiliários) e o plural FONTÁNS, por veces castelhanizado em FONTANES (sem que saibamos da forma Fontás)…
…Como os diminutivos FONTENLA/FONTELA e FONTAÍÑA/FONTAÍÑAS (deturpado por aí, segundo veremos, em Fontaina/Fontainas, mesmo co cámbio de acento); assi como os compostos FONSECA e FONTOIRA/FONTOURA, e ainda temos entre nós  FUENTEFRÍA, aparente castelhano… que pode vir dum galego FONTEFRÍA o qual (nos remetendo a aquel castelhano romancesco de Fontefrida)  hoje nom se regista como apelido, e mesmo FONCUBERTA que, quase coincidindo co apelido catalám Fontcuberta, nom deixa de ser tamém topónimo galego (segundo nos recorda M. Ferrín).
Já que falamos de catalám, lembrem-se o apelido catalánico Font; e os castelhanos Fuente/Fuentes, ou o itálico Fontana (que tamém é arcaísmo espanhol, muito poético, por certo), ou ainda o francês La Fontaine, etc., etc.
Por sua volta, FONSECA (Da Fonseca) remete-nos a fonte seca, como FONTOIRA, apelativo eufónico de vez, a fonte áurea (Fernando Cabeza dixit), mais portuguesa  diría-se a citada variante Fontoura.
La soledad habitada, de G. Fonseca



Finalmente, fonte tamém forma parte das múltiplas augas minerais que nascem, mais ou menos manipuladas, em mananciais ondequer, podendo, a primeira vista, citarmos a catalá Fontvella ou a galega Fontenova (juro-vos que nom tenho acçons nessas empresas).

As personagens.
1 André Napoléon FONTAINAS (1807-1863), belga, politico liberal. Seu neto, o poeta André FONTAINAS (1865-1948). Supomos-lhes ancestralia galega.
2 Pablo FONTAINA Garrido (1865-1937), com nascência no concelho de Cotobade, destacado no Uruguai como primeiro direitor da Escuela Superior de Comercio e decano da Faculdade de Ciências Económicas montevideanas, fundando umha família pioneira na comunicaçom televisiva do país.
3 Gonzalo FONSECA Muñoz (1922-1997), uruguaiano, escultor e pintor, considerado o mais internacional no seu tempo. Seu tataravô de Cangas era, onde ainda hoje senhorea o apelido… apelido que levarom os famosos prelados composteláns de origem samorana.
4 Antonio FONTÁN Pérez (1923-2010), sevilhano, catedrático, jornalista e político.

.-.-.

Malos rumbos


martes, 10 de xuño de 2014

Á procura do solpor

       Para celebrar o san Xoán, pero tamén o santo Adrián, e o santo Antonio, saímos o mércores día 11 desde a Torre de Hércules na procura da luz do solpor en dirección a Fisterre, e de cuxa viaxe daremos cumprida conta ó noso regreso que agardamos para o día 25 deste mes de Xuño.
    O experimento que levamos en mente é o de ver bailar o sol nestas datas próximos ó solsticio, polo que iremos andando, sempre a carón do mar ata o faro Fisterrán, cargados con sextante, compás e gafas de sol, co único fin de confirmar que foi certo iso que se conta do Servicio de Intelixencia dos Castrexos, cando convenceron ás tropas de Décimo Xunio Bruto  de que, aquel que vise bailar ó sol sufriría en si e nas súas familias as máiores desgracias imaxinables, co que todos os soldados do exército invasor volveron para ocuparse das súas familias, porque todos, efectivamente, viron que o sol bailaba unha muiñeira cando se metía no mar, e asustáronse. É lenda, pero quedou escrita na memoria e a historia dinos que Décimo Xunio Bruto tivo que abortar a conquista pretendida, e os mesmos romanos, houberon de agardar un século máis para que outros xenerais e con outras maneiras máis pacíficas de asinar a paz se atrevesen a entrar neste territorio.
    E por certo, dado que os intrumentos de cálculo ocupan moito espacio, vémonos da obriga de limitar os víveres, co que, aquel que queira, pode procurarnos nalgún lugar da Costa da Morte, sempre e cando a súa visita sexa acompañada dunhas boas viandas, polas que vos damos as grazas anticipadas.
    E tamén, moitas grazas a todos polos ánimos que nos dades de cara a tan arriscada empresa.

domingo, 8 de xuño de 2014

ERAMOS DEUSES ENTRE A HERBA SECA DE AGOSTO

Por Pura Tejelo

                                                                                                   Ilustración de Lola Fernández
ERAMOS DEUSES ENTRE A HERBA SECA DE AGOSTO
e as copas vizosas das árbores con froitos exactos.
Atrás quedaba a cidade barbantesa, oblícua e pálida.


A infancia xuntara o regalo da nosa compaña
naqueles veráns amigables, mapas imposibles de repetir,
prateaba calquera tarde unha ardentía refulxente que cegaba,
esgazando o noso ollar divino e extasiado.

Pillamos  fadas no alto dos regueiros,
fixemos con pétalos nervudos, cóncavas balsas con insectos navegantes
velames de combate
                                      con vendaxe e  feridas  de mercromina.

 Ninguén era dono das bolboretas.


Aprendimos, na gasa gris das mañás
de nenos ventureiros, a ler
na tea engurrada das follas o secreto dos días.
Percorrimos bosques de madresilva e mandrágora.
Choutamos correntes crepitantes, fíos de aluminio e inocencia.
Nada estivo tan lonxe da dor.
Aínda así  padecimos o medo arroutado
das casas abadonadas,
voces doutras mans
que nos chamaban
entre o aire roto das vaixelas ausentes.

Luz incansable e tolerante, imbatible da infancia.
Días grandes sen memoria.
Inventamos montes na planicie dos prados,
mantel infindo de feroces emboscadas,
aprendices da vida
descubrimos inimigos intrigantes
nas arañas pardas que bebían a dozura das béveras.

Metíamonos na  poza fría arrepiando,
os pés pisaban os  cranios das pedras
antesala dun pazo aterrador.
Onde nos levaría aquel tellado de ameneiras demoucadas?.


O río empurraba no seu tirón imparable o tempo
intransixente e tenro da primeira idade.
Levábamos acuarelas nos ollos
e mágoas iniciadas nas mans
manipuladoras de niños que prometían altos voos.

As tardes pesaban nos pés como libros finalizados,
e cada xornada era un caderno en branco.



Pode que te vira,
brincando sobre unha lomba
 como un gamo a contraluz.
Máis entón,
quen pensaba no amor
ante  tanta plenitude.

Que foi daqueles deuses
que golpeaban  impunes o aire da tarde?

-Nunca seremos adultos!
prometimos bramando unha noite no balcón abaneante
sobre o val ennegrecido.
Aulaban en celo os gatos e os raposos,
pero nós enchimos o peito indómito.
Non había o sosego nas cousas,
os beizos tiñan o padal do nacre e do sangue
e  bebimos estrelas bicudas
como pensamentos.      

                                                                                         Ilustración de Lola Fernández

N.R.- Este poema da nosa colaboradora acaba de recibir o premio Manuel María de poesía          

    

.-.-.-.

A circulación migratoria

venres, 6 de xuño de 2014

Os cruceiros de Belén contra os piratas




      
      Castelao lémbranos que estes cruceiros de capela, propios da Barbanza, chamados cruceiros de Loreto, por ser esta advocación da Virxe que se representa dentro da capela, entraron en Galicia como protección contra os piratas.
            A historia destes cruceiros, de fuste baixo e gordo, de capela, onde se representa á Virxe co Neno, unha Virxe de esperanza, chamados tamén da casa da Virxe, conta cunha lenda de cando os musulmáns chegaron a Belén e uns anxos, para protexer a divina casa, erguérona para levala a un lugar de Italia, preto da cidade de Fiume, onde fose debidamente respectada, e onde axiña se converteu en lugar de culto. Pero aconteceu que xunto cos devotos que a visitaban, acudían tamén a ese lugar os piratas cobizosos das ofrendas que os romeiros lle deixaban, co que, de novo os anxos, ergueron a casa e levárona a un lugar máis protexido, no lugar de Loreto e no ano 1587, o papa Sixto V fundou a orde de Nosa Señora de Loreto, contra os bandidos e a piratería.
            ¿Quen trouxo esta advocación a Galicia?. Seguramente algún mariñeiro que buscaba a protección contra aqueles que asolaban a porta de entrada a Compostela.

Versos ó xeito popular (VI)



Por Andrés Terra

Cando penso que te fuches,
Cadela do meu cadelo
Coido que todo o que fuxe
Terá razón pra faguelo.
(1972)

mércores, 4 de xuño de 2014

A romana, unha balanza aínda en uso




  
          Baséase na mesma lei da panca, aquela coa que Arquímedes podería erguer o mundo se lle desen un punto de apoio.
            Esta balanza, que aínda se ve nalgunhas feiras, ten o punto de apoio situado sobre un lado, e nel está o fel, mentres que no brazo máis largo, sobre o que hai marcada unha escala, hai unha pesa que se desliza sobre el, de maneira que cando poñemos algo que queremos pesar nun dos ganchos do brazo máis corto, mentres penduramos o sistema polo gacho que queda na parte superior, o peso vira dado pola posición que sobre a escala marca o pilón cando o fel está na posición vertical, cumpríndose así a igualdade ou regra de proporción das pancas, en que o peso do pilón multiplicado pola lonxitude do brazo largo que vai do pilón ata o punto de apoio, será igual ó peso que queríamos pesar multiplicado pola lonxitude do brazo curto.
      

martes, 3 de xuño de 2014

UM APELIDO. UM NOME.




Por UM-DO-CHAO. 
                                                                                             
                                   CASAL, CASAIS, CASÁS.
O apelido.
            Para os que opinamos que, a exemplo doutras línguas, no galego-português, como no castelhano-espanhol, bem se poderia prescindir da acentuaçom gráfica… marcaria-nos umha contradiçom o caso que hoje traio para vós. Trata-se de apelidos nossos que, segundo a acentuaçom, terám diverso significado. Sem ir mais longe, aí temos CAÑAS e CAÑÁS, NOVAS e NOVÁS… CASAS e CASÁS.
            Cañás (que é muito corunhês, como Novás muito pontevedrês, falo de comarcas, nom de províncias) fai-me cavilar nesse aparente castelhanismo, pois a palavra-base galega é cana, co seu abundancial Canaval (topónimo e apelido), e Cañás seria plural de Cañal (apelido castelhano)… mas é que Cañás é mesmo topónimo carralês… E é que as línguas nom som fenómenos precisamente matemáticos…             Novás si que é umha má versom de Nabás/Nabais, é dizer, prantaçom de nabos… por mais que a versom malacentuada, Novas, remeta traiçoeiramente a novo.
            Pois com Casas e Casás a cousa é bem mais simples, dado que com serem conceptos diferentes, ambos mamtêm-se no ámbito único da palavra-base: casa. Isso si, no primeiro caso é plural desta palavra, em quanto no segundo é-o da derivada casal (abundancial: conjunto de casas, casario), coa sua variante Casar e o seu plural Casares, todos eles apelidos (toponímicos, pois).
            O problema aquí radica na sua coincidência co castelhano em Casa, Casas, Casar e Casares. Ora bem, como no suposto de Castro, concretamente Casal é maismente nosso, pois que está estendido por toda a nossa geografia. Quanto a Casa, temos como exclusivo o apócope Cas’ (para a toponímia: Cas Caxide) e mesmo, aventuro, Ca’ (para a onomástica (Ca Giao).
            O complicado é, daquela, determinar quantos Casas actuais forom Casás: no mesmo repertório de apelidos que contém a página ilg.usc.es/cag (Cartografía dos apelidos de Galicia), ao nom se utilizar o acento gráfico, nom atopamos resposta a tal incerteza. E se imos aos onomatólogos ao uso… meudéus!, para eles: Casa é aragonês, Casas andaluz, Casal asturiano, Casar castelhano… e Casares basco! Depois estám os compostos Casanova (galego e catalám) ou Casavella (galego) ou Casamajó (catalám), etc., etc.
            Exemplo peculiar o do famoso alcalde corunhês (e presidente da Academia Galega) Manuel Casás (1867-1960), assi acentuado, cujo avô era da larachesa freguezia de Monte Maior; o único topónimo Casás que regista a Gran Enciclopedia Gallega é, em cámbio, sito no concelho de Moeche.
A personagem.
Julio J. CASAL (1889-1954), uruguaiano, de pai ribadense, poeta, cónsul na Corunha e, sobre isso, director da sonada revista internacional corunhesa Alfar… que el proseguiu em Montevidéu. (Na Corunha saíu o seu livro Árbol).