sábado, 27 de xaneiro de 2024

Envellecemento activo

 

      


Ó largo dunha vida de parella, ¿cantas discusións non se teñen?, por palabras a destempo ou inescusábeis esquecementos que ó final acaban perdoándose con uns aloumiños ou facendo contas novas ó abrigo dunha cea á luz das candeas. O malo é cando cansos de buscar consensos os outrora compañeiros non encontran o camiño da reconciliación, xa sexa por teimosía ou por imperdoábel traizón. E entón vén a ruptura, o rachado de papeis, promesas e xuramentos para encetar unha nova vida, cada quen pola súa banda.

Din que os corenta é a idade que ten máis conflitos irreconciliábeis (a crise dos corentóns), por desavinzas sen volta atrás, pero segundo me contan os amigos, de cinco anos para acá tamén subiu o número de divorcios en idades máis provectas. Uns porque chochean, outros porque se senten rexuvenecer e, case sempre, porque os pequenos desacordos que antes se resolvían con un par de gorentosos bicos agora téñense por baballa de vello.

O amigo Xulio bótalle a culpa a esas discotecas acondicionadas para a terceira idade, onde viúvos ben parecidos e viúvas alegres animan o recinto co chamado envellecemento activo, rompendo cadrís e esnaquizando corazóns entre parellas que, despois de corenta ou cincuenta anos de casados, decátanse de que o amor tamén ten data de caducidade.


Segundo datos do INE os divorcios entre maiores de setenta anos aumentaron nos últimos anos nun vinte por cento, e a causa, coma sempre, débese ó desamor, pero vén de moito atrás, de cando os guapos e atléticos noivos do álbum de vodas comezaron a botar barriga e preferiron adurmiñar vendo un programa de rexouba e murmuración ca botando un agarrado a media luz na intimidade do fogar.

E cando chega a xubilación e os fillos xa non dependen dos coidados paternos, cando non hai horario nin obrigas vitais, pasear cansa e a esperanza de vida téntaos dicindo que aínda lles queda moito por vivir, vanse esquecendo aquelas promesas de amor eterno, nas boas e nas malas, pronunciadas diante do cura ou do xuíz en presenza de testemuñas, e apúntanse ás excursións do INSERSO tentando rexuvenecer na discoteca dun hotel de Benidorm, pretendendo pórlle un parche á desgana, para non desinchar de súpeto nunha estadía apática, mirando como caen as follas do calendario. Tentados por un divorcio que os retorne a unha especie de novo celibato.

Sexan eles ou elas, chega un momento no que a rutina cansa e o troque de roles tanto pode ser unha liberación como unha arroutada tolemia.

E entón ambos recoñecen que non todo é coma cando tiñamos vinte anos. Sen embargo, os datos aportados polas estatísticas do INE tamén apuntan a que, maioritariamente, quen pide o divorcio, son os homes e algo menos as mulleres.

Xulio ten a súa teoría, que non ten por que ser compartida, que as mulleres pídeno principalmente porque xa están ata a cofia de fregar pratos e aguantar machismos arcaicos e exacerbados, mentres que nos varóns é por afán de novas aventuras, crendo que coa súa pensión no peto e con anos por diante, unha rebuldeira algo máis nova que a súa compañeira de toda a vida vaille insuflar o alento que se lle escapa.

As estatísticas falaron e nós sacamos como conclusión que nada é matematicamente exacto nin todos os pactos se cumpren. 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario