sábado, 20 de xaneiro de 2024

Día das relixións


Dende 1950 celébrase, no terceiro domingo de xaneiro, o Día das Relixións, onde entran todas, as algo máis de catro mil que se teñen oficialmente contabilizado.

Non sei que se pretende con tal celebración, se o recoñecemento de que as crenzas son parte do ser humano ou que, segundo o lugar en que vive así entende a súa relación co mundo e polo tanto todas son a verdadeira, ou tan só que con este día se lle permita a cada quen manifestar a súa crenza sen molestar a ninguén, con plena liberdade.

As relixións serviron para explicar aquilo que non se entendía, cos seus mitos e anatemas que hoxe ata nos dan risa cando non mágoa, pero tamén para aportar unhas normas de conducta que non tardaron en converterse en imposicións, sempre ameazando baixo a suposta vixilancia dun ser omnipotente que todo o ve e castiga sen compaixón.

O certo é que das distintas maneiras de crer, hai tres, coas súas ramificacións máis ou menos ortodoxas, que nunca se levaron ben, a pesares de que as tres teñen, como figuras fundamentais, os mesmos personaxes bíblicos. Musulmáns, xudeus e cristiáns nin sequera se entenderon naquel Toledo medieval en que as tres convivían mirándose de esguello. Para exemplo de malquerer, entre nós quedaron lendas como a do tributo das cen doncelas que os cristiáns tiñan que pagar para fornecer os haréns de Al-Andalus ata que os irmáns Figueiroa as liberaron a ramallazos, ou o touro que Xan da Arzúa soltaba diante da procesión do Corpus de Allariz para espantar ós xudeus que interrompían e burlaban tan devoto acto relixioso, e asemade a grande cantidade de barrios onde xudeus e mouriscos eran confinados e aínda se citan no nomenclátor de moitas das nosas vilas, para deixar constancia de que vivían arredados os uns dos outros.

As relixións cargaron e aleitaron a toda clase de exaltados intransixentes que se crían os únicos escollidos do seu deus. E se ben, dous pobos poden chegar a vivir xuntos, dous deuses non, aínda que sexa o mesmo con distintos nomes. Sempre haberá unha crenza que, ó amparo da maioría, das armas ou das leis impoña a súa razón; así foi e se viviu ó largo da historia dende moito antes que o emperador Tito derrubase o templo de Xerusalén ou Isabel a Católica entrase en Granada coa cruz do Santo Oficio por estandarte; e seguen manifestándose como se non aprendésemos nada nos libros de historia, vímolo en Saraxevo no 1992 e vémolo en Gaza estes días.

As relixións alimentaron sempre a lacra dos integristas, incapaces de comprender que as crenzas non son exclusivas de ninguén, que a tolerancia é o único que pode acabar co fanatismo ou que, como lle dicía un tunesino a un parente meu: Deus é o mesmo para todos, só que en cada lugar rézanlle segundo o seu costume, uns cos ollos no chan e outros cos brazos erguidos ó ceo.

Ó final non sei se este terceiro domingo vai servir para algo. Bastaría que servise para decatarnos de que en todas esas relixións que se expanden polo mundo adiante, non é necesario ler ningún libro sagrado para saber que o fundamental baséase nun mesmo principio, amar ós nosos semellantes sen distinción de raza nin de credo.

 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario