sábado, 13 de xaneiro de 2024

O bombo metrónomo

 


Había aquí, nesta bisbarra, un grupo de gaiteiros que participaba en case todas as festas, para o que se bastaban con un conxunto de pezas que non superaba a media ducia, pero en certa ocasión os da comisión pedíronlle que desen un pequeno concerto na hora do vermú, e tocaron todo o repertorio recibindo aplausos en todas e cada unha das interpretacións, pero cando remataron coa última, cos aplausos os veciños pediron un bis, tan insistentemente que, os gaiteiros, a quen non lles parecía ben iso de repetir o que xa tocaran, miráronse indecisos, e entón o director do grupo resolveu: “A primeira pero máis cargada de bombo”. E aquela primeira, con un ritmo máis lixeiro xa parecía outra.

Lembrábamos esta anécdota o día que asistimos á presentación dun grupo formado por dous gaiteiros, un tambor e o bombo, cando o líder foi presentando a cada un dos compoñentes que, ó modo dun conxunto de rock, facían unha demostración de virtuosismo en canto oían o seu nome; e ó final, no momento de presentar á rapaza do bombo, referiuse a ela como “o noso metrónomo”. A que marca o ritmo.

Porque o que é metrónomo como tal, esa peza que vemos en todos os conservatorios e clases de música, non foi patentado ata o 1815, co que os músicos, ata esa, só podían poñer nas partituras esas palabras italianas que indican a velocidade ou tempo das notas como presto, allegro, moderato ou adagio, por exemplo, para indicar se había de ser lenta ou rápida a súa interpretación, o que sempre presentaba a dúbida de canto de rápido ou lento tiñan que correr os dedos sobre o instrumento. E entón apareceu o invento baseado nun simple péndulo que varía o seu ciclo segundo sexa de larga a distancia marcada por un contrapeso que se desliza sobre unha barra vertical, un artefacto que non chegaron a coñecer músicos tan famosos como Mozart, Bach ou Vivaldi, co que nunca saberemos se as súas partituras son tocadas como eles as pensaron ou como a nós nos parece.


Quen si o coñeceu foi Beethoven, que empezou a usalo sen entendelo moito, co fin de que ninguén lle trastocase as composicións, e así comezaron a aparecer nas súas partituras as indicacións de cantos pulsos por minuto debía marcar o moderno aparello para que as pezas fosen ben interpretadas.

O problema presentouse cando comprobou que o instrumento viña sen libro de instrucións, e o contrapeso, de forma trapezoidal, tanto podía marcar o número serigrafiado por arriba como por abaixo. Así que o músico, dubidando entre indicar un ou outro, inclinouse por anotar a medida inferior, onde o trapecio tiña máis forma de punta de frecha. A diferencia entre un e outro lado do mesmo podía ser de 12 golpes por minuto (bpm). E por iso, aínda hoxe, os directores de orquestra, cos modernos metrónomos electrónicos, aínda dubidan de cal é a velocidade correcta desas pezas ou se aqueles primitivos metrónomos estaban ben axustados.

O caso é que soe ben, coma cando os gaiteiros tocan unha marcha, que segundo sexa nunha procesión, no acompañamento dun cadáver ou para darlle entrada á noiva no salón de cerimonias, o bombo-metrónomo terá que adecuarse. Máis lenta, máis triste, máis rápida, máis alegre. 

  Francisco Ant. Vidal

Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario