sábado, 6 de xaneiro de 2024

Seres superiores

Se xa agora, por boca dos avós, estamos criando unha xeración de nenos e nenas xeniais, guapos e intelixentes, ¿que vai ser o día en que a enxeñería xenética nos permita facelos á carta, eliminando aquilo que non nos gusta e potenciando o que si? Para aquela non haberá feos, como pedían Los Sirex aló polos anos sesenta do pasado século e sobrarán os superdotados e modelos de pasarela.

Nunha futura sociedade robotizada, onde as máquinas traballen para nós, igual tampouco fai falta que as crianzas se maten a memorizar a táboa de multiplicar ou a distinguir o suxeito do verbo e do predicado. Para aquela todo llo fará un artefacto que obedeza ordes vocalizadas. Seguramente, ata para meter a roupa na lavadora ou para recoller a mesa, haberá un robot mordomo que nos quite o traballo de diante ou lles mande a outros aparellos facelo. E daquela, ¿que faremos os humanos? ¿a que dedicaremos tanto tempo libre?

¿Imos cara unha sociedade de ociosos?

O envaidecido Elon Musk xa ten manifestado a súa preocupación polo aumento da poboación mundial, que pretende mellorar creando co seu material xenético, unha raza de superhumanoides, dando por suposto que el é o prototipo de humano superior, incluíndo o de guapo e intelixente, para o que se ofrece “altruistamente” como un novo deus creador dunha nova raza, pois todos os demais, pensa el, non somos máis ca un montón de carne destinada a alimentar os vermes do camposanto.

Unha das dúbidas que se me presentan é se nese afán do endeusado señor Musk por reproducirse para deixar a súa xenética asegurada unha vez morto, contempla a posibilidade de xerar a alguén cos xenes, por exemplo, de Gladys West, unha muller negra que elaborou o modelo matemático que posibilita o funcionamento do GPS, ou alguén de orixe asiático ou andino, deses que non acostuman a escoller para lucir roupa nunha pasarela.

Dinos Xulio que este señor Musk incluso barallou a posibilidade de poboar Marte para quitarlle peso á Terra, con eses seres creados co seu impoluto seme, á súa imaxe e semellanza, nun afán por volver, no só ó da raza superior, senón, aínda peor: ó da estirpe excelsa. E non podo imaxinarme unha colonia marciana de seres idénticos, altos, fermosos e cunha intelixencia superior se non se lles suprimen os xenes da soberbia, da envexa ou do odio, tan propios dos arrogantes.

E é que, postos a escoller, primeiro habería que saber que queremos que sexa a futura criatura, e logo decidir se preferimos que leve a xenética de Michael Jordan ou do feo Hans Christian Andersen, de quen se di que o seu parruliño feo está inspirado na súa propia experiencia. E os dous son válidos, sen dúbida moito mellores ca calquera tipo que, se ben sabe amasar diñeiro, aínda non aprendeu que é a humanidade.

A cuestión está en que antes de que isto da xenética vaia a máis haberá que regulalo, como se está regulando a intelixencia artificial, para non caer no erro que se cometeu coa desenfreada creación e posta en órbita de satélites artificiais que hoxe vagan arredor da terra, moitos deles convertidos en chatarra inútil, formando unha verdadeira parede de escombros para as navegacións espaciais, para as mesmas observacións astronómicas e ata para temer que nos caía algún descontrolado na cabeza.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).


Ningún comentario:

Publicar un comentario