sábado, 24 de febreiro de 2024

A comodidade da electrónica

 


Dicía Felipe-Senén que nos toca vivir nunha sociedade que levanta as patacas co arado romano e véndeas por Internet, unha sociedade que ten un pé no medievo e outro no futuro. Vivimos en pleno tránsito. Incluso os xogos de que tanto temos desfrutado xa non se poden practicar porque a ninguén se lle ocorreu deixar un espazo para que os nenos xoguen ás bólas ou boten as buxainas nos modernos e acolchados parques infantís.

Imos camiño de non necesitar sobres nin selos para as cartas, e xa non hai que baixar a xanela para preguntar por un enderezo, porque o mesmo coche trae o mapa e as indicacións para o camiño máis curto e a gasolina máis barata.

Que a electrónica nos cambiou a vida e nos fai máis vagos e cómodos tamén é certo. Pulsando un simple botón podemos ver un partido de fútbol que se xoga ó outro lado do mundo e sen movernos do sofá, cociñar sen acender un misto ou consultar a enciclopedia e as hemerotecas de todos os periódicos mentres imos no autobús.


As aplicacións da electrónica están en todo, tan metidas nas nosas vidas, que con un simple móbil podes darlle a volta ó mundo sen necesidade de aprender idiomas ou levar diñeiro en efectivo, e as propostas de descanso, relax e vacacións das axencias de viaxe ofrecen como novidade pracenteiros lugares sen radio, televisión nin wifi, onde ata a luz que nos alumea pola noite é de candea. Lugares onde a comida de cada día temos que apañala na finca e cociñala a lume de leña. Pero iso só é por diversión, para ter de que falar cando volvemos ó mundo civilizado e lle contamos ó compañeiro de oficina como nos doen os cadrís tras unha fin de semana sachando nas patacas que non imos comer.

Este pasado século puxo patas arriba a nosa relación co entorno, e neste imos camiño de vivir no que ata agora só era ciencia-ficción. Veremos cousas que, se ben agora nos dan medo, non tardaremos en aceptar como normais. A prensa estánolo amosando cada día, como un chip metido baixo a pel nos permite falar por teléfono sen andar con el no peto, facer unhas análises médicas sen ter que pasar polo ambulatorio ou subir o volume da tele só con desexalo.

Todo cambia, e ata actividades tan primarias como a pesca e a agricultura se apuntan a ese control electrónico que nos permite ver o peixe que está picando ou saber se as froiteiras necesitan algún abono.


Hai un par de meses, este periódico falábanos dun señor profesor, Manuel Eirín, xubilado, experto en electrónica, que segue dándolle á cabeza para facer máis cómoda a vida. E contábanos como ideou un galiñeiro autónomo, de maneira que os donos poden estar no seu piso da cidade e ter unhas galiñas na casa de campo, vivindo en liberdade e sen medo ó raposo, que se recollen ó caer a noite controladas por paneis solares, e animadas para comer baixo os acordes da muiñeira de Chantada.

Avanzamos en comodidade, e quen sabe se aquela vaqueira da “Finojosa” non se verá como unha rareza difícil de entender para os nosos descendentes, afeitos a pastores electrónicos, cando as despoboadas aldeas acaben sendo refuxio de animais controlados por remoto dende a cidade.

 Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario