Amosando publicacións coa etiqueta sociedade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta sociedade. Amosar todas as publicacións

sábado, 17 de outubro de 2026

Os rañaceos e outras moles.



Sempre me desconcertou a historia da torre de Babel. Primeiro cando me contaban como Deus, coa obra xa moi adiantada, se decatou do que pretendían e, en vez de derrubarlla, fai que todos falen diferentes linguas para que non se entenderan entre si. E aí quedou o esqueleto dun edificio inacabado para exemplo da vaidade humana, coma tantos que hoxe en día vemos paralizados pola xustiza ou por falta de previsión, para humillar a arrogancia. Tamén penso que en Babel, o que realmente fixo que non se entendesen foi a inxente cantidade de escravos con diferentes falas e procedencias.

A grande ansia do ser humano é chegar ó ceo pola vía rápida, e quen di ó ceo di á primeira liña de praia. Intentárono aqueles albaneis da Biblia e séguese intentando agora a base de rañaceos, de maneira que un pequeno soar dá para moitas vivendas (negocio redondo) ou o que é o mesmo, a procura de menos inversión e máis ganancia, que cando non funciona ou non se albisca beneficio, reflíctese en armazóns inacabados ó largo do territorio, en contraste coas aldeas baleiras do interior.

Así empezou Nova York, cando todos querían vivir na illa de Manhattan e, á falta de chan, decidiron construír ó alto, e onde antes se facía unha casa logo construíanse centos de vivendas ata converterse nunha competición por ver quen fai o edificio máis alto. Dubai é un exemplo desa absurda competencia por construír ó alto cando se pode construír ó ancho. E dende que vin por vez primeira a película El coloso en llamas, onde o xefe de bombeiros explicaba o absurdo e inseguras que son esas moles, collinlles un pouco de xenreira. Por eses anos, na Coruña, asistía a unhas clases particulares nun piso dezaoito con vistas á praia de Riazor, onde nas tardes de temporal tiñamos a sensación de que o edificio abaneaba.


Entre nós, aínda que non chegamos a tales extremos, tamén sufrimos a invasión do cemento especulativo a poucos metros da mallante, o novo ceo para as escapadiñas vacacionais, invadindo os lugares costeiros para edificar con vistas, que é o que máis vende, pois se non chegas ó ceo, polo menos chegas a ver os golfiños brincando sobre un banco de sardiña.

Cóntanme que unha desas moles de vivendas que hai vinte anos quedou sen rematar no Porto do Son, vaise retomar para construír vivendas sociais, agora que están na mente de todos os interminábeis desafiuzamentos, os alugueiros caros e os pisos inaccesíbeis. Nos meus paseos pola beiramar empezo a lamentar que as babélicas administracións non se entendan, para erradicar tantos esqueletos de cemento amurallando a praia e acumulando lixo dende que se puxo de moda construír pensando no turismo de dous meses de ocio, sol e praia, coa porta pechada durante dez meses ó ano, máis do que esa demanda necesita e o común da xente pode pagar.

Lembrando a Victor Jara, hai que abrir esa muralla que botou abaixo as antigas casas do remo ou do pincho, coas súas galerías, balcóns e corredores para erguer edificios que poñen as praias en sombra, que vén transformar a fisionomía das nosas vilas, e limitan as aspiracións da maioría dos asalariados. 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de LaVoz de Galicia).


sábado, 20 de xuño de 2026

O velo e os embozados

 



Hai uns anos, a unha compañeira prohibíronlle acceder á basílica do Vaticano por ir con pantalón curto. Tivo a sorte de que alguén lle prestou un fular para usalo a modo de saía (moi sexi) e así puido entrar.


Que unha rapaza, por cuestións culturais, leve un pano á cabeza non é malo. Todos tivemos algunha avoa (das de antes) que o levaba. Aínda lembro a máis dunha veciña que, despois de que o Concilio Vaticano II eximise ás mulleres de entrar na igrexa con velo, elas seguían usándoo, xa fose por costume ou por crenza. Outra cousa moi distinta é o das embozadas tras un burka que atenta contra a dignidade da persoa que o leva, moitas veces contra a súa vontade.

Tamén entre nós, na Idade Media, obrigábase ás mulleres casadas a tapar o pelo e a finais dos anos sesenta do pasado século producía certo escándalo ver mozas en bikini nunha praia, tanto ou máis ca que levasen pantalón. Non lle facían mal a ninguén, pero ían contra os vellos costumes e as voces da veciñanza son moi estritas. Máis grave foi a que se armou no Porto do Son, durante a incipiente democracia, cando algúns decidiron practicar nudismo nunha paradisíaca praia e foron corridos a paus.

Unhas veces por moito e outras por pouco a vestimenta nunca foi do gusto de todos. Aí temos o histórico “Motín contra Esquilache”, cando os madrileños saíron a protestar contra el ata que conseguiron botalo fóra do país, por non entendelos e prohibirlles embozarse con aquelas capas que tan ben pintou Goya, que subindo o colariño só deixaban á vista os ollos e ninguén podía saber con quen se cruzaba na rúa. Realmente pesaba máis a carestía do pan e da fariña, pero os madrileños botaban por diante que non lles deixasen vestir como eles querían.


Agora, cando vemos nas nosas vilas, cada vez con maior frecuencia, rapazas e mulleres inmigrantes con prendas que pensábamos desterradas, impostas por motivos pseudo-relixiosos, por homes celosos de que outros ollos vexan o que consideran propiedade súa, recoñecemos unha discriminación de claro matiz machista polo que cabe preguntarse que significa a liberdade e se estamos retrocedendo.


Hai uns meses deuse a nova de que Irán, cuxo réxime ten recoñecida fama de integrista, suspendía a lei pola que se obrigaba ás mulleres a usar o velo; e non sei por que pero penso que aínda así, velos e burkas seguirán usándose, algunhas por convicción e a maioría por imposición dalgún marido ou pai que non está por eses modernismos de que as súas fillas e esposas ventilen a melena, e aínda berrarán escandalizados “¿a onde imos chegar?”.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 


sábado, 13 de xuño de 2026

Cara á desaparición do papel

 



A principios da década dos anos noventa do pasado século, unha coñecida compañía especializada en ofimática ofrecía os seus produtos como o maior adianto tecnolóxico cara a oficina sen papeis. Falábase daquela da cantidade de árbores que non sería necesario talar e do bo que iso é para o medio ambiente. Era o momento en que se popularizaban os ordenadores e os arquivos informáticos, pero aínda así, esa mesma compañía tiña unha sección dedicada a vender resmas de papel; iso si, con unha nota ben rotulada en cada paquete anunciando que por cada tonelada de papel a compañía plantaba non sei cantas árbores.

O certo é que oficinas sen papeis só as vin nas películas, porque a realidade é outra cousa. Por algunha razón, por costume ou por inercia para non perder os vellos usos, seguimos fiándonos máis do documento impreso ca dun arquivo electrónico, sempre máis exposto ó ataque dalgún virus informático ca o papel a ser pasto do lume, da humidade ou da couza. O cal non impide que o único papel que entra na miña caixa de correo sexa de propaganda comercial; de feito xa hai anos que non pego un selo, e todas as cartas me chegan vía eMail.

 

Cóntanme que dende o parlamento europeo sacaron unha normativa co fin de diminuír o consumo de papel ata nas caixas de medicamentos, de cara a que dentro de catro ou cinco anos desapareza o prospecto dos mesmos e se substitúa por un código QR, ese que os xaponeses inventaran para control de fabricación, e que significa “Resposta Rápida”. A verdade é que o prospecto médico só debemos de lelo catro rariños, pois sempre é máis clara a explicación da farmacéutica ca esa inutilidade de receita de difícil lectura e de abusiva letra pequena. Non é o único caso. De feito, moitos aparellos de nova fabricación, tales como coches ou lavadoras, xa trocan o libro de instrucións por un simple QR que, unha vez descargado pon no teu teléfono móbil ou no ordenador o manual que se precisa.


Nos restaurantes, xa é habitual trocar a “carta de menú”, por ese cadradiño de cadrados en branco e negro, de cinco centímetros de lado impreso nunha esquina das mesas para que o cliente escolla os seus pratos sen necesidade de agardar ó camareiro. E eu boto en falta aquelas carpetas que che poñían diante en canto sentabas, e o primeiro que mirabas era o viño que ías pedir ou o prato principal, antes de aconsellarte co camareiro.

Agora os QRs están en todo, dende as cartelas dunha exposición de arte ás explicativas e informativas diante de monumentos artísticos e arquitectónicos, o que nos obriga a levar o móbil sempre na man, como caxato de invidente. Nesa disputa entre letra impresa e letra electrónica, xa se ve máis xente lendo ebooks ca armatostes de papel impreso. A este paso teremos revistas dunha única páxina que, debaixo do titular veña o código QR para quen queira ler o artigo, e iso si que vai aforrar papel.

Pero o amigo Xulio, home da vella escola, cando entra nun museo ou nun lugar turístico, sentíndoo moito polas árbores, o primeiro que procura é o folleto en papel, que lle dá máis confianza e ademais permítelle facer anotacións. 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).






sábado, 6 de xuño de 2026

San Gaudí

  



Un amigo, de viaxe por Europa, mándame a foto dunha tal santa Emma de Gurk, para ver que sei dela. Nada. Como moito só lle podo dicir que era unha ricachona austríaca que aló polo século X empregou a súa fortuna en fundar varios mosteiros, cousa que a Igrexa lle agradeceu meténdoa no santoral, coma sempre, a título póstumo e representando a súa imaxe coa maqueta dun convento.

Coma esta, hai moitas outras santas, santos, bispos ou nobres que lle deixaron á Igrexa (para maior riqueza que non gloria) grandes propiedades, financiadas co seu peculio ou tras convencer a algún doante para que soltase o parné.

 

Como a iconografía representa a cada santo co atributo polo que máis destacou, é de supoñer que cando remate o proceso para facer santo a Antonio Gaudí, poranlle na man a maqueta da Sagrada Familia de Barcelona, un templo do que el dicía que era unha obra encomendada por Deus.

O finado papa Francisco, convencido da “profunda fe e espiritualidade” do arquitecto catalán, deixou pendente o expediente de beatificación por falta de tempo, e aínda que todos sabemos o importante que foi na súa profesión, ademais de ser un home modesto e moi relixioso ata o día da súa tráxica morte, un dez de xuño de 1926, tras ser atropelado por un tranvía de camiño a unha cita co seu confesor. Tras o accidente, inconsciente e mal ferido levárono a un hospital de pobres porque as roupas e o porte facíalles crer que era un indixente. Así era de humilde.


Pero, ademais de ser un dos máis grandes arquitectos da historia, ¿que outros méritos ten para acadar a santidade? Á fin, nin doou ningunha fortuna para rematar a obra, nin buscou a quen a financiase. Crentes coma el hai moitos e arquitectos de igrexas e catedrais non faltan na historia da arte; o mesmo mestre Mateo, talvez quen mellor interpretou o Máis Alá, ten sobrados merecementos para subirse a unha peaña, e sen embargo ficou de xeonllos na porta da catedral. Hai moitas persoas que dedicaron a súa vida a engrandecer o patrimonio artístico da Igrexa que, sen ser santos, foron recoñecidos incluso dende antes de morrer.Pero como só a Igrexa sabe o que mellor lle convén en asuntos de santidade, non vou ser eu quen poña en dúbida os méritos de Gaudí, merecedor de todos os galardóns habidos e por haber, ademais de engalanarse coas “virtudes heroicas” que lle recoñeceu o papa; e a quen eu lle engado un milagre oficiado unha tarde de 1980, cando, xunto con un compañeiro zaragozano, cruzamos, sen permiso e con moita curiosidade, os valados que protexían a construción da Sagrada Familia, e o garda soltounos os cans facéndonos saír por patas; pois quen sabe se ata non sería intervención do santo Gaudí que aqueles mastíns non nos trabasen por mostrar interese pola súa obra. E cando o teñamos na peaña da santidade, ¿de que será avogoso?, ¿talvez dos atropelados? E de compartir algún padroado, ¿farao con san Lucas por artista, con san Xosé por artesán ou con san Tomé por arquitecto. Sigo pensando que a Gaudí non lle fai falta que o suban a ningunha peaña para que todos o adoremos  per saecula saeculorum por todo o que deixou feito.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).   


  

sábado, 30 de maio de 2026

Edificios reconvertidos

    



Cada edificio garda dentro de si as historias de quen o habitou ou de quen lle deu uso e significado, por iso é ta n penoso visitar algunhas aldeas do rural onde só se ven ruínas condenadas a sepultar a memoria dos seus moradores. Outras veces, aínda en lugares poboados, vense abandonadas determinadas construcións que perderon a súa función e parecen reclamar outra vida coa que, polo menos, se paguen os gastos de mantemento para conservar a histórica arquitectura antes de que as derrúa o tempo e a memora .

Hai varias estacións de tren e antigos apeadeiros en desuso, reconvertidos en bares e restaurantes que trocaron os pasos fugaces pola calidez de compartir mesa en estancias reacondicionadas para o reencontro; pero son, sobre todo as igrexas dese despoboado rural, as máis necesitadas dunha reciclaxe urxente se pretenden continuar vivas, como novos lugares de reunión, aulas de maiores, salas de lectura ou espazos onde organizar concertos ou charlas que, dalgún xeito, eviten que o abandono destrúa eses edificios que forman parte da paisaxe e da memoria.

A mesma casa reitoral de Palmeira, construída a principio de século, co tamaño dun pazo para vivenda dunha persoa, foi presentada durante a inauguración como un edificio que compartiría un museo de arte sacro, un centro social e unha biblioteca, que por algunha razón nunca funcionaron, pero si ofreceron, nalgún momento, a crematística posibilidade de alugar dous apartamentos con espléndidas vistas, para uso turístico, a fin de habilitar tantos metros cadrados desaproveitados e sacar así uns euros, dicían, para axudar no mantemento de semellante mansión.

A idea non é nova, exemplos de coñecidos mosteiros reconvertidos en centros de hospedaxe temos varios ó largo de toda a xeografía, como o de Toxosoutos, onde, por falta de freires, os novos xestores ofrecen unha relaxante estancia organizando actividades ó aire libre, como sendeirismo, para garantir unha amena fin de semana.


Xa hai moitos anos que nun convento galego preguntamos pola hospedaxe, e daquela a cousa era moi ríxida para uns mozos que aínda non cumpríramos os vinte anos. Agora sei de parellas que por uns días buscan o relaxante refuxio deses lugares enclavados, polo xeral, en espazos rodeados de frondosa natureza. Co tempo a cousa volveuse máis lasa e algún daqueles mosteiros foron cedendo en rixidez e ata parece que reservan un lugar para o pecado, onde os monxes, recluídos nas súas beatíficas celas fan a vista gorda para non perder clientela, polo xeral hospedada en cómodas habitacións insonorizadas, con baño e televisión multicanal. Lugares onde as humildes celas conventuais se transformaron en luxosas suites para laicos.

Noutros lugares o que reconverten en estabelecementos de hostalaría son as vellas casas reitorais. Unhas casas que sobran porque un cura ha de atender a varias parroquias, pero só necesita vivir nunha, e todas as demais son edificios desocupados e condenados á ruína se non hai alguén disposto a xestionar o seu arrendo, como no seu día foi a reitoral de Artes (Ribeira), agora convertida en centro de atención para maiores.

Algunhas desas casas, unha vez modificadas e dotadas de todas as comodidades que a clientela demanda, son de verdadeiro luxo. Só hai que imaxinar a reitoral do Xobre co seu pombal ben arranxado, con vistas á ría e á montaña.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 

 

sábado, 18 de abril de 2026

O cine Millán

  



A primeira vez que vin Ben-Hur foi no cine Millán de Palmeira. Leváranos miña nai porque se anunciaba como unha historia dos tempos de Cristo, e daquela estaba indicada para todos os públicos. Do visionado desa película, que co tempo se converteu na miña preferida, só lembro que cara ó final había unha tormenta, e ó saír había tal temporal que nos obrigou a acollernos nunha casa a medio camiño antes de chegar á nosa. Daquela non había móbiles para avisar de que a realidade e a ficción van da man.

Cando a televisión era un ben escaso, neste cine desfrutei de moitas películas que me facían levantar do asento cando os bos perseguían ós malos ou cando o chico bicaba á chica. Ben, daquela só intuíamos que se bicaban, porque cando os rostros se aproximaban, axiña daban un salto a outra escena na que ben podían estar sentados a unha mesa e gozando dun prato de polo asado. E entón a imaxinación recreaba o que a pantalla nos evitaba. Alí saboreei o meu primeiro bico de adolescente.

As películas viñan no coche de liña e anunciábanse cuns folletos que repartían á saída da misa de doce para axudarnos a moldear a nosa sensibilidade entre o ben e o mal; aínda lembro a frase dun amigo cando nos adiantaba o desenrolo dalgunha película, sen importarnos que fixese spoiler: “está moi ben, pero ó final morren os bos”, e entón tamén aprendíamos que a vida non sempre é xusta.

No cine Millán, non era costume levar flocos de millo para a sala, senón pipas, que escachábamos ó ritmo e intensidade dos fotogramas, cando a base de cortes e dobraxes adulteradas nos convencían de que dous amantes de Mogambo só eran irmáns ou que en Casablanca usábanse gabardinas, e a pesar da espesa néboa que hai no aeroporto, os avións despexaban e voaban cara a liberdade. Pero deste cine tamén saíron algúns alcumes palmeiráns, así como a inspiración popular para unha charanga de entroido cando un señor da Coruña quixo montar unha fábrica de fariña de peixe, unha fábrica do cheiro, que dicían os veciños, polo tempo en que se estreara A ponte sobre o río Kway, e cantábanlle coa apegadiza música que asubiaban os prisioneiros camiño do traballo, algo que se resumía no verso “Lolo, Lolo, Lolo do cheiro”. E finalmente a fábrica non foi adiante.

Son moitas as lembranzas que nos trae este cine, cuxo edificio vemos como se arruína pouco a pouco e do que xa só quedan en pé as labradas portas e fiestras cos seus elaborados linteis dando conta dun tempo ido, da señardade que nos trae a lembranza de boa parte da nosa formación sentimental, polo que celebro que alguén tivese esa idea de convertelo en lugar de encontro cultural, nun centro de reunión para a veciñanza.

Quero lembrar que Palmeira, onde hai un bo número de estudantes, non conta cun lugar de estudio ou unha biblioteca, se exceptuamos a que hai na Sociedade Fillos de Palmeira, que non está aberta ó público, ou as que cada quen poida ter na súa casa.

Para exemplo coñezo concellos que, sen ter un presuposto tan alto como o de Ribeira, presumen dun centro social en cada parroquia, con constante actividade.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 


sábado, 14 de marzo de 2026

Eucaliptos e outras industrias

  

Foto: J. Ricardo Vidal

Hai árbores que xa son tan nosas coma o carballo. Ver os eucaliptos de Insuela (Palmeira) ou “O Avó” de Viveiro morando entre nós dende hai máis dun século, non é o mesmo ca pisar a terra seca e falta de vida dun eucaliptal onde nin sequera nacen os cogomelos, e só é rendíbel para quen vive do negocio da madeira dende un despacho e sen necesidade de romper o lombo limpando o monte.

Dicíanos un paisano que a mesma superficie dedicada a pasto dá moito máis traballo e ás veces menos rendemento a curto prazo, pero á larga pode ser un negocio para varias xeracións; por iso, se por un lado lamentamos que non se aproveite ese terreo para prados, cultivos ou madeiras máis nobres, pero de crecemento máis lento, tamén entendemos a quen desexa deixar as vacarizas para ser empregado fabril, cobrar unha nómina e deixarse de rompedoiros de cabeza.

Aínda así, a madeira galega, maioritariamente de eucalipto, expórtase a todo o mundo. O principal comprador témolo en Portugal, pero séguenlle Islandia, China, Suecia, Francia, Italia, Líbano e Emiratos Árabes, uns para facer táboas e outros para facer papel, por moito que a electrónica se esforce en substituílo por pantallas, agora que a xente prefire ler o xornal no seu ordenador, as novelas nos libros electrónicos e as cartas envialas por email.

Así entendemos a tantos mariscadores lamentándose despois das chuvias deste inverno, cando viron como morría unha alta porcentaxe de berberecho e de mexillón, por exceso de auga doce, a dicir dos entendidos. E iso que só foi durante algo máis de corenta días. Agora só hai que imaxinar como sería se esa auga saíse dunha fábrica durante todos os días do ano e, moi posibelmente, mesturada con residuos e sustancias tóxicas.


Tivo que chover para comprender que quen percorreu a ría de Arousa a toque de bucina contra a instalación dunha factoría a carón do río Ulla, non estaba contra a industrialización, senón contra aquelas que fagocitan a outras xa instaladas. Pensar que por mor desa contaminación, moitas das conserveiras terían que mercar o mexillón e o berberecho fóra, tamén sería unha advertencia para entender que a eses empresarios sairalles máis a conta mudarse a preto de onde teñan a materia prima, afectando con ilo ó noso tecido industrial.

Ninguén quere que se pechen as fábricas, pero ¿a quen lle interesa unha fábrica de papel? Neste país, onde tanto presumimos do verde, ben podemos evitar o enfrontamento polos intereses de distintos sectores se sabemos recoñecer que industrias son adecuadas e cales non. Á fin, os beneficios e a utilidade duns e outros tamén son función do respecto que manteñen entre si, sen se impoñer a toda unha cultura e tradición, mariñeira e mariscadora, que emprega a amplas capas da sociedade a ambas as dúas bandas da ría, en diversos oficios, pero tamén a moitos gandeiros que necesitan prados limpos para que a carne das tenreiras galegas siga tendo a boa fama que ten.

Cando nos opuxemos á instalación dunha pasteira, non estabamos contra a industrialización, senón, pola contra, protexendo directamente o tecido produtivo e industrial asentado entre nós dende hai moitos máis anos ca os que teñen os eucaliptos de Insuela e o Avó de Viveiro xuntos. 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 



sábado, 7 de marzo de 2026

Emigrantes e desarraigo



Asisto nun bar de Ribeira a unha conversa na que un veciño nonaxenario nos conta das marabillas e logros do seu fillo en USA. E non é para menos se coñecemos a historia deste ancián, a súa chegada clandestina, ó pouco de casar, con algo máis de vinte anos, como desertor dun cargueiro en rota entre Europa e Nova York, á procura dun emprego que lle dese carta de residencia pasando polo aro dalgunha mafia e temendo ser deportado en calquera momento, ata que catro ou cinco anos despois regula os papeis e xa pode reclamar á esposa e ó fillo que vai á escola e acaba conseguindo un traballo ben remunerado. O pai e a nai volven para pasar a súa xubilación na terra, pero o rapaz, por razóns laborais non pode vir todo canto quixese. Os netos, mentres eran cativos, aínda pasaban os veráns cos avós, pero agora ou non poden ou prefiren viaxar por outros lugares. Os bisnetos xa nin saberán o nome daquel pioneiro.

A emigración existiu sempre. E o desarraigo tamén. A procura dun mellor lugar para vivir provocou, dende que a humanidade existe, un fluxo de xente na procura da prosperidade propia e dos seus sucesores pero tamén o esquecemento do lugar de orixe, o desarraigo.

Emigrantes que lle ofreceron un futuro digno ós seus hai moitos ó largo da historia. Non sei se se pode considerar a Séneca un emigrante en Roma, á fin foi a onde tiña máis posibilidades de prosperar, ou os emperadores Traxano, Adriano e Teodosio, hispanos que acadaron o máis alto status social do imperio. Supoño que estes tres tivérono máis doado ca outros, como o auriga lusitano Diocles, que chegou a gañar o equivalente a dez mil millóns de euros de hoxe en día, ou Borea, un dos máis afamados gladiadores do seu tempo, de orixe galaica. Ningún deles o tivo doado para chegar a onde chegou. Pero as carreiras aséntanse, unha veces sobre os chanzos que armaron os seus antepasados, e outras arriscando a propia vida ata acadar a “nacionalidade”, pensando sempre nas xeracións vindeiras que, co tempo, acabarán esquecendo a orixe dos seus proxenitores.


A emigración nunca foi mala. Polo menos para a maioría, permitíndonos que o sacrificio dos avós redundase en beneficios posteriores. E para exemplo aí temos a descendentes de galegos coma o presidente arxentino Alfonsín, o cubano Castro ou o boliviano Paz Pereira. Ata o papa León XIV parece ser que ten algún antepasado galego. Está visto que esta nosa terra de emigrantes tamén aportou algo ó devir do mundo. Como os irlandeses, os bávaros ou os italianos.

Supoño que se nos miran ben todos temos un ramal fóra da nosa vila. E se imos a USA, todos os seus presidentes, dende que acadaron a independencia, foron fillos de emigrantes. E incluso aquí, temos que agradecerlle ós país de Nico Williams e Lamine Yamal que os seus fillos colaborasen no triunfo da campiona de Europa de fútbol. Ou, xa máis de preto, ¿cantos barcos de Ribeira non quedarían en terra se non fose polos inmigrantes que teñen enrolados?

Pero tanto con estes coma con aqueles, chamémoslle exiliados económicos, só hai que agardar tres ou catro xeracións para que se esquezan de onde teñen a súa orixe.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).



sábado, 31 de xaneiro de 2026

Campaíñas timbradoiras

                        

As campás foron e son, nas nosas parroquias, as encargadas de dar as noticias máis sobresaíntes, sobre todo se hai festa ou enterro. Antes tamén avisaban dalgún outro acontecemento social ou problema que demandase a colaboración veciñal. Lembro que cando foi do Prestige, a campá da igrexa de Palmeira tocou a arrebato porque apareceran na praia da Corna unhas galletas de chapapote. Elas anunciábano todo, as festas e as desgracias. Aínda agora, sobre todo cando hai vento de nordés, chégame á casa o aviso de cada celebración a golpe de badalada, antes de que se publique nas redes sociais.

En palabras de Pondal podemos dicir aquilo de: “campá, sempre falabas/ palabras con que cortabas/ as cordas do corazón”. Pero outras veces tamén as aviva para exaltarnos o ánimo. E si que falan, porque non hai tantos anos que algunha veciña recoñecía cada tipo de toque como se lle falase de viva voz, e incluso, no de morto, distinguía se era por home ou por muller. Toda unha linguaxe coa que convivimos dende hai máis de mil cincocentos anos.

Na década dos anos oitenta do pasado século, puxéronse de moda os altofalantes no alto dos campanarios; a electrónica viña a substituír  os métodos de sempre, pero foi unha moda que, aínda que segue, nunca tivo a aprobación da maioría dos fregueses, e para proba aí están as incontábeis denuncias que o novo sistema tivo por ruidoso.

Durante uns anos, cando vivía nunha vila rural, preto da Coruña, cada domingo ó mediodía, o momento que escollía para dar un paseo polo campo, tiña que escoitar o sermón que o párroco pronunciaba na igrexa, a máis de medio quilómetro do meu lugar de andaina, e todo porque o bo señor conectaba nese preciso intre o seu micrófono ós altofalantes exteriores; segundo os mal pensados para que a súa apostólica mensaxe chegase tamén a quen, nesa hora do vermú, ficaba na taberna fronte a unhas cuncas de viño.


Non me molestaba, aínda que vía un pouco abusivo que nos metese pola forza a súa explicación do evanxeo ou a vida, obra e milagres do santo do día, e lembrábame dunha freguesa que botaba pestes contra outro párroco por instalar un reloxo eléctrico que nin descansaba polas noites dando as horas e as medias. Coma ela, houbo moitas queixas do novo sistema, e nalgúns lugares, como cada vez hai menos campaneiros, deron en substituír o badalo por un sistema electrónico que reproduce os avisos parroquiais por medio dalgún mecanismo electromecánico que actúa sobre un martelo que bate na mesma campá, o que é menos escandaloso, ou máis en sintonía co son tradicional.

Con todo, aínda hai párrocos que van máis aló, e dannos a roncha, perdón, as horas de maneira máis animosa con algunha sobranceira peza musical, tal a Alborada de Veiga para empezar o día e a Negra Sombra en versión de Xoán Montes para rematalo, a un nivel sonoro que abrangue a toda a parroquia sen respectar nin o noctámbulo que só desexa un par de horas máis con Morfeo. E si, esas cancións son moi fermosas, e eu mesmo gusto de escoitalas de cando en vez, pero se chas poñen todos os días acabas por aborrecelas, que unha cousa é a música e outra a contaminación acústica.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).