sábado, 10 de febreiro de 2024

As mans que ameazan o destino

 

    

En 1984 os americanos e os soviéticos sacáronse a fala; os rusos non foron ós xogos olímpicos de Os Ánxeles e cada un pola súa banda andaba a presumir de cabezas nucleares coma cando éramos nenos e presumíamos de quen tiña máis pelouros. Daquela o mundo temía unha guerra que rematase cunha catástrofe nuclear. Todo dependía de dous presidentes que se comunicaban con un teléfono vermello cheo de interferencias, e os Iron Maiden cantaban que as mans que ameazaban o destino estaban a dous minutos da medianoite.

Aqueles dous minutos do grupo de rock, que tamén falaba nos seus versos da raza do asasino e da semente do diaño, viñan marcados polo chamado reloxo da Apocalipse ou da fin do mundo, un metafórico reloxo que cada ano aparece impreso na portada do Bulletin of the Atomic Scientists  para marcar o risco dunha catástrofe sen volta atrás, desas mans que ameazan o destino, en palabras dos músicos. Toda unha metáfora do alarmante perigo que se corre por mor das tensións políticas e sociais que se producen no mundo por falta de entendemento. O malo é que esa é unha revista que non len máis ca catro intelectuais en horas de asueto.

A idea de tal reloxo naceu en 1947 na redacción do citado boletín, fundado por varios científicos pertencentes ó grupo Manhattan, os creadores das primeiras bombas atómicas que acabarían deixando a súa marca en Hiroshima e Nagasaki, para informar dos riscos que teñen as armas nucleares, sobre as que Oppenheimer dixo que “o físico comprendeu o pecado, e este é un coñecemento do que non se pode desprender”.

Foi Martyl Langsdorf, esposa dun dos creadores da Bomba Atómica, quen tivo a idea de deseñar tal reloxo, marcando os minutos que faltaban para a fatídica medianoite, como metáfora do pouco tempo que nos queda para acabar con todo se seguen esas políticas agresivas a nivel global. E ese reloxo, cada ano vai variando a posición das agullas segundo nos ameace ese perigo. Así, cando USA aprobou a creación da súa bomba de hidróxeno e levou a cabo varios ensaios nucleares para amosar músculo, facendo desaparecer unha pequena illa no Pacífico, o apocalíptico reloxo apurou as agullas ata eses malfadados dous minutos, e no 1991 baixou ata os dezasete, o mellor ano da historia, cando rusos e americanos daban por rematada a Guerra Fría.

Sen embargo, dende esa, o reloxo foi adiantando as súas agullas de maneira acelerada ata chegar ó nivel máis alarmante da súa historia nesta última revisión, situándose a tan só minuto e medio da medianoite.

Porque agora xa non só é o medo a unha explosión nuclear ou a uns aloucados e ególatras gobernantes, agora tamén entran como factores negativos a guerra de Ucrania, a masacre de Gaza, as epidemias, as emisións de CO2 e a falta dun criterio máis humano entre os dirixentes mundiais, máis preocupados por gañar votos ca por acordar cos outros para gañar tranquilidade.

E a culpa, que sempre lla botamos ós mesmos, talvez estea tamén en nós, cando decidimos cualificar ós dirixentes en bos e malos sen esixirlle ponderación. Como o refraneiro nos lembra, “dous non berran se un non quere,” pero sobre todo se o outro atende a razóns.

 Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario