sábado, 3 de febreiro de 2024

Santos e santiños


  Agás xenios que sempre houbo en todos os oficios, as xerarquías van medrando coa idade, con anos de experiencia e talvez tamén con novas e aprendidas actitudes; sen embargo, para ser santo non hai un límite, e se ben hai quen alcanzou tal dignidade de vello, outros fixérono en idades infantís como aquel san Quirce, un neno que aínda non tiña idade para falar cando, vendo como azoutaban a súa nai por ser cristiá, mentres o xuíz que presenciaba o interrogatorio o tomaba no colo e lle facía garatuxas, indignouse. Segundo as haxiografías, comezou a patexar, chorar e berrar, e de súpeto mirou para o maxistrado chamándolle bruto, pagán e inxusto. Pasmado aquel de que un cativo tan pequecho falase e o fixese con voz tan clara, aínda lle facía máis aloumiños, pensando nas pasaxeiras perrenchas infantís; pero o neno, vivamente cabreado, mordeulle o nariz con tal forza, que o xuíz arrincouno dos seus brazos e arroxouno de si contra o lousado chan rompéndolle o cranio e esparexendo os miolos por toda a estancia.

Aquel acto de valentía e martirio valeulle ó naipelo entrar no santoral como defensor da fe cristiá, pero cabe preguntarse se aquela perrencha súa foi por conciencia relixiosa ou por defender a súa nai, coma tantos rapaces fan contra esposos, pais ou amos energúmenos.

A autoridade eclesiástica é quen ten potestade para poñer no máis alto do ceo a quen ela supón merecedor de tal mérito, porque xente boa hai moita, pero se non se está bautizado non hai beatificación posíbel. Incluso sendo fillo de pais que si o están non se ten (non se tiña) dereito a ser enterrado en camposanto, e por tal motivo, en case todas as parroquias, hai o chamado cruceiro dos nenos, un lugar que por estar bendicido, era escollido para soterrar, case sempre con nocturnidade, ós nenos mortos sen bautizo. E é que contra a norma imposta polo integrismo relixioso están os principios da conmiseración que rexe a fe popular.

No santoral atopámonos cunha ampla tipoloxía de persoeiros, dende o que se pasaba o día rezando ata o que non perdía oportunidades para ir cortándolle a cabeza a cantos non comungasen co seu ideario. A maioría acceden ó santoral de maneira individual, pero tamén hai grupos.  Así, o pasado ano foi beatificada unha familia polaca composta por un matrimonio e os seus seis fillos ademais doutro aínda por nacer, asasinada polos nazis en 1944, a familia Ulma, acusados de ter acollido e protexido a uns xudeus que ían ser deportados a un campo de exterminio.


O curioso desta beatificación do grupo familiar é que tamén se inclúe ó non nato, o primeiro santo sen nome, pois aínda estaba na barriga de súa nai cando esta foi asasinada. Un neno que por non ter non tiña nin sexo coñecido, pois daquela aínda non se facían as ecografías que nos adiantan se mercarlle roupa azul ou rosa á futura persoa. E por non ter tampouco tiña o bautismo que lle outorgase a condición de cristián.

Agora só falta que, tras este precedente, nun acto ecuménico e con xenerosidade, se fomente a entrada no santoral das boas persoas que, aínda pertencentes a outras crenzas ou relixións, teñan demostrado que os principios humanitarios guían a súa vida.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario