venres, 26 de xaneiro de 2024

Aldeas asolagadas, ou case

Por Pepe de Rocaforte

        

Granadilla (Cáceres)

          

            Dando unha volta pola pantalla do ordenador á busca de algunha información curiosa, chamoume a atención unha sobre Granadilla, pequena vila amurallada de orixe medieval, na provincia de Cáceres, que a mediados do século pasado,  concretamente no ano 1964, foi definitivamente abandonada polos veciños que alí quedaban, a consecuencia do inicio das obras de construción dun embalse bautizado co nome do poeta José María Gabriel y Galán.

  Aqueles traballos alagaron os accesos ó pobo (todos, excepto un), de xeito que cando a obra ía así de adiantada, as autoridades competentes decidiron non continuar coa construción do embalse. Pero, claro, a tales alturas ningún veciño de Granadilla, por unhas razóns ou por outras, podía regresar xa á súa casa.

            Os que foran habitantes do lugar viron impedida a visita ás súas vivendas, excepto en dúas ocasións ó ano, o día da festa da Virxe de Agosto, o quince dese mes, e o día de Defuntos, o dous de novembro. Actualmente, despois de rematadas as obras de restauración, a vila, agora de propiedade municipal, pode ser visitada todos os días do ano, excepto os luns, en horarios que poden vostedes consultar pulsando aquí.

            Casos similares ó desta vila estremeña déronse en diversos lugares de España e, por exemplo na nosa terra, vostedes poden ver o caso da aldea de Serrapio, na parroquia de Pedre, concello de Cerdedo, ó principio dos anos oitenta do século pasado. Daquela circulou pola Terra de Montes a noticia das inminentes obras para a construción dun embalse que asolagaría moita terra da parroquia de Pedre, especialmente en Serrapio.

            Daquela recorría eu a zona seguindo o camiño dos arrieiros que desde o Ribeiro transportaban viño a Compostela e en Pedre contáronme a historia do embalse, cuxas obras finalmente creo que non se chegaron nin a iniciar; pero a aldea de Serrapio tivo a mala sorte de que cando empezaron a circular as informacións, empezou tamén a chegar por alí xente coa intención de mercar as edificacións que empezaban a ser abandonadas, co fin de aproveitar a súa boa pedra para utilizala noutras construcións lonxe de alí.

Serrapio

            Os veciños, non todos, pensaron que, do mal, o mellor sería elixir o menor, e venderon canto puideron, de modo que  á volta de pouco tempo a calzada entre a ponte de Pedre e o casarío de Serrapio, converteuse nunha sucesións de moreas de pedras non aproveitadas polos espoliadores de casas.

            A Serrapio, ademais de visitar a aldea, fun con idea de lle botar unha ollada a unha fervenza que me dixeran que había no río de Quireza. Preto da súa desembocadura no Lérez, xunto a unha casa de boas proporcións que continuaba viva á beira da auga, parei a falar cunha señora que tomaba a sombra sentada diante da porta.

            De entrada pregunteille por onde quedaba unha fervenza nas proximidades e a boa muller contestoume que en Serrapio non había ningunha e ela tampouco a tiña na casa, pero subindo cara a Quireza, ó mellor vendíanme unha na fábrica de gaseosas de Bugarín. Unha confusión entre “fervenza” e “cerveza” coa que aínda rimos un pouco.

            A cousa deunos pé para iniciar unha conversa que habiamos prolongar en dúas posteriores visitas a Serrapio, polas cales puiden saber que a súa familia construíra unha casa nova, paréceme que en Bugarín; pero mentres non a viñesen botar de alí, ela e mais o seu home seguirían na casa onde nacera e vivira, ¿que menos podía pedir? Comprendín a súa petición, que non era cousa tan cara, e como imaxino que a estas alturas a boa señora xa debeu abandonar este cativo mundo, quero crer que se foi co seu desexo satisfeito.

Ningún comentario:

Publicar un comentario