venres, 12 de xaneiro de 2024

ÉVORA, APARICIÓN NA PLANICIE


Por Pepe de Rocaforte

 

        

Templo de Diana

   

    En Évora estiven en tres ocasións e por moi pouco tempo todas elas. Na primeira ía de Lisboa para o Algarve e animeime a facer un desvío, aconsellado por un amigo, quen me dixo que pagaba a pena visitar tanto o Templo de Diana como a Capela dos Ósos, á entrada da cal unhas amables palabras convidan así á visita: «Nós, ossos que aquí estamos, pelos vossos esperamos». Lindo pareado que me lembra outra salutación (esta fermosa, en serio) no portal do cemiterio de Rabé de las Calzadas, no Camiño de Santiago, poemiña do cal non me lembro, porque ó pasar por alí non me escribía o bolígrafo e cando cheguei a Castrojeriz e comprei outro, xa se me esquecera a cuarteta salutatoria de Rabé. No seu lugar podo poñer o pareado do cemiterio de Ourense: “El término de la vida aquí lo véis, el destino del alma, según obréis”, pero paréceme  ter un encanto máis ben escaso..

         Volvendo a Évora: a praza onde se ergue o templo de Diana causoume unha impresión nesgada, de ser un monumento “fóra de lugar”. E a “Capela dos Ossos“, na igrexa de San Francisco, resultaba un tanto macabra para o meu gusto.

            Afortunadamente aquel día celebrábase na vila unha animada feira e dar unhas voltas por ela a ver o gando foi en certa medida unha compensación, aínda que o que máis me animaría a regresar á cidade alentexana, nun futuro que esperaba próximo, foi a lectura dunha novela de Vergílio Ferreira, “Aparição”,  publicada en 1959 e ambientada en Évora.

            E citar “Aparição” lévame a comentar un pequeno detalle: Cando a lin a primeira vez fixeime en que ó longo da novela case nin se cita a “Capela dos osos”. En cambio aparece arredor dunhas duascentas veces a palabra “planicie”, o que dá idea da importancia da chaira para o desenvolvemento da historia .

             En “Aparição cóntase o primeiro curso dun profesor que chega a Évora para dar clases no liceo, e empeza así (para dar unha pequena idea do ton do relato): Sento-me aqui nesta sala vazia e relembro. Uma lua quente de Verão entra pela varanda, ilumina uma jarra de flores sobre a mesa. Olho essa jarra, essas flores, e escuto o indicio de um rumor de vida...

Capela dos Osos

            O narrador entende que ese mundo que recrea na súa cabeza, ó el morrer desaparecerá na nada absoluta. El é o deus que o mantén con vida, e con ese convencemento percorre a cidade, familiar, branca, con xente que camiña para un lado e outro por rúas sementadas de ruínas, de nichos de santos, de xanelas góticas, Évora mortuaria, encrucillada de raças, ossuário dos séculos e dos sonhos dos homens...

            Cun propósito, salvadas as distancias, similar en certa medida ó do profesor-narrador-protagonista, volvín eu unha segunda vez a Évora levando a modo de guía a novela de Vergílio Ferreira. E mediada a relectura empecei a sentir o temor de non se tratar da mesma novela que lera uns anos atrás. Ou mellor dito, o mundo que descubría agora nela era outro. Un exemplo pouco importante, pero orientador: na cidade do relato sempre facía frío, só contra o final da historia empezaba a se sentir a calor e o ardor do sol, o cal na túa situación de lector de verao te deixaba un tanto descolocado. O mesmo que Sofía, a rapaza que estudaba no liceo onde o narrador-protagonista se iniciaba como profesor. Sofía parecíame unha mala copia da Lolita de Vladimir Nabokov. E as “clases altas” con que se empezou a relacionar o recén chegado profesor, eran máis ben homes máis ou menos adiñeirados, de diversións choqueiras, case sempre extremadas e con escasa gracia, e mulleres de misa diaria e pensamentos reprimidos, unhas e outros desdebuxados, cunhas vidas que soaban a artificial, como tomadas de lecturas, non da realidade.

            ¿Que máis dicir? Pois que volvía facer unha lectura equivocada, como estou a comprobar agora nun terceiro repaso. Como lección saquei a conclusión de que calquera libro, se non queremos ser inxustos á hora de o xulgar, debémolo ler polo menos un par de veces. Serviranos para profundar no pensamento e nas intencións do autor e sempre algo (ou moito) sairemos ganando.

            Ah!, en canto a “Aparição, creo que se trata dunha gran novela, emparentada co existencialismo francés daqueles anos.

            Pola cidade de Évora aínda terei que volver nunha nova ocasión.

           

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario