Amosando publicacións coa etiqueta viaxes e literatura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta viaxes e literatura. Amosar todas as publicacións

mércores, 10 de abril de 2024

AVEIRO - II

 

Por Pepe de Rocaforte

          

Barcas nos canais de Aveiro

          O outro día non paraba de citar aquí parágrafos de Lobo Antunes. O motivo foi debido a que cando lin "Explicação dos pássaros" atopeime coa descrición dunhas paisaxes aveirenses moito máis reais e máis fieis que as xeradas polos meus ollos.

   Tanto na "Explicação...", como nas outras novelas da súa primeira época, (agora perdinlle un pouco a pista ó autor e xa non sei moi ben por onde vai). A paisaxe ten no médico lisboeta un protagonismo especial. Vémola vivir, rodear, envolver ás persoas, actuar como indutora dos seus estados de ánimo. Ou tal vez o estado de ánimo opere como modelador, ou modificador, da paisaxe. Non sei. Pero lembro agora canto cheguei a sentir as terras de Angola, sen nunca ter alí estado, gracias á lectura de "Os cus de Judas".

A maxia de Lobo Antunes fíxome oír o criquear dos grilos de Manando, a flora de Africa a flutuar livre, na atmosfera espessa de vibrações e cicios, sentirme coma el, mínimo no fondo da noite sen lúa, non existir nada, ningunha luz, ningún vulto, só o ruído do teu mexo invisible e as estrelas conxeladas na media laranxa do ceu, demasiado afastadas, demasiado pequenas, demasiado inaccesibles [ ... ] Acordar no medio da noite e sentir na quietude e no silencio o sono innumerable de África. E as madrugadas na Baixa do Cassanje, a incrible extensión azul do Cassanje, o odor vigoroso da terra ou do capim, o perfil confundido das árvores, o algodão aberto até ao horizonte numa pureza de neve amortalhada. E o rio Cambo, habitado polo silencio mineral dos crocodilos. O rio Cambo, o rio dos jacarés e das gibóias, as órbitas dos crocodilos á deriva na corrente, pensativas e atentas como as de uma rapariga á escuta, a pestanejarem a ironia mineral de certos bustos de Voltaire.

            E xa case me perdín de Aveiro. Pero volvo. Saíamos do hotel para a cidade,um vóo muito ténue de gotículas minúsculas ia e vinha no vento, e o brillo brunido do asfalto, decorado aquí e alá por unha ou outra fochanca, reflexaba diante do morro do coche os matices grises dun ceu de chumbo.

Catedral de Aveiro

Chegabamos ás primeiras casas e parabamos preto do canal. Ó atravesar a ponte, chegábanos o cheiro da agua turva, parada, em que flutuavan palhinhas, pedaços de madeira, um cesto, detritos vários, botes com os remos dentro, o betume difuso da bruma, o mar, talvez, lá muito longe. As rúas abríanse desertas diante nosa e camiñantes á toa por elas adiante sentiámonos como náufragos sen unha táboa á que se agarrar.

            A pesar da pequenez dos días de novembro, as horas facíansenos inacabables. Regresabamos ó hotel e desde a fiestra do cuarto axexabamos os barcos que regresaban na tarde cincenta, un detrás doutro, á estreita lingua de area da praia, a ría entraba lentamente no seu sono do mesmo modo que dúas voces se misturan; ó principio era a penas a lagoa desalmada e inmóbil de auga, a lingua saburrosa da area, os piñeiros estillazados na néboa, e a cidade ó lonxe, imprecisa como os ollos dos cegos. Despois as trevas borrábano to­do e voltabamos ó comedor do hotel, orfo de comensais, os camareiros en pé, pacientes, á espera de que acabásemos a nosa refección.

            Paréceme que era un sábado, ou tal vez un domingo, á tarde, cando xa non puidemos aturar máis. De paseo por unha das rúas da vila, tan deserta como unha biblioteca municipal, chegaron a nós desde o interior dun edificio calquera os sons tristísimos dun himno relixioso interpretado co fervor apocalíptico dun coro de fieis, quen sabe se adventistas, metodistas, ou testemuñas de Jehová.

            Pegamos no coche e entre unha chuvia a cada paso máis densa, atraída tal vez pola saudade insistente dos cánticos que acababamos de escoitar, enfiamos a estrada camiño do Porto e dixémoslle adeus á Barra, á ría, ó Vouga e á cidade dos ovos moles e os barcos moliceiros.

            Agora volvemos de novo. A alegría provocadora do verao aínda está lonxe no tempo e nin o vermello da salvia entre o verde nos canteiros, desde a brancura dos adoquíns que decoran as aceras (Ou os paseos; por favor, non me obriguen a poñer beirarrúas. Nin rubidoiro, nin televexo). Na praia da Barra bótase de menos o fervedoiro de bañistas en taparrabos que berran, brincan e se enfrentan destemidos ás ondas no medio do verao. E só vén a nos turbar aquela pa escavadora que aquí e acolá, a cada paso en máis sitios, procede a destruír concienzudamente as marxes da ría. Nin os camións que descargan toneladas e toneladas de entullo para cegar as xunqueiras e obrigan a fuxir os paxaros que Lobo Antunes explicaba. Agora medrarán grandes construcións de bloques no lugar onde aniñaban os patos e a saber quen, pero alguén si, é o que vai gañar.

NOTA: Todos os parágrafos en cursiva pertencen ás novelas "Explicação dos pássaros" e "Os cus de Judas", de António Lobo Antunes.

venres, 5 de abril de 2024

AVEIRO - I


 

Pepe de Rocaforte

 

 

Farol de Aveiro

"Descubra os canais en patíns a pedal". Un imaxina este cartel na Piazzetta San Marco ou no embarcadoiro do Rialto e a imaxe tal vez lle resulte un pouco chocante. En cambio pode encontrar completamente natural velo no Largo do Rossio en Aveiro, ó lado do canal central desta “Venecia portuguesa”, onde unhas alargadas embarcacións navegan entre a Barra ou a Costa Nova coa vela despregada ó vento sen envexar a prestancia das góndolas venecianas. E un pregúntase se as viaxes a que se pode apuntar se farán nunha delas, algunha con nome tan atraente como "O rei da ribeira aldeiá", "O campião da ria de Aveiro" ou "A rainha da ribeira da aldea", decoradas con enternecedoras pinturas naif nas proas, sen se fixar ata que ó achegarse á beira descúbrelle, camuflado na popa, un potente motor "Yamaha", case tan pouco procedente coma o dos patíns a pedal.


            En fin, miudezas que se lle ocorren ó que suscrive cando se pon a pensar nesta vila desconcertante que a cada nova visita suscita impresións completamente distintas das producidas na ocasión anterior. Ou polo menos eso me sucede a min en Aveiro.

            A primeira vez que visitei Aveiro camiño de Lisboa foi unha mañá soleada de outono, nesa época na que as cores da paisaxe están máis matizadas, os perfiles recórtanse nítidos nun aire de cristal e por todos os lados se respira unha calma, unha tranquilidade sedante que te reconcilia co mundo. E a pesar do tempo transcorrido desde entón, non se me borrou da memoria a fermosura daquela mañá de paseo pola avenida do Doutor Lourenço Peixinho, pola beira do cais de San Roque. Como tampouco esquecín o viño doce e os bolos con nata degustados mentres ó lado, pola canal, unha barcaza avanzaba cargada de argazo.

Góndolas

Quedoume entón a impresión dunha vila amable, acolledora, alegre e tranquila, que convidaba ó regreso. E regresaría, cousa de quince anos máis adiante. Dous amigos recomendáranme o "Hotel da Barra" como lugar axeitado para o descanso, en plena natureza, entre o ceu e o mar. «Alí, se queres, poderás escribir algún poema. Verás o doado que é atopar inspiración, aínda que non máis sexa para un soneto pequeniño», dixérame, humorístico, José Viale Moutino, un dos recomendantes.

            Daquela vez cheguei de novo a Aveiro nunha tardiña de fins do outono, e atopeime coa noite moribunda da ria, atravessada de viés por fiapos de claridade turva que pareciam nascer dos novelos de sombra dos pinheiros ou do basalto confuso, sobreposto, das nuvens, como lería máis tarde na "Explicação dos pássaros" de António Lobo Antunes, nunha descrición axeitada milimetricamente á percepción que a min me embargaba.

            Faláranme da praia, do sol, da multitude ruidosa de bañistas. De camiño polaa Barra, o céu e a ria reflectindo-se mutuamente como dois espelhos paralelos, todo silencioso, deshabitado, a auga parada, gris, como morta, pareceume o meu punto de destino un lugar nas antípodas do que os amigos me recomendaran e empezóuseme a encoller o ánimo.

            Logo de pasada a ponte, a avenida que levaba ó hotel, paralela ó areal, estaba deserta e escura, as poucas casas todas pechadas, sen o menor signo de vida. Na recepción,, baixo unha luz morrediza, só o recepcionista no mostrador.

            Ó día seguinte habiamos saber que nós, a miña muller e mais eu, eramos os únicos clientes ocupantes do hotel, a sentírmonos case culpables diante daqueles camareiros á nosa espera para o almorzo no comedor deserto, de grandes vidreiras nas que asubiaba o vento, as pólas dunha árbore solitaria a bater con forza contra os cristais empurradas polo vendaval.


            Saiamos do noso aloxamento coa única compaña do zoar do vento, os guinchos das gaivotas e o bater das ondas no areal. Endereitabámonos para a cidade entre a néboa “pegaxosa e fria”. Unha claridade oblicua rompia a custo a bruma e aproximabase á ribeira nun halo de miríadas de particulas suspensas, na panza da cal os paxaros semellaban navios sen leme, desgobernados, reducidos ó contorno estreito dos ósos, radiografados, contra a lámina opaca do ceu. A auga non producía un mínimo ruido que se ouvise, nin unha vaga, nin unha corrente, nin unha cascada, un silencio completo, absoluto, horizontal, cor de crepe, e alá moi lonxe as lámpadas de Aveiro refractadas na neblina.

(Seguirá na semana próxima)

 Os fragmentos en cursiva pertencen a obras de Antonio Lobo Antunes.