xoves, 18 de xaneiro de 2024

PELLETS NO MAR

 

            Por Pepe de Rocaforte


Este domingo pasado pola mañá un amigo que daba unha voltiña polo paseo marítimo coruñés, á altura da cetaria de Lavañou fixo, e mandouma, esa foto dun señor solitario, armado cunha vasoira, unha peneira do trinque e un recolledor, ocupado en limpar a praia de pellets, ou microplásticos, ou o que sexa. E pensando, pensando, mesmo me pareceu posible que ese señor tan ben equipado estivese realizando tal traballo por orden de dona Paloma Rueda, tía de Alfonso Rueda, o actual ocupante da cadeira de presidente da Xunta de Galicia. (Entre parénteses: esa señora está ó frente dun proxecto de 1,3 millóns de euros para combater a chegada de microplásticos ás nosas costas, para o cal se lle asignou desde o pasado mes de decembro un soldo de sesenta mil euros anuais. Non digamos que non ten vista e sentido da anticipación quen a situou aí).

O caso fíxome lembrar aqueles meses de fins de 2002 e principios de 2003, cando me presentei voluntario no concello de Malpica, xunto cun grupo de xente disposta coma min a limpar o anaco de costa que se nos asignase despois do vertido de chapapote do petroleiro “Prestige”.

            Aquelo non me pareceu moi ben organizado, porque despois de sermos convocados para as nove da mañá, xa pasaba das once cando estivemos listos para sermos transportados ó lugar que nos fora asignado. O que saín ganando daquela foi un par de botas moito mellores que as que levaba eu. Pero do resto... Chegamos á praia de Seiruga e alí nos deixaron coa recomendación de irmos recollendo e transportando ós contedores os anacos sólidos de chapapote que vísemos no areal, cousa de moi pouca monta, o cal me fixo pensar que nos consideraban demasiado novatos e non lle pagaba a pena perder o tempo en nos asesorar para tal ocupación.

            Outra cousa sería cando fun combater o chapapote a Laxe. Xa nada máis chegar, case sen tempo para tomar un café que nos estimulase un pouco, alá nos endereitaron para a praia dos cristais, chamada así pola cantidade de vasos, botellas e similares, vidros multicolores rotos e tirados nun vertedeiro de lixo alí ó lado que as arroiadas, o vento e o continuo ir e vir das ondas, fora arrastrando cara á praia onde a area remexida polo mar ó longo dos anos lle pulira as arestas e convertera o lugar nun centro atractivo para turistas e outros amantes da natureza.

            Como dixo o outro, o mar é caprichoso e devolve sempre o que se tira nel. Agora tocáralle a devolución ó chapapote do “Prestige” e alí estabamos nós a sacar a caldeiros e paladas aquela masa negra que mataba a vida alí onde paraba.


            Aquel día souben o que é o traballo dun peón a palear todo o día. Acabei que non me podía domear. E para colmo cando entrabamos de volta na vila, achegóusenos un grupo de mozolos da localidade con ganas de festa, a se burlar con chistes probablemente moi simpáticos de nós e da nosa axuda contra o chapapote que rodeaba Laxe. Foi o meu último día de axuda contra a marea negra.

            E chegado a este punto observo que empecei a escribir sobre a actual marea de pellets que tanto nos preocupa (pero non a todos: o outro día escoiteille dicir ó presidente da confraría de Muxía que o “Prestige” fora unha auténtica bendición para o mar galego polo parón biolóxico que supuxera e que, ó seu lado, esto dos pellets é unha parvada.

            Eu non o sei, eso déixoo para os entendidos. E eu a seguir contando as miñas cousiñas. Ou como dirían os meus netos: as batalliñas do avó.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario