venres, 31 de maio de 2013

Santo Antonio

Santo Antonio, santo Antoniño, é o o santo casamenteiro, aquel a quen as mozas invocan e veneran para solicitarlle mozo, en razón a que o santo, en certa ocasión promoveu o casamento dunha moza abocada á prostitución, ó doarlle a dote que necesitaba para atopar marido. Ben o di Rosalía:

San Antonio bendito,
Dádeme un home,
Anque me mate,
Anque me esfole.

     Existe na actualidade a confusión deste santo Antonio de Padua, natural de Lisboa, que celebraremos o vindeiro 13 de xuño, co santo Antón Abade, que ten o seu día en xaneiro e é o protector dos animais.
            Do santo Antonio que imos celebrar, tamén din as devotas que, cando non se porta ben e non favorece a aparición do mozo buscado, hai que castigalo, poñéndoo cara a parede, colgándoo polos pés, encerrándoo nun armario a escuras e incluso dándolle unhas labazadas.
            Baixo esta crenza, souben un día como unha rapaza que non se vía favorecida polo santo decidiu castigalo tirándoo pola fiestra, con tal sorte que foi caer ós pés dun tipo que, sentindo o perigo a que estivo exposto, subiu a protestar a aquela casa, e cando lle contaron a razón e viu á rapaza, casou con ela.
     Este, o da imaxe que poñemos nesta páxina, é o santo Antoniño do Xobre, na Pobra do Caramiñal, un santo con moita devoción entre as mozas casadeiras da Barbanza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario