sábado, 22 de febreiro de 2025

Por manter a vida


Nada hai máis triste ca xuntarte nun tanatorio a falar de pastillas, doenzas e anos cumpridos.

Xulio cóntanos que cando se xubilou preguntoulle ó seu médico se non lles daban unha prima por desfacerse dos vellos. A pregunta, feita entre bromas, non ten por que parecer estraña, á fin e ó cabo, os xubilados, a medida que cómpren anos son unha carga para a Seguridade Social, cobran do Estado e só se dedican a pasear, co mal que está sempre a caixa das pensións. O médico mirouno moi serio e só lle dixo, que aínda que se alcuman Matasáns, non hai no seu contracto nada que lles recomende ou aconselle facerlle honra a tal alcume. “É bo sabelo”. Pero, ¿e se nos toca de gobernante algún Tramp-oso que ten ós maiores de sesenta por inútiles sociais? ¿Quen pode asegurar o que se lle ocorrerá a calquera iluminado por aquilo de aforrar cartos?

O noso amigo reflexionaba niso que se dá en chamar a eficacia económica dun país, porque moito falar de que na terceira idade están os mestres, a conciencia e as guías da mocidade, pero ata agora a ningunha empresa se lle ocorreu contratar a maiores de sesenta para orientar ós mozos. Para eses que só miran o índice bolsista, os vellos só lles dan ganancia a salas de festas como La Luna e sitios polo estilo. Do resto, ata lles fan a competencia a labregos e pescadores, plantando tomates e leitugas ou saíndo cada tarde a coller un par de chopos sen pasar pola lonxa. Con este panorama, non ha de faltar quen bote contas e conclúa que a terceira idade sáelle cara ó Estado. 

Na sala de espera dunha consulta, falando de achaques, médicos, menciñas, doenzas e dúbidas un sae máis enfermo do que entrou. E como todos levamos dentro un galeno en potencia, os pobres facultativos son criticados dende todas as partes, xa sexa porque non lles prescriben o que eles queren ou o que un falabarato recomendou en internet, pero sobre todo porque levan toda a vida en contacto coas enfermidades e non dan acadado ese elixir que nos permita calquera exceso sen ter que pasar pola sala de urxencias.

Hai dous meses, na ringleira onde Xulio agardaba para pór a vacina da gripe, alguén aseguraba que o mellor premio Nobel de medicina aínda está por dar a aquel que encontre esa pastilla que che permite gozar dunha boa lacoada con sobremesa de copas e cigarros sen que o corpo se resinta. Porque cos anos non só aumenta a dependencia médica, senón tamén a inseguridade, o verte cada día agardando diante da farmacéutica por algunha apócema que che devolva o que os anos non perdoan.

Xulio está convencido de que fronte ós médicos humanistas, cuxa meta é aplacar o mal na medida do posíbel, está esoutro demasiado humano, que se fai amigo do doente que, de cando en vez, chega á consulta con un par de botellas de licor ou un xamón a troco dunha receita que tranquilice os seus medos.

Á fin, a todos nos gusta gozar dos praceres do padal como recomenda o refrán: morra o gato e morra farto, e cústanos moito resignarnos a perder os praceres da vida antes de aceptar o camiño do Alén.

 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

sábado, 15 de febreiro de 2025

A incerteza da ignorancia

   


             

Non sei se a algún de vós vos ten pasado que, tras ver un problema en facebook (por exemplo) ó resolvelo comprobáchedes que o resultado estaba errado. A min pasoume. A última foi unha demostración aparentemente científica, de facer bailar unha moeda no medio dun triángulo de culleres en contacto co polo positivo dunha pila. Non funciona. É falso; pero fíxome dubidar, o cal serve para decatarnos de que non todo canto aparece en internet é verdade e é necesaria unha comprobación. O peor é que esa falsidade veña acompañada de centos ou miles de likes que a converten nun andazo cultural.

As redes sociais, que naceron como unha axuda para as comunicacións nun mundo cada día máis complexo,  veñen sendo, en moitos casos, verdadeiros come-cocos ateigados de falsidades. Convertidas en voceiros das máis insólitas propostas, en propaganda de todo tipo baseada en atraer a atención das masas, en facernos sentir curiosidade polo que proclaman e aceptar os seus postulados como se fosen verdades absolutas, e iso é o negocio dos seus difundidores para alcanzar obxectivos pouco éticos; máis aínda cando a esas noticias se lle engade un lema ou unha consigna que nos adule as orellas, daquela o éxito é total e a carreira social ou política dese propagandista das redes está asegurada. Entre nós, sen ir moi lonxe, temos exemplos de afamados personaxes públicos que chegaron ó seu alto posto pola vía das redes socias, ateigando os móbiles de falsidades arteiramente argumentadas e difundidas en progresión xeométrica.

Na súa última novela, Un amigo do pobo, Nacho Taibo retrata, con esa carga de sorna que el sabe aplicar maxistralmente, a un destes tipos que, a base de likes polas súas fake news, se converte en magnate das comunicacións acadando o máis alto cume do poder político, demostrando que os likes poden valer máis ca os billetes.


O señor Steve Bannon é un destes espelidos artistas das redes, un americano experto en difundir mentiras, contos e andrómenas. Deixoullo claro a Trump hai xa algún tempo, dicíndolle que propagase contra vento e marea as ideas nacional-populistas se quería medrar. O outro fíxolle caso e aí temos as consecuencias, presidindo cada día as cabeceiras de todos os medios con grandes titulares que meten medo.

Os propagadores de rumores saben que o ruído invítanos a participar del, por moi tranquilos que sexamos, coma cando estás vendo un partido de fútbol  e te deixas levar da euforia que outros manifestan; tamén, se a noticia en redes che fai tilín, non dubidas en darlle a compartir para axudar a que iso chegue a todas partes e xere convencemento, baixo a vella premisa de dar por certo aquilo que todos din, sen molestarnos en comparar, preguntar ou dubidar. É a política feita ó amparo de argalladas e predicadores que nos están levando cara un futuro incerto, niso que podemos definir como a incerteza da ignorancia.

Ese señor Bannon díxoo moi claro, que a verdadeira oposición son os medios, e a maneira de enfrontarse a eles era enchendo todo de merda, así con esas palabras; e o seu exemplo é seguido en todo o mundo, mentres non se desenrole un programa que indique en fosforescente cor vermello se estamos diante dunha fake new, un bulo ou unha idea trasnoitada.

 Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).