sábado, 20 de decembro de 2025

Lendas e fantasías

                     

 
En certa ocasión, o amigo Xulio, a pedido do fillo dun parente seu que lle preguntou se coñecía algunha lenda asociada a unha furna que hai en Palmeira chamada “a cova de Juan Rei”, fixo memoria dalgún conto que unha tía súa lle contaba cando era neno, así como doutras historias sobre o tal personaxe, que a todas luces carecían dunha base fidedigna, e ocorréuselle mesturar todo e contarllo. Sen embargo, aínda que do personaxe real non se sabe nada, somos moitos os que estamos convencidos de que existiu e que, algo do que del se conta foi máis ou menos certo.

Así nacen moitas lendas, unhas veces como simple brincadeira e outras como versión máis ou menos fantástica dun feito real.

Sempre se dixo que cando os contos son levados de boca en boca, poden desfigurarse tanto que acaban por non ter nada que ver co que realmente aconteceu. De feito hai experimentos que o confirman. E se o narrador é alguén con certa imaxinación, xa temos os ingredientes fundamentais dunha lenda, como esa que nos fala do encantamento dun mouro convertido en touro que dende tempo inmemorial habita na lagoa de Reiriz (Ribeira), quen ten por costume bruar desesperadamente sempre que hai temporal; tan fantástica e ó mesmo tempo tan doada de crer se sabemos apartar a ficción da realidade.

As lendas estanse creando acotío, talvez con menos fantasía, pero só hai que darlle tempo. Aínda así, de todas elas, talvez as máis sorprendentes sexan as haxiografías, as biografías dos santos, tan fantásticas que un só pode aplaudir como tales inventivas acaban créndose con fe cega por absurdas que sexan, como aquela de Dionisio o Areopaxita, que despois de cortárenlle a cabeza recolleuna do chan e foi con ela debaixo do brazo ata o lugar onde quería ser enterrado. Ou aqueloutra de como san Pedro deixou entender que un ser celestial foi quen lle abriu as portas da cadea para fuxir, e non un adepto seu, mentres Nerón se divertía vendo como os leóns lle metían o dente a algúns cristiáns.

Esta mesma semana estiven visitando o forno onde, segundo a tradición, quixeron queimar a santa Mariña, en Augas Santas, un lugar que, como moi ben se di nos carteis explicativos, é o resto dunha sauna de época romana, co que, máis ca queimala, a intención de quen pasou á historia coma o malvado pretor que pretendía seducila, só era lavar e engalanar a aquela mociña labrega que, seguramente, non levaba moi ó día o aseo persoal. Diante dese suposto “forno da santa” lembrei a Rosalía: “Vente rapasa,/ vente, miniña,/ vente lavar/ no pilón da fontiña./

Sempre é bo buscar a parte real que hai detrás de cada lenda e espila de fantasía, cousa que poucas veces consigo. Elas forman parte das nosas crenzas e mitos dende antigo, pero seguen contándose e escoitándose con verdadeira paixón e veracidade, como a que un amigo me narrou na porta da igrexa de Ribeira, sobre un encontro que tivo coa Santa Compaña, citando como testemuña á súa esposa.

E eu que pensaba que coa chegada da luz eléctrica estas cousas xa non acontecían e que os mortos por fin descansan no seu camposanto sen vir a importunarnos. Pero tampouco teño por que non crelo.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario