martes, 5 de marzo de 2024

Elementos apotropaicos


 Na compaña do amigo Márquez, visitamos Soutelo de Montes, e entramos na súa casa natal, unha casa construída en 1905, que aínda conserva a mesma porta e o mesmo forno, e detrás da porta unha bolsiña con elementos protectores contra o mal que alí se conserva dende que o “Mudo”, o construtor, a colocou como ramo final da obra lista para habitar.

 Dende os tempos máis antigos, sentimos a necesidade de resgardar a casa ou a mesma persoa, xa colgando os cairos ou as poutas dunha fera vencida ou invocando por medio da palabra escrita a protección. Allos, pináculos, cruces, ferraduras de sete cravos, cornos, pedras brancas nos muros e moitas cousas máis, cada unha co seu significado particular, viñéronse usando como elementos de protección ó largo da historia.


Os romanos colocaban na porta da casa un falo (de barro o de metal) que co tempo vén dando neses pináculos que adornan os hórreos ou neses cornos que se colocan a modo de amparo contra o mal nas fachadas e nos linteis, e os xudeus colocaban un anaco de texto sagrado, a Mezuzá na xamba dereita da entrada. Na actualidade abundan as imaxes dalgunha divindade coa lenda de “Deus bendiga esta casa”.

O etnógrafo Carlos Solla cóntame que en Cerdedo adoitábase colocar ao agocho da trabe cumieira da casa (ou outra) a chamada "caixa das pertenzas", onde se gardaban pequenos obxectos representando a cada un dos moradores da vivenda. A caixa non se podía abrir e só os herdeiros podían engadir pero nunca subtraer os obxectos gardados. O mesmo Carlos, na casa familiar das Raposeiras, que data de 1915, atopou a propia enriba dunha trabe onde aínda continúa. Abriuna para engadir obxectos cando el a herdou e puido comprobar que o seu contido estaba formado por medallas, moedas, un dedal, uns  botóns de puño e un pasador de gravata.

Estes elementos apotropaicos tamén se usaban coas persoas, como os romanos usaban as Bullas, unhas pequenas saquetiñas de coiro ou de metal, segundo o poder económico da familia, que levaban colgadas do pescozo ata os dezasete anos, en que eran ofrecidos a Hércules, ós Lares ou a Xuno, segundo fosen nenos ou nenas, onde se metían elementos de defensa como un falo e unhas bolas. Elementos que o cristianismo derivou en escapularios como o do Carme, asegurando que quen morrese con el ó pescozo liberaríase das chamas do purgatorio.


Entre nós, tamén levamos esta saquetiña, ou “detente”, a semellanza da Bulla romana, para deter o mal, polo xeral prendida na roupa interior, ata os dez ou doce anos, e no noso caso portaba un anaco de folla dun libro sagrado (dos evanxeos ou de misa), o cordón umbilical e un dente de allo. Nalgún caso téñense incorporado os dentes de leite, sempre en número impar.

Quedamos coas ganas de ver o contido da bolsiña da casa do noso amigo Márquez, pero é que no caso de abrila, a bolsa perdería todo o seu poder apotropaico. Así pois, resignámonos e mantense o misterio.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario