sábado, 16 de marzo de 2024

Graffitis ou pintadas

 

O graffiti é o herdeiro das pintadas aquelas feitas con brocha ou spray  proclamando que “Mancha a parede pero franquea o camiño”. É un italianismo que se está impoñendo, por ese amor que lle temos ós vocábulos estranxeiros, pque se refire máis ás marcas a rotulador ou rascando na parede para sinalar o noso paso ou anunciar onde estivemos con frases do tipo fulano estivo aquí, sobre todo cando visitamos un lugar turístico, aínda que a ninguén que fose despois de nós á Alfambra ou a Torre de Pisa lle importaría; aínda así, ese turista posterior tamén deixará o seu sinal, aínda que só sexa por imitación. E cantos máis garabatos maior demostración de lugar amplamente visitado. Agora, a moda e a tecnoloxía, permítenos sacar un selfie para poñelo no facebook e que nos dean un like.

Polo menos este moderno sistema non mancha as paredes ou as garitas de garda onde os recrutas deixaban constancia do seu paso pola mili indicando o seu lugar de orixe e a súa quinta. Outros paneis onde era un pracer grafiar eran as portas dos retretes e as cabinas dos ascensores, con chistes obscenos e mensaxes seudofilosóficas, para amosar, con frases curtas, directas e claras, as profundas reflexións que nos invadían nun momento de intimidade.

Remontándonos á antigüidade, xa os exipcios deixaban os seus xeroglífos nas paredes dos templos, maiormente para solicitar algún favor dunha divindade, un costume que se transmitiu vía Grecia e se mantén nalgún dos actuais santuarios galegos, con pintadas e placas invocando a intervención do santo do lugar ou simplemente para dar grazas polo favor recibido, facendo certo iso de que as palabras lévaas o vento pero o escrito permanece.

En Pompeia apareceron máis de once mil graffitis e pintadas conservadas baixo a lava do Vesubio, polo que sabemos que os romanos usábanos como propaganda política, como medio de insulto a algún inimigo, para sinalar as argalladas de alguén ou para aconsellar. Moitas destas mensaxes eran sentencias e refráns, como a que dicía: “Un problema pequeno faise grande se o ignoras”, a cal pode seguir aplicándose hoxe en día, pero tamén había algún para sinalar un mal costume: “Pagarás polos teus trucos taberneiro. Véndesnos auga e quedas co viño”; sen faltar acusacións directas: “Atimeto preñoume”.


Grazas ós graffitis sabemos como pensaban e que lles preocupaba ós exipcios, pompeianos ou os paisanos de calquera época. Por eles tamén se confirmou que a erupción do Vesubio foi en outubro e non en agosto, como se pensaba, a pesares de atopar restos de froitas propias do outono nalgunha casa, e todo grazas a unha pintada que se pode traducir como: “O dezasete de outubro deu renda solta á súa fame ata encherse”.

Os graffitis, que polo xeral dan unha idea de indecencia e sucidade, tamén os facían persoas cultas, como Balzac, quen deixou a súa marca nun templo de Exipto para que a historia lembre as súas andanzas como turista.

Máis recentemente, Eugene Cernan, o último astronauta que pisou a Lúa, tamén grafitou sobre o chan do satélite as letras T.D.C. que veñen sendo as iniciais da súa filla, e alí permanecen para que algún día, algún guía turístico, nolo sinale como o primeiro graffiti que se fixo na Lúa.

 

Francisco Ant. Vidal

Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario