Amosando publicacións coa etiqueta etnografía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta etnografía. Amosar todas as publicacións

sábado, 5 de setembro de 2026

Gorros, gorras e sombreiros

    



Houbo un tempo no que ata os nenos levaban pucha, boina ou viseira, pero agora nin ós vellos lles dá por cubrir a cabeza. A boina caeu tan en desuso que ver a alguén con ela pola rúa ata parece un anacronismo.

        

Confeso que eu son máis de gorra ca de sombreiro, desas de estilo irlandés, ou polo menos dende que me decatei de que aquelas melenas das que presumía antes de ir á mili xa non volverán nunca máis, e moitas veces, en canto saio da casa, se non a levo, noto ese airiño fresco que me obriga a volver por ela.

A cabeza podemos tapala por motivos hixiénicos, de abrigo ou de fachenda, para non deixar ver que os anos pasan factura. Tamén se poden usar por gala e chulería, só hai que ver o adornadas que son algunhas monteiras de gaiteiro en contra-posición coas gorras de viseira, tan propias do ámbito ianqui, que máis parecen un produto de propaganda, cos seus anagramas e lemas estampados como marca distintiva,

Tampouco as mozas acostuman a cubrirse, agás en contadas ocasións, nalgunha festa ou solemnidade en que poden presumir de pamela, sen necesitade de ir a Ascot (Reino Unido), para alardear de elegancia con tocados do máis extravagante, onde o adorno prevalece sobre a función primordial de calquera tapatestas. Pero, como o mundo dá moitas voltas, é moi normal que o que antano só era indumentaria das clases pobres, de pescas e campesiñas, máis preocupadas polo práctico e funcional, fai que se recupere o sancosmeiro, o sombreiro propio das terras de Outes e Mazaricos, cuxo nome lle fai honor á parroquia de san Cosme de Antes, unha prenda que se expandiu por toda a bisbarra e máis aló. Aínda lembro coincidir nunha excursión por algún país de Oriente Medio con unha paisana que o levaba. ¡E que ben lle quedaba!

E en efecto, coa súa ala ancha, a copa adornada cunha tea, a ser posíbel de seda, rodeándoa cunha lazada que cae polas costas en competencia co periquito ou a melena é, sen dúbida, a nosa pamela tradicional, elaborada coa paciencia de mans áxiles nas longas noites de inverno, con pallas de centeo trenzadas, que camiñou a través dos séculos cubrindo as cabezas femininas sen perder a súa esencia, e hoxe volve a florecer como unha prenda que entra na modernidade por cómoda, elegante e de artística elaboración, sinxela e funcional que, como din os que lle cantan (porque agora o sancosmeiro tamén ten o seu propio canto de loanza), “para o sol ou para a chuvia non hai mellor sombreiro”.

A norma é facelos con pallas trenzadas con diferentes nós que dependen das mesmas trenzadoras que os elaboran, dándolle o seu toque persoal, como se fose a súa marca de fábrica, nós polos que un experto pode identificar á artesá.

Como queira que sexa é de supoñer que a moito non tardar, o Sancosmeiro, que hai anos era cousa de vellas e rústicas, volverá a percorrer as rúas e as corredoiras, as romarías e as praias, porque hai algo que nisto das modas sempre acaba triunfando: o cómodo e funcional, sen necesidade de que para levalo haxa que vestir con traxe típico nin levar a gaita ó lombo.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de La Voz de Galicia de Barbanza). 

mércores, 29 de abril de 2026

Entre abril e maio


Rematamos o mes de abril dándolle uso a auga bendita que se recolleu o Domingo de Gloria, nun momento en que tanto medran as plantas como as pragas.

O día trinta, e antes de pórse o sol, bendícense as leiras, a casa e a todos os membros da familia, con distintas fórmulas que varían segundo o lugar. A min particularmente gústame a que di: Bendícete leira, sapos e meigas para as silveiras, o que lembra algúns rituais precristiáns, tanto de época romana como doutras culturas que, por estas datas, en plena primavera, se celebran en distintos puntos de Europa como son as chamadas “Valpurxias”, que se ben tamén teñen unha orixe precristiá, hoxe en día celébranse en honor de santa Valpurxia, unha abadesa do século VIII, a quen se invoca contra a bruxería e as pestes, e en cuxo honor se acenden fogueiras na noite do trinta de abril para espantar o mal que puidese asolar ás plantacións ou o benestar das familias, Un ritual supostamente relacionado coa festividade celta da Beltain, a celebración da luz, ou da entrada ó tempo de verán, en que era costume acender unhas fogueiras preto das que se pasaba o gando para purificalo.      

Asemade, segundo nos conta Murguía, co mesmo fin protector, á caída do serán do último día de abril, pola parte de Noia era costume subir a un outeiro para prender unha fogueira arredor da que se bailaba cantando o ensalmo: ¡Lume, lume! vén ó pan,/ Deus che dea moito gran;/ cada gran coma un bugallo,/ cada pé coma un carballo./

Ramo de Laza
           

Agora, arredor destes días cando nos campos comeza a amosarse a esperanza do vindeiro froito e quen máis e quen menos xa anda coa sulfatadora na man, non facemos nada distinto ó que era costume na antiga Roma, cando se festexaba á deusa Flora, protectora da fecundidade, con rituais en que se adornaban carros e persoas con flores e ramas, ou poñíanse nos campos figuras que dalgún xeito invocaban o bo medre das plantas; figuras que en moitos casos deron lugar ós actuais espantallos.

 

Son pois, unhas datas de marcado simbolismo protector, agora que remata o tradicional mes das chuvias e entra o mes florido, que se abre precisamente cos Maios, a xenuína festividade agrícola con todas as variantes que se dan ó longo da xeografía galega, dende monumentos florais a nenos e nenas vestidos con vexetais, ou a peculiar forma de celebralo na Barbanza, en que do vello costume de engalanar os carros e as embarcacións con toxos e xestas, para protexelos contra a bruxería e o mal de ollo, pasouse a poñer eses ramos apotropaicos nos coches, enganchados nos parachoques ou nas mesmas matrículas, nas portas das casas e, por se acaso, tamén nas fiestras para que o mal non entre.

Os Maios son unha antiga celebración que se mantén e incluso se fomenta dende algúns concellos, invitando ós cativos a participaren na elaboración dos seus ramos ou adornos florais. E, como cantaba Luís Emilio Batallán: Aí vén o maio, de flores cuberto/ puxéronse á porta/ cantándome os nenos./, esta tamén era unha festa petitoria, en que os “maios” ían polas casas pedindo algún tipo de aguinaldo.

A igrexa adaptou esta celebración na festividade da Santa Cruz, á fin, para o cristianismo, a cruz simboliza a árbore da vida; algo moi arraigado en Laza, onde o tres de maio a figura de Adán, un home maior coa legoña ó lombo vai buscar a Eva, unha rapaza coa que desfila na procesión onde, a carón do estandarte da Santa Cruz vai un ramo de loureiro adornado con cintas de cor e do que colgan un bolo de pan e un galo vivo, para invocar a fartura e a esperanza dunha boa colleita. Durante a procesión execútase en varios momentos unha danza branca, característica do lugar e ó final hai unha pequena representación teatral, tipo entremés, para lembrar o sacrificio de Isaac e o momento en que Deus lle promete a Abraham que a súa descendencia será tan grande como as estrelas do ceo e as areas do mar.

Todo, como vemos, invocando a prosperidade e o logro dos froitos.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado en Nós Diario). 

sábado, 21 de marzo de 2026

As cegoñas


    


Non sei cando foi a primeira vez que vin un niño de cegoñas, pero si do preocupado que estaba cando souben que unha veciña ía dar a luz. Daquela non facía máis que outear o ceo coa esperanza de ver a esa ave, tan pouco asidua pola Barbanza, traendo no peteiro o bebé dentro dun atado de pano. Ó día seguinte souben que a criatura nacera pola noite.

Os primeiros niños de cegoña que lembro en Galiza estaban polo sur de Ourense, e lembro que anos máis tarde tamén os atopei por Monforte. Daquela había niños illados, pero pouco a pouco foron colonizando a bisbarra e a provincia ata subir a lugares impensábeis uns anos antes. Era como se ano a ano se fosen facendo donas do territorio e estendendo o seu dominio. Na estrada que vai de Sarria a Monforte os niños empezaron a semellar unha urbanización coroando os tellados e as torres do tendido eléctrico. Cando as atopei por Vilalba pensaba que xa chegaran á latitude tope, e sorprendíame ver como se mantiñan dun ano para outro, tal que fosen as súas casas de verán, e se falaba con algún paisano, preguntándolle se non eran molestas, todos dicían o mesmo, que non lle fan mal a ninguén.

E agora xa as temos en Outes. Quen sabe se tratando de abrir camiño para que na volta duns anos sexan tan comúns na nosa paisaxe como as gavotas.


A cegoña sempre se tivo por un ser benigno, sobre todo porque na súa alimentación entran animais que nos dan noxo e repulsión, como os ratos e as serpes, pero tamén porque son fieis ó territorio, pois non só volven cada ano ó seu lugar de orixe, senón que exercen a monogamia de por vida, polo que os romanos as tiñan consagrado a Xuno, a esposa de Xúpiter, a deusa protectora do matrimonio e dos nacementos, pero tamén do amor filial, pois había a crenza de que as máis novas alimentaban e coidaban dos seus pais cando estes ían vellos. Talvez todo isto axudou a elaborar ese mito de que elas son as que traen ós meniños.

O seu crotoleo tense por unha chamada á prosperidade. Incluso, para favorecer a súa chegada, era costume, en países de Centro Europa, adecuar os tellados para que aniñasen, convencidos de que atraen a boa sorte para a casa onde apousentan.

Como aves migrantes, afeitas a percorrer grandes distancias, Estrabón poñíaas como emblema dos viaxeiros, e talvez por iso, no mundo musulmán, había a crenza de que cada ano peregrinaban á Meca. Mal sabían eles que moitas viñan facer o camiño de Santiago. Pero o máis sorprendente é como sempre volven ó lugar de onde saíron. Talvez por iso, dende aquela primeira parella que un día vin por terras de Verín, foron volvendo logo cos fillos e estes cos netos, afacéndose cada vez máis ó territorio.

Para nós, tan pouco habituados a velas de preto, a súa aparición en Barbanza é toda unha novidade que acollemos gratamente, supoñemos que nos trae o beneficio de limitar a poboación de animais daniños, pero tamén que, por moitos niños que teñamos, elas non van facer nada porque aumente o número de crianzas que enreden por parques, praias e escolas da Barbanza.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 


sábado, 14 de febreiro de 2026

Os usos dunha vasoira

                        


¿Lembrades aquela canción de “Los Sirex”, Si yo tuviera una escoba? Entre nós aquela canción quedábase curta, porque a vasoira galega tanto serve para sacar o lixo como para espantar o mal, que é outra forma de enfeitar o noso entorno.

Xa teño contado dun costume de tempos antigos, de non pasar a vasoira tras a cea de Nadal para non levar co lixo as almiñas dos antepasados que nese día se acollen á calor do fogar e que, por ser almas non podemos ver nin oír. Na Lanzada, pola contra, teñen o ritual de varrer o entorno do altar maior para expulsar o mal, pero non se pode facer de calquera maneira, senón rodeando a ara en sentido contrario ás agullas do reloxo, porque ata nisto, os fados do mal teñen os seus caprichos.

E é que, polo que nos din, a vasoira, imprescindíbel en calquera casa, semella que puidese ter dobre función, e así como limpa o chan pode limpar os problemas e inconvenientes, pois entre os múltiples usos que ten tamén está o de espantar a tronada cando se coloca facendo cruz coa pa do forno ou, na actualidade, co recolledor, na fiestra que dá a onde o ceo lostrega, para que o trebón se afaste. E non imos falar do beneficiosas que son para as bruxas como medio de transporte aéreo.

Mais non todas as horas do día serven para varrer, pois facelo pola noite atrae a mala sorte e  sempre, várrase cando se varra, con vasoira de xestas ou de fíos plásticos, o varredor ha de procurar non facelo por encima dos pés dunha moza porque, segundo acreditan os entendidos en maldades e maleficios, esa rapaza quedaría, en palabras de antiga sabedoría popular, para vestir santos.

Hai moitos anos que o amigo Xulio me recomendou poñer a vasoira para arriba detrás da porta de entrada, cando unha visita non é de agrado, e así, por arte de non sei que, a devandita séntese incómoda e marcha axiña por moito café con bolachas que lle sirvas. O certo é que nunca probei a eficacia de tal remedio, porque tampouco tiven a necesidade de poñelo en práctica.

 E agora que chega o Entroido, e quen máis quen menos anda buscando no seu particular baúl de antigallas algunha roupa que o converta en algo que nunca foi, lembraba cos amigos ese costume que había polo Barbanza de non varrer o Martes de Entroido. Dicían que traía mala sorte, que nacían pitos con tres patas e cuxos coxos, que ás mulleres non se lles lograba o que levasen no ventre e o resto do ano ía ser de mala sorte.

O caso é que este costume de gardar a vasoira en tal día tamén se fai o luns seguinte ó de Pascua, cando se celebra o santo Alberte da Conlleira (Ribeira), e iso que entre estas dúas datas non hai nada de semellanza. A primeira é unha celebración pagá na procura do desenfreo e a esmorga mentres que a do santo é de devoción.

Os compañeiros de parladoiro están convencidos de que a vasoira é a ferramenta máis importante de calquera casa, e aínda así a ninguén se lle ocorre incluíla na lista de vodas.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).