sábado, 2 de marzo de 2024

Lembranzas insignificantes

              


Había anos que non vía ó Virulillas, ese compañeiro de escola que tanta dor de cabeza nos deu, talvez a única persoa para quen todo tempo pasado foi mellor. Azorín dixo algo así como que non deberíamos volver ós lugares da infancia para que, acontecementos banais, seguisen engrandecidos nas lembranzas. Mais non todo é digno de lembrar, e posibelmente moitos daqueles problemas infantís non eran máis ca insignificantes anécdotas.

Despois de tanto tempo ata me gustou velo. O certo é que foi el quen me recoñeceu. Está moi cambiado, no físico, que no outro, tras intercambiar catro palabras na recepción do ambulatorio, xa vin que era o mesmo ca cando, por ser dono dun balón, era quen escollía os xogadores, e para facer valer o seu criterio sempre estaba o seu curmán maior, con un cinto dunha cuarta máis largo co de calquera de nós. Estoutro día faltoulle tempo para presumir de ordenador e da súa amizade co conselleiro.

Hai uns meses publicouse un estudio no que se demostrou que os chimpancés e os bonobos, recoñecen por foto a compañeiros seus despois de máis de vinte anos sen telos visto, e se eses compañeiros eran máis íntimos, mostran un entusiasmo especial. No estudio non se di nada da actitude que toman coa foto de quen lles deu paus. Os humanos esquecemos ou gardamos rancor segundo nos conveña.

Nun primeiro momento non acertei a darlle o nome, só me acordaba o alcume, e á nosa idade mellor é esquecer algúns adeallos. Non sei se será certo iso de que “o recordo é veciño do remordemento”, porque das súas palabras parecía desprenderse unha ansia de xustificación máis ca de reconciliación, por tantas veces que me impediu xogar o fútbol, e entón tampouco deixaron de aflorar en min eses sentimentos de rabia no momento en que me acompañaba con un sorriso de orella a orella querendo facerse o simpático, “Así que xa vas necesitando un recauchutado”.

Os anos escolares, cuxa lembranza nos fai tan felices, tamén foron anos de moito sufrimento, por incomprendidos, por envexa ou por arbitrario sectarismo, e aínda que son os anos da nosa formación como persoas, tamén son aqueles dos que imos borrando algunhas pasaxes para facerlle sitio á convivencia, e para exemplo aí está a novela A amiga estupenda, de Elena Ferrante. O máis curioso é a fabulosa memoria que tipos como o Virulillas teñen para converter todo en anécdotas simpáticas.

Certo que se nos faltan as lembranzas estariamos perdidos, por iso o gato escaldado fuxe da auga e o can lambe a man que lle dá de comer. Tamén Argos, o can de Ulises, se lembraba do seu amo despois de vinte anos. Debeu ser o can máis lonxevo da historia.

Ese día repasamos algunhas daquelas experiencias escolares que nos ensinaron a convivir, e a pantallazos de móbil fomos lembrando, diante dunhas cervexas, caras e recordos que o mala lingua deste, amigo entre parénteses, lembraba segundo algunha falcatruada na que el sempre saía vitorioso. Axigantamos pasados acontecementos volvendo a aqueles partidos de máxima rivalidade en que eramos máis libres sen sabelo, pero tamén máis resentidos, cando tiñamos as nosas propias guerras e batalliñas con espías e un elaborado sistema de propaganda e difamación.

Agora, en tempos de diplomática guerra fría, a música vai por dentro, pero as cervexas pagueinas eu.

 Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

1 comentario: