sábado, 9 de marzo de 2024

Mimos ou caprichos

                


Saímos de ver a película Mamma Roma, de Fellini, preguntándonos precisamente iso, de ata onde os mimos non se converten en caprichos, ou de ata onde o egoísmo non impide as pautas da sensatez, cando vimos e oímos como unha nai, fronte a un escaparate, lle explicaba a unha nena que non todo canto se ve se pode mercar, que non tiña cartos para aquilo que enchía o ollo da cativa. Entón a pequena respondeulle chea de razón, “Pois vai ó caixeiro”.

Non é doado, vivindo entre escaparates, andantes ou de cristal, non sentir desexos de ser e ter tanto ou máis que os demais, sobre todo entre cativos que aínda non aprenderon que, na maioría das casas, os cartos non entran gratis ou que a meta non son os xoguetes.

A educación sempre foi o maior problema co que se enfrontaron os pais, dende moito antes de que os rapaces tivesen que aprender a cargar con ferramentas e as nenas a coser, ata estes en que, se ben se están abandonando os estereotipos de xénero, hai por veces unha sobreprotección inadecuada, un afastar os choros estridentes cedendo resignadamente coa esperanza de que xa se moderarán cando medren.  E a culpa non sempre é, como apuntaba Xulio, das paternidades serodias que actúan máis coma avós ca coma pais, ou dese inculcar dende a máis tenra idade un afán competitivo e comparativo que fai máis mal ca ben, sen delimitar esa fina liña entre os mimos e os caprichos, tan difícil de distinguir, que por veces nos fai confundir o cariño co consentimento e nos leva a que se cumpra iso de buscar a solución pola vía rápida, abordo dunha lancha con potentes fóra-bordas ou entrando nas tendas con pasamontañas.

Dinos Xulio que se ben todas as crianzas necesitan de mimos para estimular o seu propio ego, tamén
necesitan de orde para estimular o seu bo criterio, a camaradería e a solidariedade. Pero educar é un labor tan lento e mesurado que nos poden confundir os seus logros. É un camiñar, con dous pasos para diante e un para atrás.

Vémolo cada pouco neses torneos de fútbol infantil, cando aparecen energúmenos estimulando ás crianzas para que actúen con agresividade, xa non só contra o equipo contrario ou o árbitro, senón tamén contra os propios compañeiros, pretendendo facer dun cativo de oito anos un crack, un líder a base de dar patadas e sen contar co equipo, sen decatarse de que están usando a mesma regra daqueles mestres de antano que predicaban o da letra con sangue entra. Ou aqueles salvaxes que axiña sacaban de cinto para fustrigar por pequenas travesuras lamentando hipocritamente que aquelas xostreadas doíanlle máis a eles que ós seus fillos, ou que o facían polo ben do rapaz.

Que mimar non é consentir, é a conclusión a que chegamos despois de ver a película de Fellini, onde unha nai sobreprotectora que só quere ver feliz ó seu fillo, que vista ben e non lle falten cartos no peto, co único afán de afastalo da delincuencia, acaba convertendo ó adolescente nun desleixado, nun home sen oficio nin beneficio, cada vez máis carente do que en por si non pode acadar, e entón acaba naquilo do que a nai procuraba  afastalo, na delincuencia.

 Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario