Por Pepe de Rocaforte
Alá polos anos cincuenta do
século pasado un meu tío-avó recibía algúns libros, na súa maioría da Editorial
Galaxia, aínda que tamén lle chegaban outros de Suramérica (evidentemente non
publicados en España), de entre os cales lembro
“Non agardei por ninguén”, novela de Ramón de Valenzuela, da cal, como
vostede pode supoñer, non se falaba na casa diante dos rapaces, aínda que
algunhas veces soase o nome do autor, quen antes do levantamento militar de
1936 fixera popular o pseudónimo de “Pepe dos Cestos” nun programa de Radio
Pontevedra, no que relataba contos galegos e en galego.
Ademais
de libros, o meu tío recibía de vez en cando as revistas cubanas “Bohemia” e
“Carteles”, verdadeiros tochos con máis de cen páxinas cada unha, nas que se
trataban temas do máis variado, políticos, deportivos ou culturais. No
referente á política, o que máis lle interesaba ó meu tío, a min gravóuseme no
coco o nome de Prío Socarrás, “o presidente cordial” entre 1948 e 1952, ano en
que antes das eleccións foi deposto polo golpe militar de Fulgencio Batista.
Con
Carlos Prío Socarrás, favorito da revista “Bohemia” para as eleccións de 1952,
sucédeme algo, cando menos, curioso. Hoxe en día teño uns problemas a cada paso
maiores para lembrar o nome dunha persoa ou cidade ou país, cando o quero dicir e non me vén á cabeza de ningún
modo, e pasan días, e semanas, e meses sen podelo recordar. A Prío Socarrás,
cuxo nome e aspecto vin nunhas fotos en “Bohemia” hai preto de setenta anos e
non me mereceu maior interese, agora, tanto tempo despois sen nin sequera ter
pensado nel nin unha vez, vénme á memoria en calquera momento. En cambio tiven
que buscar en google o nome do seu adversario naquelas eleccións, que como
símbolo ostentaba unha vasoira para varrer o estado corrupto, cos lemas
“Vergonza contra diñeiro” e “Prometemos non roubar”.

Aquel aspirante a
presidente chamábase Eduardo Chibás, e entre os seus seguidores contaba cun
avogado de ascendencia galega chamado Fidel Castro, cuxa historia (a dos dous)
é merecente de que algún amigo lle dedique un “chanzo” cando poida. A min hoxe
acordóuseme outra persoa tamén vista en “Bohemia”: a actriz italiana Silvana
Pampanini, en quen, vaia vostede saber por que, me fixei nunha foto súa con
este titular: “Silvana Pampanini asegura sus senos por un importe similar al
precio de un yate de tamaño medio”.:
E tamén hoxe
as fotos de “Bohemia” me trouxeron á memoria un texto non sei se lle chamar
filosófico ou de que outro tipo. O relato dicía pouco máis ou menos así: «Xan e
Pedro eran irmáns xemelgos. Xan pasaba as horas mirando o ceu infinito,
admirado do brillo das estrelas e do movemento harmónico dos astros. Diante
daquela grandeza, o seu espírito encollíase, e comprendía claramente toda a súa
pequenez frente ó conxunto grandioso do universo.
»Xan era
un anano», dictaminaba o autor.
En
cambio «Pedro adicábase a estudar minuciosamente a vida dos insectos entre as
flores do campo, contemplando o afanoso ir e vir dos membros dun formigueiro ou
o andar ondulado dunha miñoca entre a herba. A Pedro íaselle o tempo sen se
decatar e diante daqueles animaliños atarefados, sentíase engrandecido e
superior.
»Pedro
era un xigante». Así, sen máis.
Esta
especie de fábula lina tamén na revista “Bohemia”, ilustrada con debuxos nos
cales se daba a entender que Xan era anano por perder o tempo en observar o ceu
e as estreliñas, mentres que Pedro, por mirar para o chao, era un xigante.
Descoñezo as razóns que motivaban estas cualificacións, como tampouco sei que outra opinión tería o
autor da historieta dos que perdiamos o tempo admirando a Silvana Pampanini.
P. S. A foto da Pampanini aparecida daquela en “Bohemia”
non puiden localizala en internet. Certamente é unha pena.