sábado, 23 de novembro de 2024

Conservar en xeo

  


 

Que o xeo serve para manter en stand by o paso do tempo sabémolo os que temos un frigorífico ou un conxelador na casa, e se non fose por eles teríamos que volver a practicar o salgado e secado de carnes e peixes para abastecer as despensas. O outro problema que se pode presentar é se se vai a luz e nos pasa como o señor Adam Trask, segundo conta John Steinbeck na novela Ó este do edén, cando se lle botaron a perder todas as verduras que pretendía transportar en vagóns con xeo ó pasar por zonas cálidas.

Pero ademais deste uso doméstico, a conservación en frío converteuse nun almacén de obxectos do pasado, tanto no laboratorio como na natureza, onde, dun tempo a esta parte, co cambio climático e o retroceso dos xeos nas zonas montañosas ou nos glaciares, póñensenos ó descuberto partes da nosa historia que non se puideron conservar doutro xeito, o que se vén a converter nunha nova fonte de información para a arqueoloxía. Claro que mellor sería acceder a estes obxectos sen necesidade de sufrir este aumento da temperatura que, como estamos comprobando, pon en risco moitas vidas humanas.

As  revistas especializadas e a prensa diaria xa nos deron conta dun dos maiores achados que tivemos no pasado 1991, cando quedou fóra dun glaciar alpino Ötzi, unha momia que permaneceu baixo o xeo dende a Idade do Cobre, uns cinco mil anos, grazas ó que descubrimos moitos aspectos da vida e dos costumes dese tempo que doutro xeito só nos poderíamos imaxinar.

Todos eses obxectos que o desxeo saca á luz e é a maior preocupación dos arqueólogos, para actuar antes de que os elementos orgánicos se desintegren fóra dese conxelador natural.

A lista é tan longa que, segundo me conta o amigo Xulio, ata se encontraron baixo os xeos do Polo Sur preto de cen neutrinos, unha das máis diminutas partículas elementais, pertencentes a unha galaxia que se encontra a uns 47 millóns de anos luz, talvez as partículas máis difíciles de detectar, pero fundamentais para axudarnos a entender cousas tan estrañas como os buracos negros ou a enerxía e a materia escura.

Reservando as propias dúbidas sobre o que se fai con algúns destes achados, que nalgúns casos se acercan máis ás fantasías de Parque Jurásico ca a un verdadeiro interese científico, talvez non nos decatamos de algo fundamental para o coñecemento do noso mundo: que a extinción tamén forma parte da evolución, e nós estamos nese camiño a medida que aumenta a temperatura do planeta.

Como queira que sexa, a este paso, cando os humanos rematemos a nosa estancia na terra, non vai haber xeo que nos conserve para ser clonados por algunha intelixencia posterior como bechos do pasado.

 

 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, da edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario