sábado, 30 de novembro de 2024

Médicos e consellos

  


Cando o médico de familia lle recomendou a Xulio que debía tomar salmón, o meu amigo fíxolle notar que todo ese peixe é de piscifactoría, alimentado con pensos e menciñas, e o doutor García contestoulle que o importante son os ácidos graxos que contén, non se lle dan de comer en mantel e vaixela dourada.

O doutor falou e o paisano achantou.

A todos nos chega unha idade en que as visitas ó centro de saúde son cada vez máis frecuentes, o mesmo trato faise máis familiar, ata o punto de usar o consultorio como un confesionario onde descargar os máis secretos vicios de que desfrutamos, os medos que nos invaden ou as vicisitudes da nosa vida privada, coa esperanza de obter a absolución a través dunha penitencia de pastillas e xaropes; pero aí, contrariamente ó que facemos diante do cura, tamén descargamos as esixencias para que apure a curarnos un catarro, ou a meter unha cuña para esa cita que non dá chegado do hospital. E mentres o médico se converte no noso consolador emocional, ou en algo así coma un pai de adolescentes, sempre corrixindo hábitos e costumes ou limitándonos os praceres da vida, internet é o contrapunto con que corroboramos as nosas dúbidas.

O amigo Xulio diferencia entre médicos de consello e médicos de receita. Estes tranquilizan ó doente con un par de pílulas para que a farmacia faga caixa, e os outros sentan co doente sen mirar o reloxo, aconsellándoo e aforrándolle gastos inútiles á Seguridade Social. Porque, como lle ten dito o doutor García, todo ten efectos secundarios: o tabaco quita o estrés pero podrece os pulmóns, o café actívate, pero súbete a tensión; e o corpo non necesita que o saturen de estimulantes podendo evitalos.


Pero como diante dos médicos todos somos un pouco escépticos e non sabemos se fiarnos máis de quen nos aconsella non meterlle tanta química ó corpo ou de quen expende receitas coma quen reparte caramelos, quen máis e quen menos bota man de Internet, o falabarato máis grande do mundo, para traizoar ó fiel doutor, onde se atopan opinións para todos os gustos, dende quen nos recomendan almorzar só allo e limón para evitar todo tipo de cancros, ata quen anuncia, con fotos sorprendentes, como un tipo de 200 quilos baixou cento cincuenta nun mes, seguindo os consellos de certo doutor con aura de santo milagreiro, comendo de todo e bebendo un xarope máxico que a Seguridade Social non foi quen de validar.

Xulio non é amigo das consultas por Internet nin da cita telefónica, el di que hai que verse cara a cara, coma dous vaqueiros en pleno duelo, e desculpa a estes traballadores da saúde, expostos a todo tipo de virus e de manías, baixo a esixencia da consellaría para que despachen en cinco minutos a quen lles entra pola porta, pero sen quitarlles a responsabilidade de velar pola vida e a saúde dos afiliados. E se ben os pediatras calman as perrenchas dos cativos con uns cromos, unha persoa maior, con toda a experiencia da vida ás costas, non se fía só de palabras bonitas, necesita respostas claras e contundentes por iso agradece máis ó médico que fala claro, aínda que xunto cos consellos lle receite un placebo para telo contento.

 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario