sábado, 18 de xaneiro de 2025

O negro Blue Monday

 


 

Non creo que o vindeiro luns día vinte, oficialmente denominado o día máis triste do ano, alcance ó pasado 29 de outubro en Valencia, nin ó 19 de marzo para Andrea Yturri ou este recente Día de Reis para o Club de Remo da Pobra. Os días negros non teñen data e cada quen ten o seu particular, aínda que levemos uns anos en que os sistemas comerciais instituíron o terceiro luns de xaneiro como o Blue Monday, que en tradución enxebre vén sendo o peor día do ano.

Inflúe para tal título que vimos de facer un dispendio en banquetes, festas, regalos e excesos que dalgún xeito botamos de menos cando se acaba a esmorga ou cando non hai motivo para seguir de foliada, e caemos na prostración e o desánimo da resaca. Tamén temos en conta que o luns é o peor día da semana para quen ten que gañar o pan de cada día coa suor da fronte, como de malo pode ser calquera outro día cando te reincorporas despois dunhas vacacións ou unha semaniña de asueto. E por suposto, a todo iso hai que sumarlle que estamos en pleno inverno, tempo de noites longas e moito frío; pero, sobre todo, porque temos que botar man dos aforros do colchón para poder subir a longa costa de xaneiro.

Os comerciantes son quen con máis dor notan a frouxidade anímica destas datas, por iso inventaron as rebaixas que, en moitos casos, non son máis ca unha regularización dos prezos ó nivel que lles corresponde tras a suba operada antes do Nadal; e como para quen vende toda ganancia é pouca, tras os mostradores e expositores das tendas é doado ver rostros tristes, uns porque ven pasar a xente rascando o peto baleiro e outros porque acaban de vender unha camisa pola metade do que venderon outra dous días antes da chegada de Papá Noel.

O Blue Monday foi presentado coa súa aura de tristeza hai vinte anos, como un arremedo do pesimismo en que se xunta a morriña polo Nadal e a incomodidade do inverno. A primeira vez que tal nome saíu á luz foi da man dun profesor adxunto da Universidade de Cardiff, Cliff Arnall, quen calculou a tristeza deste día tomando como variábeis, entre outros, o tempo que pasamos durmindo ou baixo o efecto do estrés que os propósitos do novo ano nos impón. Un cálculo cuxo resultado, evidentemente, non resulta igual para todos, e que dende esa foi engadindo novas variábeis e retirando outras, tanto así que os entendidos, tratando de mellorar a fórmula matemática para cuantificar o nivel de tristeza que nos invade, sumaron as débedas que arrastramos, o soldo que nunca chega e as horas de mal tempo para dividilos pola falta de motivación para consumar os propósitos proclamados despois das doce uvas e a necesidade de facer algo que nos anime e motive, sen saber que.

E así pasou a aparecer no almanaque o día oficialmente máis triste do ano, que nada ten que ver coa realidade. Pero pode servir de desculpa para sacar á rúa a cara de poucos amigos ou ficar na casa, ó caloriño da estufa tomando unha sopa quente mentres vemos algunha película divertida. Só por levarlle a contraria ó día.

Francisco Ant. Vidal

(Esteartigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición deBarbanza de La Voz de Galicia).









Ningún comentario:

Publicar un comentario