mércores, 29 de abril de 2026

Entre abril e maio


Rematamos o mes de abril dándolle uso a auga bendita que se recolleu o Domingo de Gloria, nun momento en que tanto medran as plantas como as pragas.

O día trinta, e antes de pórse o sol, bendícense as leiras, a casa e a todos os membros da familia, con distintas fórmulas que varían segundo o lugar. A min particularmente gústame a que di: Bendícete leira, sapos e meigas para as silveiras, o que lembra algúns rituais precristiáns, tanto de época romana como doutras culturas que, por estas datas, en plena primavera, se celebran en distintos puntos de Europa como son as chamadas “Valpurxias”, que se ben tamén teñen unha orixe precristiá, hoxe en día celébranse en honor de santa Valpurxia, unha abadesa do século VIII, a quen se invoca contra a bruxería e as pestes, e en cuxo honor se acenden fogueiras na noite do trinta de abril para espantar o mal que puidese asolar ás plantacións ou o benestar das familias, Un ritual supostamente relacionado coa festividade celta da Beltain, a celebración da luz, ou da entrada ó tempo de verán, en que era costume acender unhas fogueiras preto das que se pasaba o gando para purificalo.      

Asemade, segundo nos conta Murguía, co mesmo fin protector, á caída do serán do último día de abril, pola parte de Noia era costume subir a un outeiro para prender unha fogueira arredor da que se bailaba cantando o ensalmo: ¡Lume, lume! vén ó pan,/ Deus che dea moito gran;/ cada gran coma un bugallo,/ cada pé coma un carballo./

Ramo de Laza
           

Agora, arredor destes días cando nos campos comeza a amosarse a esperanza do vindeiro froito e quen máis e quen menos xa anda coa sulfatadora na man, non facemos nada distinto ó que era costume na antiga Roma, cando se festexaba á deusa Flora, protectora da fecundidade, con rituais en que se adornaban carros e persoas con flores e ramas, ou poñíanse nos campos figuras que dalgún xeito invocaban o bo medre das plantas; figuras que en moitos casos deron lugar ós actuais espantallos.

 

Son pois, unhas datas de marcado simbolismo protector, agora que remata o tradicional mes das chuvias e entra o mes florido, que se abre precisamente cos Maios, a xenuína festividade agrícola con todas as variantes que se dan ó longo da xeografía galega, dende monumentos florais a nenos e nenas vestidos con vexetais, ou a peculiar forma de celebralo na Barbanza, en que do vello costume de engalanar os carros e as embarcacións con toxos e xestas, para protexelos contra a bruxería e o mal de ollo, pasouse a poñer eses ramos apotropaicos nos coches, enganchados nos parachoques ou nas mesmas matrículas, nas portas das casas e, por se acaso, tamén nas fiestras para que o mal non entre.

Os Maios son unha antiga celebración que se mantén e incluso se fomenta dende algúns concellos, invitando ós cativos a participaren na elaboración dos seus ramos ou adornos florais. E, como cantaba Luís Emilio Batallán: Aí vén o maio, de flores cuberto/ puxéronse á porta/ cantándome os nenos./, esta tamén era unha festa petitoria, en que os “maios” ían polas casas pedindo algún tipo de aguinaldo.

A igrexa adaptou esta celebración na festividade da Santa Cruz, á fin, para o cristianismo, a cruz simboliza a árbore da vida; algo moi arraigado en Laza, onde o tres de maio a figura de Adán, un home maior coa legoña ó lombo vai buscar a Eva, unha rapaza coa que desfila na procesión onde, a carón do estandarte da Santa Cruz vai un ramo de loureiro adornado con cintas de cor e do que colgan un bolo de pan e un galo vivo, para invocar a fartura e a esperanza dunha boa colleita. Durante a procesión execútase en varios momentos unha danza branca, característica do lugar e ó final hai unha pequena representación teatral, tipo entremés, para lembrar o sacrificio de Isaac e o momento en que Deus lle promete a Abraham que a súa descendencia será tan grande como as estrelas do ceo e as areas do mar.

Todo, como vemos, invocando a prosperidade e o logro dos froitos.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado en Nós Diario). 

sábado, 18 de abril de 2026

O cine Millán

  



A primeira vez que vin Ben-Hur foi no cine Millán de Palmeira. Leváranos miña nai porque se anunciaba como unha historia dos tempos de Cristo, e daquela estaba indicada para todos os públicos. Do visionado desa película, que co tempo se converteu na miña preferida, só lembro que cara ó final había unha tormenta, e ó saír había tal temporal que nos obrigou a acollernos nunha casa a medio camiño antes de chegar á nosa. Daquela non había móbiles para avisar de que a realidade e a ficción van da man.

Cando a televisión era un ben escaso, neste cine desfrutei de moitas películas que me facían levantar do asento cando os bos perseguían ós malos ou cando o chico bicaba á chica. Ben, daquela só intuíamos que se bicaban, porque cando os rostros se aproximaban, axiña daban un salto a outra escena na que ben podían estar sentados a unha mesa e gozando dun prato de polo asado. E entón a imaxinación recreaba o que a pantalla nos evitaba. Alí saboreei o meu primeiro bico de adolescente.

As películas viñan no coche de liña e anunciábanse cuns folletos que repartían á saída da misa de doce para axudarnos a moldear a nosa sensibilidade entre o ben e o mal; aínda lembro a frase dun amigo cando nos adiantaba o desenrolo dalgunha película, sen importarnos que fixese spoiler: “está moi ben, pero ó final morren os bos”, e entón tamén aprendíamos que a vida non sempre é xusta.

No cine Millán, non era costume levar flocos de millo para a sala, senón pipas, que escachábamos ó ritmo e intensidade dos fotogramas, cando a base de cortes e dobraxes adulteradas nos convencían de que dous amantes de Mogambo só eran irmáns ou que en Casablanca usábanse gabardinas, e a pesar da espesa néboa que hai no aeroporto, os avións despexaban e voaban cara a liberdade. Pero deste cine tamén saíron algúns alcumes palmeiráns, así como a inspiración popular para unha charanga de entroido cando un señor da Coruña quixo montar unha fábrica de fariña de peixe, unha fábrica do cheiro, que dicían os veciños, polo tempo en que se estreara A ponte sobre o río Kway, e cantábanlle coa apegadiza música que asubiaban os prisioneiros camiño do traballo, algo que se resumía no verso “Lolo, Lolo, Lolo do cheiro”. E finalmente a fábrica non foi adiante.

Son moitas as lembranzas que nos trae este cine, cuxo edificio vemos como se arruína pouco a pouco e do que xa só quedan en pé as labradas portas e fiestras cos seus elaborados linteis dando conta dun tempo ido, da señardade que nos trae a lembranza de boa parte da nosa formación sentimental, polo que celebro que alguén tivese esa idea de convertelo en lugar de encontro cultural, nun centro de reunión para a veciñanza.

Quero lembrar que Palmeira, onde hai un bo número de estudantes, non conta cun lugar de estudio ou unha biblioteca, se exceptuamos a que hai na Sociedade Fillos de Palmeira, que non está aberta ó público, ou as que cada quen poida ter na súa casa.

Para exemplo coñezo concellos que, sen ter un presuposto tan alto como o de Ribeira, presumen dun centro social en cada parroquia, con constante actividade.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 


sábado, 11 de abril de 2026

O santo Alberte da Conlleira


      

 

            Cóntame un amigo que en certa ocasión, seu irmán, un solteirón resignado a quen, sen fillos de seu o demo forneceu de sobriños, quixo demostrarlles como era iso do ritual da tella de santo Alberte, esa especie de xogo de destreza consistente en botar tres anacos da mesma contra a fiestra cegada da ábsida, e de conseguir que as tres queden no antepeito, segundo a tradición, o destro ou destra xogadora casará nese ano. O caso foi que este solteirón tivo tan boa sorte que acertou coas tres e ese mesmo ano atopou esposa.

        Milagres ou casualidades coma esta danse moi poucas veces, pero cando o fan reforzan esa idea de que o santo ten moi boa man aló onde está. E é que, moito antes de que o fixesen santo, xa se lle rendía culto no alto da Conlleira (Ribeira). Por algo sería.


Con santo Alberte, patrón de filósofos e enxeñeiros, refórzase esa máxima de que en cuestión de santoral, o pobo acostuma a ir moi por diante da Santa Igrexa; pois xa para declaralo beato tivo que agardar case catro séculos tras a súa morte, e non o canonizarían ata 1931, cando Pío XI instituíu o quince de novembro como o da súa onomástica. Pero esa capela onde se lle fai romaxe o luns seguinte ó de Pascua, ten elementos que se corresponden practicamente coa época en que el finou (1280), e polo tanto, ou a súa popularidade vén de vello ou antes del había algunha outra divindade que tiña ese lugar por morada; de feito contáronnos que alí chegou a haber un ermitán. E claro, se o santuario tiña conserxe sería porque era de utilidade.


Sexa como sexa, os seus devotos festexábano e festéxano segundo a tradición o indica: en plena primavera. E aínda que en vida fora un estudoso da filosofía e un enxeñoso creador de aparellos máis ou menos técnicos, como uns bonecos articulados que se movían grazas a un mecanismo por el deseñado, na Conlleira celébrase o renacer da natureza; e deixando a un lado esas materias nas que el era experto, os devotos recollen a terra bendicida no seu santuario e nese día específico para botar sobre as leiras co fin de asegurar o medre dos produtos sementados ou plantados como se do mellor abono se tratase. Pero talvez o máis curioso deste verdadeiro intelectual que tanto lle daba ás letras como ás ciencias, é como acolleu sobre a súa persoa potestades que en vida non tiña, como esa de casamenteiro co ritual da “botar a tella”; pero tamén o seu dominio sobre os elementos atmosféricos, tal o costume de “virar a tella”, consistente en subir á súa capela cando se levanta temporal, para virar a posición dunha tella no tellado, co fin de que o santo se dea por informado da necesidade de que role o vento para que os pescos podan chegar a terra máis doadamente. Agora, coas dornas a motor xa se perdeu o costume.

E, como en toda romaría que se prece, ó final do día póxanse os produtos doados, ovos, galos ou froitos da horta, ofrecidos a tan bondadoso santo, polo menos para ter con que reparar as tellas que escacha o vento.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).