domingo, 2 de xuño de 2013

A Coca de Redondela

            Veño de ver a Coca de Redondela. Digna de ver toda a procesión que se fai con motivo da festividade do Corpus. Podía facerme pasar por un especialista nesta manifestación etnográfica cuxa tradición se remonta nos séculos, presumo que ata moito antes de que o cristianismo a adaptase para a veneracións da principal figura relixiosa, o mesmo Cristo resucitado no momento de subir ó ceo. Pero hai literatura sobre o tema e moitas cousas ben feitas na rede. Paga a pena guglear un pouco. A procesión que cobrou forza na Contrarreforma, para reforzar a figura da Ascensión de Cristo, e ó mesmo tempo para amosalo como o mesmo sol iluminando a terra, fíxose famosa en cidades como Toledo ou Segovia, pero tamén aquí, en vilas como Redondela, Ponteareas ou Allariz. Tamén sabemos que nesta procesión había unha riqueza de figuras que a engalanaban, e algunhas aínda se manteñen. Ademais das alfombras florais que se repiten en varios lugares (Redondela, A Pobra do Caramiñal, Ponteareas, Ares ou Palmeira), pero sobre todo, as figuras que representan o diaño, o mal, ou os pecados, xa sexa a Coca (se
r fabuloso que cobraba un tributo de doncelas para devorar) ou o Touro de Xan da Arzúa que se solta diante da procesión en Allariz, ou aquelas figuras, do Meco e a Vella que desfilaban como representación do mal a quen a presencia de Cristo vence, que se levaban en Pontevedra, segundo nota recollida polo padre Sarmiento.

Debería falar das danzas, pero hai vídeos e información na rede que falan con máis claridade do tema, da grande fermosura deste baile das Penlas, danzantes con espadas e mulleres que nos ombros levan unhas neniñas de pé, vestidas coma anxos, que non deixan de bailar. É algo digno de ver en vivo.
Paga a pena que vaiades pensando e visitar Redondela para o ano.

Ningún comentario:

Publicar un comentario