domingo, 24 de decembro de 2023

Felicitacións e bos desexos

 



Neste momento do ano en que o frío tolle a natureza, nada mellor ca desexarlle a veciños, amigos e familiares un pouco de esperanza. Agora que os campos dormen e non se repoñen doadamente, o mellor que podemos facer e invocar a ledicia da celebración dun inminente medre dos días contra a tristeza das noites máis longas do ano. Un bo lume preto, unhas palabras amábeis e, sobre todo, confiar en que a luz vaia triunfar sobre as tebras.

Xa se mandaban na Roma antiga taboíñas con bos desexos en canto se aproximaba o solsticio e Mitra renacía dentro dunha cova, cobrando prioridade, en tales datas, as relacións familiares. Era como un arrouparse para sentir a calor do fogar con celebracións onde o relixioso e o profano se mesturaban. Dicían os antigos que, por estas datas, Neptuno cedíalle catro cabalos novos a Helios, para repoñer os do carro do sol, cansos de todo un ano de cabalgada, co que, a partir destes días, o sol irá cada día un pouco máis alto na bóveda celeste. Daqueles antigos aprendemos ata a facer esas bromas sen maldade, contra a aflición invernal, eles nas saturnais e nós para lembrar ós Santos Inocentes. ¡Vaia broma! Se esta fose unha celebración realmente cristiá, debería ser un día triste, como de triste é matar nenos, como triste é que por culpa dun grupo de energúmenos se machuque sen dor a toda unha poboación civil en Gaza (vinte mil mortos en dous meses de conflito), onde quen non morre nun bombardeo morre de fame ou por falta de asistencia médica, peor aínda que se fose no tempo daquel inhumano Herodes.

Pero a pesares de todo, desexámonos felicidade e prosperidade como talismán contra a barbarie e o inclemente inverno.

Na Inglaterra vitoriana apareceron as primeiras tarxetas de felicitación impresas con imaxes que evocaban a fartura e o benestar. E esa idea popularizouse e durante moitos anos os carteiros tiveron que facer horas extra para levar esas mensaxes de bos desexos a todos os fogares. Unhas tarxetas que pretendeu superar o teléfono e outros inventos tecnolóxicos, como as cintas de casete que durante un tempo as acompañaban por correo certificado.

Coa popularización do teléfono, as felicitacións xa eran máis persoais, escoitábase a voz e con ela o ton que denotaba ese sentimento de morriña, cando a familia se reunía, antes da cea de Nadal, para atender a longa conferencia co parente ou amigo arredado, e aí iamos pasando todos polo auricular para dicirnos que non nos esquecíamos, para dar e recibir os desexos de felicidade e prosperidade, facendo que neste país, onde as razóns laborais nos obrigan a pasar estas datas arredados, o momento de ler a tarxeta ou de atender o teléfono se convertese en todo un ritual ó que se engadiron, moito máis recentemente, as videoconferencias que non poden agochar as bágoas da emoción e nos permite brindar, aínda na distancia, cara a cara.


Pero nisto chegaron as redes sociais, moito máis rápidas e directas que o servizo postal, que xusto na hora de sentarte á mesa empezan a anunciarse en cada móbil, cada un coa súa tonalidade, de todos os amigos, veciños e familiares, incluídos os mesmos que comparten o bacallau. Chegan incluso de números descoñecidos, dalguén de quen xa non lembras o nome, pero, vencendo o frío desta noite mándanos a súa lembranza. A maioría delas cargadas de impersoais mensaxes coa advertencia de reenviado, viñetas ou vídeos que tratan de sacarnos un sorriso. Unhas mensaxes que agardamos só por ver o nivel de xocosidade que traen e agradecemos porque seguen sendo bos desexos.

O que non sei é que tipo de mensaxe podería mandarlle hoxe ós nenos que pasan este Nadal baixo as luces dos obuses.

Francisco An. Vidal

(Este artigo foi publicado no especial de Nadal da edición de Barbanza de La Vox de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario