sábado, 30 de decembro de 2023

O secreto da felicidade

Tolstoi conta o conto daquel tsar que vivía apesarado e cheo de tristeza, sen ánimo para levar as rendas do imperio, polo que consultou cos sabios do reino na procura dunha solución ás súas penas, e despois de moitos remedios ineficaces, un dos médicos, tras auscultalo pacientemente, aportou como solución que o doente vestise a camisa de durmir do home máis feliz do mundo. Partiron de inmediato heraldos para todos os recunchos do reino sen encontrar a ninguén que puidese asegurar que era realmente feliz, todos tiñan algo de que preocuparse, familia, colleitas ou enfermidades. Pero un día, nunha remota aldea, un humilde paisano, pobre e carente de ambición, que vivía nunha cativa choupana, aseguroulles que el si era feliz. Tiña o que necesitaba, saúde, un teito para acubillarse, un lume aceso, comida na pota e unha esposa que o amaba. Nada lle faltaba. Daquela os heraldos, pedíronlle unha camisa, e o bo do aldeán confesoulles que el nunca vestira tal prenda.

Supoño que ninguén pode definir a felicidade, porque non todos se contentan co mesmo, e mentres para uns está na carteira para outros está na saúde e para outros nas persoas que o rodean. Nin se é máis feliz por ser neno inocente nin por ser vello descarado, por vivir nunha aldea remota ou nunha urbanización de luxo, afastado do mundanal ruído ou rodeado de multitudes. A felicidade, polo xeral, é algo que depende das esixencias de cada quen cumprindo co principio matemático de ser indirectamente proporcional a estas.

 Agora que en Portugal acabaron de saír os primeiros datos sobre a proba piloto da semana laboral de catro días, na que empresarios e obreiros quedaron satisfeitos do rendemento e das facilidades de conciliación familiar, unha boa maioría prefire seguir nesta semana curta aínda cobrando menos; e entón lembrei aquel outro conto de La Fontaine, o do zapateiro feliz, sempre cantando mentres pasaba a subela, a quen un rico veciño lle regalou unha bolsa de diñeiro, e dende ese momento o outrora pobre, pero feliz artesán, vive preocupado de se lle virán os ladróns e lle farán dano, e tan angustiado estaba que non dubidou en devolverlle toda aquela fortuna ó xentil veciño dicíndolle que ese diñeiro roubáralle a  felicidade e só lle traía preocupacións.


 Como conto non está mal, pero na universidade de Harvard, despois de case cen anos de estudios e investigacións sobre varias xeracións familiares, chegaron á conclusión de que a felicidade chega coa xubilación, ou polo menos despois dos sesenta anos, aínda que, por levarlle a contraria a Tolstoi e a La Fontaine, estes investigadores opinan que o diñeiro si axuda, e en concreto cifran como cantidade ideal para poder ser feliz 75.000 euros por ano, máis ou menos o soldo dun ministro. Tamén aseguran que máis cartos non van aportar ningunha mellora, e evidentemente menos tampouco. Pola contra si mellora a situación contar con boa saúde, ter bos amigos e veciños e, sobre todo, esa idade na que, tendo saúde, nos podemos permitir o luxo de escoller os nosos praceres e facer o que nos gusta sen molestar nin ser molestados, algo que só se consegue cando chegamos a ese momento da vida en que as obrigas perden importancia.

En fin, que o 2024 traía saúde, que iso si é o fundamental.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario