sábado, 2 de decembro de 2023

Aurelio Aguirre


En certa ocasión Aurelio Aguirre e outros compañeiros amantes da poesía, decidiron constituír unha “Compañía de declamación”, que os levaría a facer varios recitais poéticos por lugares como Padrón e algunhas vilas do Salnés, e foi precisamente cando embarcaron nun pailebote en Vilagarcía para ofrecer o seu recital en Cambados, que, chegando a esta vila, levantouse temporal e a punto estiveron de naufragar, se non fose por un dos seus compañeiros que lle botou unha man ó patrón. Aínda non era esta a súa hora.

Aguirre amosou dende ben novo interese pola poesía e pola política, foi miliciano no levantamento militar de 1854 (21 anos) e participou no famoso Banquete de Conxo, o dous de marzo de 1856, onde recitou algúns versos que foron mal interpretados pola curia santiaguesa e polas clases acomodadas, que se xa non viron ben que uns estudantes lles servisen a un grupo de obreiros e artesáns, menos aínda lle perdoarían que nun dos versos fixese fincapé en que Xesús era humano, fillo dun carpinteiro.

Non está claro se Rosalía de Castro e Aurelio Aguirre chegaron a mocear, como din os murmuradores da prensa rosa doutros tempos. Si se sabe que se coñecían e estimaban, pois entre eles agasállanse algún que outro poema, tal o soneto titulado Improvisación, de 1857, adicado a Rosalía e onde dá por feito que, nela, máis que a fermosura é de valorar cando “al templo del saber sus pasos guía”.

Aurelio tamén coñecía a Murguía, a quen en 1855 lle dedica un poema titulado ¡Ánimo! tratando de confortalo ante algún fracaso vital, nun momento de clara rebeldía xuvenil.

Quen posibilitou a amizade entre Murguía e Aurelio foi o irmán do primeiro, Nicolás, e desa amizade quedou constancia en Los precursores, o libro dos amigos que o Patriarca deu ó prelo vinte e sete anos despois de falecido Aurelio, onde entre as palabras dunha amábel lembranza, del e da familia, no que ben vale para consideralo unha primeira biografía, defíneo como un inconformista que, sen saír nunca da súa cidade natal, pensaba coñecer o mundo e ter sufrido todos os desgustos e desenganos da vida.

O que si parece seguro é que, por aqueles anos, Murguía e Rosalía non se coñecían, ou, ó menos, el nunca se fixara nela, ata que o amigo lle fala dunha moza moi prometedora como poeta. Como queira que sexa, esas palabras facilitaron a futura aproximación do historiador á poetisa.

Algunhas voces máis próximas a eses murmurios propios da prensa amarela de que falabamos, apuntan se a súa prematura morte, afogado na Coruña, foi premeditada despois de saber do compromiso entre Rosalía e Murguía, pero o certo é que un ano antes, en carta ó seu amigo, Aurelio confésalle o seu amor por unha tal F... Taboada: “con quien estoy en relaciones amorosas desde que la vi (sic)”. E a menos de catro meses de que os seus amigos casen, Aurelio morre afogado sen que quede claro se foi un accidente ou un suicidio, nin se foi na praia de Santo Amaro ou na do Orzán, esta de augas bravas e a outra de augas máis tranquilas. E de ser suicido, ¿cal foi o motivo? Ese será sempre o misterio da prematura desaparición dun dos grandes poetas galegos do século XIX.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).


Ningún comentario:

Publicar un comentario