martes, 24 de decembro de 2024

Aguinaldos e cantares.



Anos atrás, por estas datas, xunto coas tarxetas de felicitación traíannos unhas papeletas, polo xeral entregadas en man, desexándonos boas festas e pedindo o aguinaldo de parte de bombeiros, carteiros, policías locais, varredores e serenos. E na veciñanza debatíase se lles correspondía ou non esa gratificación, segundo se tivesen portado co barrio ó largo do ano, ou canto sería apropiado darlle. Pero non eran os únicos. Ás veces tamén chamaba a porta un grupo de nenos anunciándose: San Xosé e máis a Virxe camiñaban para Belén/ ían cantando nos reices, cantémolos nós tamén.

Podiámolo considerar como un pago polos desexos de felicidade que nos mostraban, nestes días solsticiais, a partir dos que o sol vai gañando altura e horas de luz. Daquela o aguinaldo estaba en todo, e mantense nesas participacións de lotería que nos ofrecen ou na cesta de doces e licores con que nos gratifican chegando estas datas.

Isto non é novo. Os aguinaldos xa se facían na antiga Roma para amosar os desexos de boa sorte coa medra dos días, onde era costume, durante as Saturnais (a finais de decembro), facer regalos entre amigos e familiares, pero logo, a principios do século I dC, ese costume pasou a instituírse no primeiro de xaneiro baixo o nome da Strenae, de onde vén a palabra estrear, co significado de desexarlle á persoa gratificada unha mellora para o futuro.

Sen dúbida, os galanos que nós facemos nestes días teñen esa orixe, aínda que logo viñese Papá Noel, o Apalpador, os Reis Magos e ata a paga extra, a cobrar protagonismo, para animarnos a brindar polo porvir. Tan agradecidos somos que ata lles deixamos un prato de doces ós Magos de Oriente.

E se pedir ou reclamar o aguinaldo é algo que por tradición ou costume xa se fixo obrigatorio, que mellor ca pedilo con música.

Unha das estampas máis comúns nas tarxetas de Nadal é a de coros de nenos cantores, cos seus instrumentos musicais e caras anxelicais. Son como unha invitación á tenrura, ó amor e á felicidade, iso que, nestes días de frío e noites longas vén dicirnos ó mal tempo boa cara.


Os cantos de reis, ou de reices, que a pesar do seu nome nunca estiveron subscritos exclusivamente ó seis de xaneiro, forman parte do folclore de Nadal, en que grupos de nenos ían (e nalgúns lugares aínda van) polas casas cantando panxoliñas e pedindo a troco un aguinaldo en forma de doces.

Nun libro que baixo a coordinación de Xosé Luís Rivas (Mini), publicou o concello de Boimorto  no 2007, con CD incluído, recóllense tamén os retrousos de presentación, con versos tan amábeis como:

Aqui’stamo-los dos Reis/ Despuestos para cantar/ s’ustedes nos dan licencia/ imo-los a comezar.

Ou estoutra polo mesmo estilo, pero un pouco máis diplomática:

De lejos venimos los que aquí llegamos,/ se nos dan licencia los reices cantamos./ Es descortesía y es desobedencia/ a puerta dun hombre cantar sin licencia

E logo viñan as panxoliñas pertinentes. Moitas delas en forma de romance e tamén nese castelán castrapeado, seguramente aprendidos polo cura párroco.

O amigo Eduardo (Tato) lembroume estes días como aló nas súas terras ourensás, cando se achegaban á casa dalgún veciño, antes de cantar a panxoliña anunciaban algo ameazador para esixir o aguinaldo:

Cantámoslle os reis do quiquiriqui/ se non nos dá nada cagámoslle aquí.

E co aguinaldo no saco levaban a festa a outra parte.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado no especial de Nadal da edición de Barbanza de La Voz de Galicia).


sábado, 21 de decembro de 2024

Tradicións boas e malas

                                


As tradicións entróncannos coa historia, e coñecelas afianza a nosa personalidade.

Sen embargo, trocar o carro de vacas polo tractor non é renunciar á tradición, senón evolucionar para ben, o mesmo ca poñerlle á dorna un motor fóra borda; pero seguimos podando coa lúa en devalo e aconsellándonos co refraneiro para plantar “os fabóns polo san Simón” e “os alliños polo san Martiño”. Defender as tradicións é o que nos permite ter unha idiosincrasia propia, o cal non implica ancorarnos no pasado negando todo o que a tecnoloxía nos ofrece para mellorar as condicións de vida.

Poden cambiar os tempos pero nós seguimos celebrando esas festas cíclicas tan propias da nosa cultura, os magostos, o Nadal, os Mallos, a Pascua, o Sanxoán ou os Entroidos, e con iso, que seguramente algún día formaron parte dalgún ritual precristián,  estamos revivindo aquilo que dende antigo modelou a nosa identidade.

Pero nun mundo globalizado, como o que nos toca vivir, tamén entran a formar parte da nosa cultura costumes que nada teñen que ver con nós, unhas para ben e outras para non tanto. O pasado novembro, uns veciños, aquí en Barbanza, celebraban o Thanksgiving day con pavo e todo, a pesares de que toda a familia é galega, emigrantes que seguramente pensan que unha economía máis forte é sinónimo de etnia superior. Non dubido que acabemos popularizando esa data como facemos co Black Friday ou que pasemos o dia dos Santos Inocentes ó primeiro de Abril, para ser máis anglosaxóns ca ninguén, como xa celebramos o Halloween que nada ten que ver con nós.


Estes intercambios culturais hóuboos sempre, forman parte da evolución. Grecia bebeu dos exipcios e os romanos dos gregos; o cristianismo adaptou costumes tan romanas como a figura do Sumo Pontífice ou levarlle exvotos ós deuses (santos) pertinentes, e hoxe tócanos beber de todo aquilo que nos meten polos ollos. Nos anos cincuenta do pasado século fomentouse como autóctono o folclore andaluz en contra das muiñeiras, xotas ou sardanas, logo veu o rock con todas as súas variantes a quitarlle o sitio ós boleros e ata bailábamos o twist con toda clase de contorsións; de maneira que as culturas propias, gústenos ou non, se teñen músculo enriquécense coas novas achegas e se non acaban por desaparecer.

Os vellos regueifeiros enfróntase ó moderno hip-hop, e ambos, cada un no seu estilo, poden ser divertidos e cultos. A convivencia está precisamente en respectar as normas sen danar nin desprezar, algo que os nosos emigrantes saben moi ben. Eles celebran ó estilo americano o día de Galiza en Nova York, con grandes desfiles, e ó final ata os americanos de nacemento se unen a festexar.

Sen embargo, hai costumes que si deben ser erradicadas. A principios deste ano que remata, un xuíz, para demostrar que ás veces somos xulgados por ignorantes, sentenciou que estaba xustificado que una nena xitana de doce anos, non se considerase violada por un varón de 24, por ser un tipo de relación aceptada dentro da súa etnia. Segundo este xuíz, ¿debemos permitir que as rapazas usen o burka nas escolas ou que se practique a ablación de clítoris entre as nenas africanas que manteñen esa práctica no seu país de orixe?

Como moi ben di o refrán, “tal terra andar tal pan manxar”.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

sábado, 7 de decembro de 2024

Aparicións e peregrinacións

 

 


Hai que recoñecer que o papa Francisco, a pesares de toda a aura de divindade que lle queiramos pór, é un home cos pés na terra, unha persoa intelixente e que, seguramente, faga máis pola Igrexa do que ninguén fixo nunca, e iso aínda que moitos dos seus subordinados, incluso aquí, nas nosas parroquias, non estean moito por el.

Dende as altas instancias da Igrexa vendéronsenos como milagres fantasías sen base lóxica, só porque un grupo de entusiastas, máis ou menos fanáticos, as cren ou deixaban pasta.

Ó largo da historia, as aparicións da Virxe María foron tantas que non chegan os días do ano para celebrarlle festas, e outras tantas quedaron sen contabilizar para non saturar o calendario. Polo xeral todo empeza con unha pastoriña ou un bondadoso labrego que nun lugar afastado encontra á Nosa Señora subida a unha árbore, a unha pedra ou camiñando por encima do río para darlle algunha piadosa mensaxe que o devoto lle comunicará ó párroco e este ó bispo, este ó cardeal e este ó papa, como se a aparecida non puidese ir directamente a falar con quen corresponda, sen voz interposta. Así o fixo en Fátima, en Lourdes ou en Banneux. Case sempre a historia é a mesma: a Virxe aparécese dentro dunha aura luminosa e deixa o recado, a xente, por curiosidade acode ó lugar coa esperanza de vela, pero só a ven os dous ou tres escollidos, logo ela pide que se lle erga unha capela e a autoridade eclesiástica acaba accedendo a cumprirlle o capricho, cando o natural dun ser tan benévolo e humilde como é a Virxe María sería pedir algún tipo de socorro para os máis necesitados e non que lle fagan a pelota. Algo que contradí a mensaxe cristiá. Mais non seremos nós quen dubide das intencións da divindade.

Pero o papa actual, un home con moi boa man esquerda, nestes tempos en que a ciencia, a medicina ou a psicoloxía poderían aclarar a verdadeira orixe destas aparicións, estudou o caso do lugar de Medjugorje, en Bosnia-Herzegovina, a onde acoden milleiros de fieis dende que en 1981 se lle aparecese a Virxe a cinco nenos, e volve o 25 de cada mes, para pedir que se rece, comungue ou se faga xaxún. E como onde hai xente hai vida, como nas feiras, o papa decidiu facer algo que non fixeron os seus antecesores, ó tempo que apunta que ningún fiel está obrigado a crer nesas aparicións cando a ciencia non as pode explicar, autoriza o culto, “porque entre estas experiencias verifícanse moitos froitos positivos”. E véndense estampiñas, que diría un ateo.

Quen xa se coñece como a Raíña da Paz, tamén comunicou uns secretos que, como en Fátima, non poden ser revelados, e o pasado 25 de xuño na casa dun dos videntes (agora xa non son nenos), onde só el a veu aínda que estaba presente toda a familia, volveu pedir que se rece.

E claro que ten razón o papa en permitir as visitas a este santuario, porque, aínda que non quede claro que ven e escoitan os videntes, toda esa masa de fieis nun pais onde os católicos só representan o quince por cento da poboación, reafírmaos na fe. Do que non se ten noticia, polo de agora, e de ningunha curación milagrosa.

Xa chegará.

 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).