sábado, 21 de decembro de 2024

Tradicións boas e malas

                                


As tradicións entróncannos coa historia, e coñecelas afianza a nosa personalidade.

Sen embargo, trocar o carro de vacas polo tractor non é renunciar á tradición, senón evolucionar para ben, o mesmo ca poñerlle á dorna un motor fóra borda; pero seguimos podando coa lúa en devalo e aconsellándonos co refraneiro para plantar “os fabóns polo san Simón” e “os alliños polo san Martiño”. Defender as tradicións é o que nos permite ter unha idiosincrasia propia, o cal non implica ancorarnos no pasado negando todo o que a tecnoloxía nos ofrece para mellorar as condicións de vida.

Poden cambiar os tempos pero nós seguimos celebrando esas festas cíclicas tan propias da nosa cultura, os magostos, o Nadal, os Mallos, a Pascua, o Sanxoán ou os Entroidos, e con iso, que seguramente algún día formaron parte dalgún ritual precristián,  estamos revivindo aquilo que dende antigo modelou a nosa identidade.

Pero nun mundo globalizado, como o que nos toca vivir, tamén entran a formar parte da nosa cultura costumes que nada teñen que ver con nós, unhas para ben e outras para non tanto. O pasado novembro, uns veciños, aquí en Barbanza, celebraban o Thanksgiving day con pavo e todo, a pesares de que toda a familia é galega, emigrantes que seguramente pensan que unha economía máis forte é sinónimo de etnia superior. Non dubido que acabemos popularizando esa data como facemos co Black Friday ou que pasemos o dia dos Santos Inocentes ó primeiro de Abril, para ser máis anglosaxóns ca ninguén, como xa celebramos o Halloween que nada ten que ver con nós.


Estes intercambios culturais hóuboos sempre, forman parte da evolución. Grecia bebeu dos exipcios e os romanos dos gregos; o cristianismo adaptou costumes tan romanas como a figura do Sumo Pontífice ou levarlle exvotos ós deuses (santos) pertinentes, e hoxe tócanos beber de todo aquilo que nos meten polos ollos. Nos anos cincuenta do pasado século fomentouse como autóctono o folclore andaluz en contra das muiñeiras, xotas ou sardanas, logo veu o rock con todas as súas variantes a quitarlle o sitio ós boleros e ata bailábamos o twist con toda clase de contorsións; de maneira que as culturas propias, gústenos ou non, se teñen músculo enriquécense coas novas achegas e se non acaban por desaparecer.

Os vellos regueifeiros enfróntase ó moderno hip-hop, e ambos, cada un no seu estilo, poden ser divertidos e cultos. A convivencia está precisamente en respectar as normas sen danar nin desprezar, algo que os nosos emigrantes saben moi ben. Eles celebran ó estilo americano o día de Galiza en Nova York, con grandes desfiles, e ó final ata os americanos de nacemento se unen a festexar.

Sen embargo, hai costumes que si deben ser erradicadas. A principios deste ano que remata, un xuíz, para demostrar que ás veces somos xulgados por ignorantes, sentenciou que estaba xustificado que una nena xitana de doce anos, non se considerase violada por un varón de 24, por ser un tipo de relación aceptada dentro da súa etnia. Segundo este xuíz, ¿debemos permitir que as rapazas usen o burka nas escolas ou que se practique a ablación de clítoris entre as nenas africanas que manteñen esa práctica no seu país de orixe?

Como moi ben di o refrán, “tal terra andar tal pan manxar”.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario