Aínda sen coñecela en persoa, sempre me caeu ben a Carolina. Unha rapaza independente, alegre e traballadora. Ela anda á súa e deixa que as murmuradoras falen, de se se viste pola cabeza ou se se dispe polos pés, como se ata para iso tivese que haber unha norma, tan absurdo como criticar a un señor por usar gorra ou sombreiro. Ela faino como mellor lle vai e nunca lle sae mal.
Os portugueses, que tamén lle cantan á súa liberdade, advirten dende os primeiros versos: Foi assim de pequenina/ que a quiseram ensinar/ que tem lugar na cozinha/ e em casa a costurar.
Mais ela sempre foi independente, desas que noutro tempo se tiñan por descaradas, golfas e outras cousas peores. Hai máis de cincuenta anos que os de Fuxan os Ventos publicaron ós catro ventos o seu nome, e a pesares de ser tempos escuros, a todos nos caía ben a rapaza, e aínda había quen soñaba con atopala nalgún daqueles bailes vixiados por mil ollos bagoando censura, coma se o famoso lagarto que levaba estampado na saía non puidese darlle ó rabo.
Na
versión portuguesa, a Carolina é advertida: Tem cuidado, oh, Carolina/
que o lagarto dá ao rabo/ tu até te vês rainha/ queima-te o patriarcado./ Tem cuidado, oh, Carolina/ quem tem
sonhos tem pecados./ Ser menina é tua sina/
ser mulher é teu legado.
Sexa galega ou portuguesa, a Carolina non abandonaba os seus labores, e se a viamos bailando co coronel, tamén a podíamos ver entrando no curral co seu cocho polo rabo ou invitando ó señor cura, a quen Deus todo llo perdoa.
Estou por dicir que foi unha adiantada daquelas mozas que se fixeron famosas durante a movida no tempo da Transición, mozas que logo destacaron como grandes profesionais e abríronlle os ollos ás novas xeracións. Incluso penso que ela, andando na boca de todos, fixo máis pola liberdade das mulleres ca calquera predicador parlamentario. Ese é un dos moitos valores que ten a literatura e a música popular, que nos marcan camiños que, dalgún xeito, todos aceptamos ou queremos seguir. E ata é curioso que saian de linguas femininas as cancións máis pícaras ou con temas máis abertamente sexuais, para que logo digan que as galegas son mulleres de pano á cabeza e rosario na man. Sen necesidade de ir ó Caneco, coas súas estrofas extremadamente descaradas, como as que cantaba a señora Felisa na televisión en horario de máxima audiencia, sabemos que a liberdade é o maior tesouro que podemos posuír. E a Carolina non é nin máis nin menos ca o que cada quen queira entender; os mal pensados sempre pensarán mal, por moito que lles digamos que por bailar non se lle fai mal a ninguén.
Máis aló do rebuldeiro canto e das paixóns que a Carolina levanta, ninguén pon en dúbida que se trata dunha moza que, non por gustar da festa deixa de ser laboriosa, queda claro cando entra co seu cocho polo rabo ou cando baila co seu amor. Unha moza que non se para en facer distincións e ó seu engado acude tanto o capitán como o cura párroco e por iso, como din os portugueses: A saia da Carolina/ ardeu no meio do mato/ A história da Carolina/ é que agora veste fato.
Francisco Ant. Vidal
Ningún comentario:
Publicar un comentario