sábado, 1 de marzo de 2025

Aí vén o Entroido.

                

Un ano máis, ás portas do Entroido, aínda non sabemos por onde andaremos estes días. Se por terras de Ourense, por Cobres, en Pontevedra ou se visitar o Oso de Salcedo. Por suposto que non pensamos perder o enterro do Felipe Filloeiro (o Filipiño), aquí na Barbanza.

O mellor do Entroido son os rituais; o bonito son os traxes, as vestimentas, tan distintas unhas de outras, pero ó mesmo tempo tan cheas de colorido e significado, mesturando elementos masculinos e femininos, invitándonos a participar da explosión de vida que trae a inminente primavera, neste novo tempo en que entramos, por iso os Volantes da zona de Chantada, saen o domingo despois da misa a pisar os campos, pois, segundo eles, se o Volante non os pisa non nace o froito, en Laza, algúns peliqueiros danzan no camposanto como homenaxe triunfal sobre a morte, e as Madamas e Galáns de Cobres visitan a enfermos e acamados dándolle alento.

As elaboradas roupas herdábanse de pais a fillos, porque, noutro tempo, só podían vestir de Peliqueiros, Felos, Cigarróns, Pantallas, Boteiros ou Xenerais os homes, e ás mulleres estáballes destinada a confección das prendas. Unha confección tan minuciosa que podía durar o ano enteiro. Roupas para as que non servía ir de calquera xeito, porque aqueles, por uns días, investíanse dunha autoridade que ía por encima de todos, ata que a ditadura lles sacou ese privilexio, que só posuían mentres tiñan a careta posta. Lembro un día no que falando con un peliqueiro, acercóuselle un señor maior a increpalo porque tiña a cara descuberta. E non é certo que vaian zorregándolles a todos, senón tan só ós que se interpoñen no seu camiño. Porque ninguén pode interromper o paso da vida.


O Entroido é unha festa participativa, e se non participas has de pagar por ilo, como me fixeron pagar en Xinzo por non levar disfrace: unha ronda para media ducia de Pantallas, e en Salcedo o Oso enzoufoume coa cinza da boa ventura.

Para a confección das caretas procúranse materiais nobres, unha madeira lixeira, polo xeral de ameneiro, como a que usa o amigo Manolo Fernández para as de Felo, e logo veñen os flocos, a pelica e a mitra adornada con motivos zoolóxicos. En Viana de Bolo, Manzaneda e Vilariño de Conso as mitras teñen motivos florais e os Volantes aproveitan como pucho o cesto usado na vendima, recuberto de longas fitas de cor. En Xinzo, usan como base da pantalla un sombreiro sen abas, ó que lle cortan o lugar dos ollos e da boca sobre o que logo vai unha capa de papel (periódicos ou revistas) impregnadas de engrudo (unha masa de fariña con auga) e cando seca vén o proceso de pintado como nos teñen explicado Aurora e Santiago, de Arte Arrebol, nun proceso que pode durar un mes tranquilamente.

A máscara é o rostro que se ofrece, por iso o choqueiro (portador de chocas) no momento de cubrir a cara convértese nese feiticeiro que lle pecha as portas ó inverno e llas abre á primavera. E iso si é para celebrar con grandes banquetes, cos cocidos, as bicas, filloas, orellas, melindres e larpeiras.

Hai tantos sitios onde celebrar o Entroido (o Carnaval é outra cousa), que xa estou sentindo mágoa por aqueles lugares que non poderemos visitar.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

3 comentarios:

  1. Segundo a RAG da lingua, Entroido e Carnaval son sinónimos. ¿que outra cousa e o Carnaval segundo vostede?

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Neste mesmo blog ten vostede un artigo de 2014 titulado "Entroido e Carnaval". De todas formas, como todo é matizábel, podemos discutilo, a ser posíbel diante dunhas cañas, e paga quen non convenza.

      Eliminar
    2. A ser posíbel diante duns Barrantes en cunca.

      Eliminar