Esta semana pasada, mentres a península sufría unha vaga de calor asfixiante, como poucos veces se ve por estas terras, o meu amigo murciano cruzou a dura estepa castelá para acollerse á suave brisa arousá e eu tiven o pracer de demorar unha tarde sentado sobre as pedras dunha fervenza en sombra.
Unha das razóns que tivo quen inventou a sesta, non foi botarse a durmir despois dunha enchente, senón afastarse das calores da primeira hora da tarde no fresco dun cuarto en penumbra, reservando enerxías para os relaxantes saraos baixo o luar.
Un dos síntomas de que o verán xa está aquí, é pasar pola autovía da Barbanza, ou a de Noia, un venres ou un domingo, e comprobar a cantidade de coches que van e veñen ás praias fuxindo, moitos deles, da calor que desprenden as milenarias pedras de Compostela. Cada ano sube máis o termómetro e hai máis tráfico.
A cousa non queda aí. Xa veremos cando cheguen xullo e agosto e se xunten ós nativos todos eses refuxiados climáticos que foxen da meseta, dos fornos do Mediterráneo ou das caldeiras do interior de Galiza para acollerse á frescura das nosas latitudes, coas dúas caras que este turismo trae, moito consumo hostaleiro (ademais dalgún simpa) e a conseguinte subida de prezos que rara vez baixan cando marchan os veraneantes e volven os xerseis de lá.
Os analistas e videntes que todo o auguran, aseguran que co cambio climático o turismo, que ata agora invadiu, principalmente, as costas mediterráneas, desprazarase cara ó norte, como se facía no século XIX, cando non estaban de moda as praias e a realeza, coa raíña Sabela e todos os seus adláteres, procuraba un refuxio fresco en Santander e San Sebastián. A mesma raíña que o erguerse da modorra estival tivo que deixar a coroa e cruzar a Francia tras a revolución de 1868. E agora o seu tataraneto tamén abandona o deserto de Dubai para sentir a brisa das nosas rías.
Os augures prognostican que se a temperatura segue aumentando, a finais do presente século os lugares turísticos de preferencia deixarán de ser as illas e o sur e leste peninsular, onde o turismo pode caer máis dun sesenta por cento; co que toda esa xente irase achegando a nós, procurando un clima máis soportábel, e as aldeas comezarán a empregar man de obra, primeiro para reconstruír e logo para atender a todos eses milleiros de refuxiados climáticos que, no seu mes de vacacións, procuran un lugar onde descansar sen os abafos que dá soportar corenta graos á sombra. Sempre e cando non se invadan os camiños por onde pasear entre árbores co rumor das ondas de fondo con casas e edificios en primeira liña con vistas ó mar. Xa veremos en que dá a xestión da costa que tanto demandou a Xunta. E é que aquí todos falan das vistas, sen decatarse de que se aprecia moito máis ese airiño que se levanta polas tardes e calma os sufocos estivais cando non hai muros interpostos.
Pero dada a vaga de calor destes días, esperamos que este refuxio de frescura non se acalore progresivamente. Na praia subiu tanto a temperatura da auga que xa non se ven pateiros queimacasas. Tamén eles deberon procurar outro refuxio máis fresco.
Francisco Ant. Vidal
Ningún comentario:
Publicar un comentario