domingo, 6 de xullo de 2025

Muíño de vento de Beiro (Valga)


Hai uns anos que o concello de Valga decidiu construír, seguindo as formas propias da bisbarra e dun modelo do século XIX, un muíño de vento que lembrase os que nalgún tempo houbo na zona, no outeiro do Home, dende onde se pode ver unha fermosa paisaxe da ría de Arousa.

Era un dos moitos tipos de muíños que se usaban para moer o trigo aproveitando as forzas da natureza, neste caso a do vento. Logo, na parte interior o sistema de moenda vén sendo moi semellante ó dos muíños de auga.

Esquema tomado dun folleto explicativo do concello de Valga

O muíño, de cachotería, ten planta oval e cubrición de tellas suxeitas con pedras para evitar os estragos que o vento pode causar neste lugar.

Estes muíños teñen dous conxuntos de aspas ou abanos, situadas a ambos extremos dun eixo, tamén chamado a trabe, que traspasa a edificación diametralmente, para que as movan os ventos predominantes, sexan de nordés ou de vendaval. As aspas ou abanos están situados sobre os vareiros instalados nos extremos da trabe, todo de madeira con unha pequena inclinación para facilitar que a incidencia do vento se converta nun movemento circular que ha de mover a moa do mesmo.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario