sábado, 13 de setembro de 2025

Eivas no idioma


Ciencia, técnica e trebellos é o título dunha serie de artigos que publiquei a principios da década dos oitenta, e que me serviron para decatarme do escaso vocabulario técnico e científico que tiñamos normalizado por aqueles anos. As palabras existían pero estaban adulteradas por outros idiomas ou incluso perdían a exactitude do seu significado.

Logo, cando o galego entrou nas aulas e os dicionarios foron arranxando e axeitando os termos, de orixe maioritariamente inglesa, lingua na que está escrita a maioría da literatura científica, aínda se seguiu marxinando o seu uso en materias como Matemáticas ou Física, era como se falar da regra de tres ou de enerxía cinética fosen termos alleos ó noso mundo, co que, un idioma que xa viña eivado de antigo, seguía coxeando cando se trataba de expresar temas de ciencias e tecnoloxía, e as políticas de ensino facíannos pensar que o galego só servía para escribir poesía, contar os chistes de Xan das Bolas e pouco máis. Aínda hoxe, encontrar un libro de divulgación científica en galego é unha rareza propia de coleccionistas. E esa é unha das maiores carencias que temos no ensino.

Lendo os periódicos de principios do século XX, fáiseme raro que usasen con frecuencia o vocábulo sportman para referirse ó que hoxe todos entendemos por deportista, porque as palabras, ó final, toman o camiño axeitado e acaban apartando a broza que impide unha adecuada utilización. Así esperamos que o mesmo pendrive, tan empregado na actualidade para poñer a salvo os documentos informáticos, acabe chamándose, con toda lóxica, memoria exterior, que é o que é, e non lapis condutor como lle escoitei a alguén.

 Nesta globalización que todo o estandariza e trata de chegar á maioría polo vía rápida, é moi doado discriminar idiomaticamente en favor das linguas maioritarias, moitas veces sen decatarnos, e incluso véndoo como algo natural. O mesmo pasa co cine, como un amigo me sinalaba estoutro día, onde se gastan verdadeiras fortunas nun decorado de cartón, pero non en traducir ós idiomas minoritarios, aínda que sexa un con máis de dous millóns de falantes como é o noso. Sería por iso que este amigo, sempre moi preocupado polas cuestións lingüísticas, nos remotos anos de moceo, confesábame que el non lle sabía dicir á moza palabras de amor en galego. Xa daquela, a cultura entrábanos máis pola pantalla ca polos libros.

Hai agora un ano que o Consello de Europa lembrou a recomendación de que o galego debe estar no ensino a todos os niveis, así como na xustiza e na sanidade, ou que incluso o BOE debe traducirse ó noso idioma, pero sobre todo que se faga habitual nas materias de Matemáticas, Física, Química e Tecnoloxía, onde a eiva idiomática persiste.

O decreto de plurilingüísimo que o goberno galego sacou hai quince anos provocou este dispar uso contra o que xa no seu día se manifestou a comunidade educativa, pois contrariaba as recomendacións da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, observando que, ademais de non chegar a todas as materias, tampouco é habitual en niveis de preescolar, convertendo o seu uso e aprendizaxe nun acto exótico, máis próximo a un labor museístico ou de vitrina e escaparate, a pesar de que, aínda que nos digan o contrario, non nos falta vocabulario.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario