sábado, 11 de outubro de 2025

Reciclaxe de redes

                        


Xa ninguén se lembra daqueles chaquetóns de lona untados con sebo para protexerse dos salseiros, cuxa vida útil remataba converténdoos en trapos de fregar. Non tan lonxe quedan os manteis e chuvasqueiros de hule, talvez moito máis hixiénicos, que despois de protexernos dos vendavais durante moitas mareas, acababan, cos seus parches multicolor, nos tellados dos galiñeiros.

Non hai nada que dicir contra a reciclaxe, aínda que esta non sempre sexa posíbel nin esteticamente adecuada. Lembrade os somieres nas fincas. A pasada semana soubemos que aquí, na Barbanza, xa temos autorizada unha planta destinada á reparación e recuperación de redes, que boa falta fai, porque darlles unha segunda vida sempre será positivo para o medio ambiente e para a economía; co que, moi axiña, todo ese refugallo que vemos a un lado da autovía á altura de Boiro, converterase en aparellos de novo uso. Pero aínda podemos preguntarnos onde acaban todos eses fíos e anacos de redes irrecuperábeis, maioritariamente de material plástico, ciscados por portos e peiraos, tan resistentes e duradeiros que non hai bicho que acabe con eles. E ideas para volver a usalos non faltan, como a que tivo o escultor Manolo Paz, quen non encontrou mellor xeito de representar os reflexos do mar, ca expoñendo fardos de redes que, nalgún caso, só era necesario deixalos, máis ou menos combinados, para que os observadores visen ou intuísen neles as cores do océano a distintas horas do día.


Máis aló do mundo da pesca, da arte ou de facer bolsos de malla, a reciclaxe destas pezas chegou á industria téxtil. Xa antes tiñamos no mercado moitas prendas de poliéster, que non se engurran, son lixeiras, resistentes e non necesitan que se lle pase o ferro, pero os fabricantes piden máis.

Os de Inditex, por exemplo, teñen en mente o aproveitamento deses refugallos mariños, experimentando con retallos das redes que xa non van ser reparadas, enormes cantidades de fíos sintéticos que, ben tratados e mesturados con outros máis naturais serven para confeccionar prendas adecuadas para o noso clima. De feito, a empresa radicada en Arteixo xa se adiantou a elaborar roupas a partir destas fibras e con un esperanzador resultado de cara a un futuro próximo.

É bo que as cousas poidan recuperarse e reutilizarse, aínda que ó uso de polímeros na vestimenta engádese o problema de que non deixan de ser un mal medioambiental a largo prazo.


Se non fose porque as modas lles poñen data de caducidade a todas as vestimentas, a estes materiais non hai couza ou traza que os estrague e ata os netos poderían aproveitar as roupas que foron de seus avós, para desgraza de xastres e costureiras. E por moi ben que funcione o negocio da moda ó estilo das mellores películas de ciencia ficción, esas que nos presentan un futuro sen garabatas nin camisas de liño, pero si con moita licra e poliéster, non creo que a todos nos guste, pois preferimos o aloumiño quente da lá ou do algodón.

De momento para abastecer o mercado con estes fíos reciclados, quen sabe se non se porá de moda o de recoller retallos de redes polos peiraos, como outrora se recollían en Coroso cunchas na mallante, para que os da outra banda da ría confeccionasen recordos para turistas.

Francisco Ant. Vidal

 (Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario