En Santillana del Mar hai un museo da tortura con moitos aparellos da época da Inquisición, esa que se proclamaba santa pero era máis maligna que o mesmo diaño. Nunca quixen entrar en tal sitio, a pesar de estar diante del en varias ocasións. Por algunha razón lembrábame unha historia que me contaron da miña parroquia, a onde chegou, a mediados do século pasado, un predicador a quen lle deu por retomar o asunto da bruxería, animando dende o púlpito a apedrar a todas as bruxas, meigas ou carteiras coñecidas. E ó domingo, na saída da misa de doce, un grupo de acólitos non tivo mellor idea ca executar tal sentencia sobre unha señora que cometera o pecado de recomendar a herba luísa para a dor de estómago, os vapores de eucalipto para aliviar o catarro e, diante dun mazo de naipes, tranquilizar ás mozas que botaban de menos as novas dos seus pretendentes ou esposos, embarcados na pesca ou na mercante.
O malo é que estes predicadores, de voz enérxica, sabían moi ben que o diaño é un mito e as bruxas que o adoran non son máis ca unha fantasía que eles mesmos fomentaban para xustificar as actitudes represoras; pero dicíano con tal rotundidade que era difícil non crelos. Outros arengaban contra os males da freguesía con frases tan contundentes como as daquel que increpaba: Mujeres, tratad bien a vuestros maridos, y no os “deais” a la bebida.
Sen embargo, os expertos en oratoria e falabaratos non sempre visten sotana. O ano pasado, aquí, no Barbanza, facía o seu agosto un xamán que, aproveitándose da inxenuidade dalgunhas persoas daba remedios e competía cos médicos, tan contundentemente, que moitos saían da súa casa agradecidos e convencidos de que o seu mal tiña remedio sen necesidade de pasar os transos dun bisturí ou que o xarope que el vendía suplía a todas as pastillas da farmacia. Este, en concreto, comunicoulle a unha cliente que o marido lle era infiel, o que provocou a ira do esposo e un escándalo público.
Aínda non hai moito, en Haití, lugar onde o Vodú se practica con fe cega, un xefe local acudiu co seu fillo enfermo á consulta dun xamán, e este, por razóns que só el coñece, desculpouse de non poder curalo porque fora embruxado por un grupo que lle facía a competencia, e daquela o desconsolado pai mandou ós seus sicarios para que matasen ás case duascentas persoas desa outra seita, por botarlle o mal de ollo. Outro tanto facían aqueles sátrapas da antigüidade cando incluso mandaban degolar ós seus conselleiros por non acertar co que eles querían saber ou por non dicir o que querían oír.
Destes aínda anda por aí algún dirixente que cada pouco nos sorprende forzando dimisións ou acusando sen probas; e é que, amparados na fe de quen non pon en dúbida a palabra do seu líder, sempre xorden energúmenos predicando as cousas máis absurdas contra os contrarios. Na historia temos exemplos para dar e tomar contra mouros, xudeus e supostas bruxas en pauto co demo, algo que aínda se fomenta en persoas con moi pouco caletre ou retorcidamente sectarias, que só ven o mal en todo aquel que non cre no mesmo ca eles
Francisco Ant. Vidal


Ningún comentario:
Publicar un comentario