sábado, 30 de maio de 2026

Edificios reconvertidos

    



Cada edificio garda dentro de si as historias de quen o habitou ou de quen lle deu uso e significado, por iso é ta n penoso visitar algunhas aldeas do rural onde só se ven ruínas condenadas a sepultar a memoria dos seus moradores. Outras veces, aínda en lugares poboados, vense abandonadas determinadas construcións que perderon a súa función e parecen reclamar outra vida coa que, polo menos, se paguen os gastos de mantemento para conservar a histórica arquitectura antes de que as derrúa o tempo e a memora .

Hai varias estacións de tren e antigos apeadeiros en desuso, reconvertidos en bares e restaurantes que trocaron os pasos fugaces pola calidez de compartir mesa en estancias reacondicionadas para o reencontro; pero son, sobre todo as igrexas dese despoboado rural, as máis necesitadas dunha reciclaxe urxente se pretenden continuar vivas, como novos lugares de reunión, aulas de maiores, salas de lectura ou espazos onde organizar concertos ou charlas que, dalgún xeito, eviten que o abandono destrúa eses edificios que forman parte da paisaxe e da memoria.

A mesma casa reitoral de Palmeira, construída a principio de século, co tamaño dun pazo para vivenda dunha persoa, foi presentada durante a inauguración como un edificio que compartiría un museo de arte sacro, un centro social e unha biblioteca, que por algunha razón nunca funcionaron, pero si ofreceron, nalgún momento, a crematística posibilidade de alugar dous apartamentos con espléndidas vistas, para uso turístico, a fin de habilitar tantos metros cadrados desaproveitados e sacar así uns euros, dicían, para axudar no mantemento de semellante mansión.

A idea non é nova, exemplos de coñecidos mosteiros reconvertidos en centros de hospedaxe temos varios ó largo de toda a xeografía, como o de Toxosoutos, onde, por falta de freires, os novos xestores ofrecen unha relaxante estancia organizando actividades ó aire libre, como sendeirismo, para garantir unha amena fin de semana.


Xa hai moitos anos que nun convento galego preguntamos pola hospedaxe, e daquela a cousa era moi ríxida para uns mozos que aínda non cumpríramos os vinte anos. Agora sei de parellas que por uns días buscan o relaxante refuxio deses lugares enclavados, polo xeral, en espazos rodeados de frondosa natureza. Co tempo a cousa volveuse máis lasa e algún daqueles mosteiros foron cedendo en rixidez e ata parece que reservan un lugar para o pecado, onde os monxes, recluídos nas súas beatíficas celas fan a vista gorda para non perder clientela, polo xeral hospedada en cómodas habitacións insonorizadas, con baño e televisión multicanal. Lugares onde as humildes celas conventuais se transformaron en luxosas suites para laicos.

Noutros lugares o que reconverten en estabelecementos de hostalaría son as vellas casas reitorais. Unhas casas que sobran porque un cura ha de atender a varias parroquias, pero só necesita vivir nunha, e todas as demais son edificios desocupados e condenados á ruína se non hai alguén disposto a xestionar o seu arrendo, como no seu día foi a reitoral de Artes (Ribeira), agora convertida en centro de atención para maiores.

Algunhas desas casas, unha vez modificadas e dotadas de todas as comodidades que a clientela demanda, son de verdadeiro luxo. Só hai que imaxinar a reitoral do Xobre co seu pombal ben arranxado, con vistas á ría e á montaña.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 

 

sábado, 23 de maio de 2026

O pecado global

 


Xa había tempo que non falabamos do Virulillas, pero acordounos mentres discutíamos sobre iso do odio, os ciumes e a envexa que Unamuno definía como o pecado nacional. Todo vén a conto despois de que alguén lese a novela de don Miguel, Abel Sánchez, onde se enmarañan todos eses malos sentimentos. Sen embargo, o amigo Xulio opinaba que non toda a envexa é mala, e se nalgúns casos, como nesa novela, pode levarnos polo camiño da zuna e a xenreira, noutras ocasións tamén se pode converter en desexo e ansia de superación. Así, por exemplo, moitos emigrantes, por non ser menos cos veciños que antes ca eles colleran os camiños da diáspora, trataron de imitalos e acadaron unha prosperidade que doutro xeito lles estaría negada. Claro que igual haberá que distinguir entre envexa e imitación.

Ó Virulillas todos o envexábamos porque tiña o único balón con que podiamos xogar, e ó mesmo tempo el envexábanos a nós porque sen nós non gañaría un partido; todo o cal facía que xerásemos pecados tan pouco aconsellábeis como a ira ou a perfidia, que tantas veces tiñamos que reprimir porque el tiña un curmán que apertaba o pantalón con un cinto dous furados máis longo co de calquera de nós. Outras veces convertíamonos en aduladores, só por ter a posibilidade de patear una pelota baixo as súas regras. E envexábamos a quen era escollido para xogar cando, por calquera nimiedade o Virulillas deixábanos fóra da convocatoria. Daquela tamén eramos aprendices de diplomacia, unhas veces facendo ouvidos xordos e outras estendendo un rumor que debilitase ó inimigo, nada diferente ó que vemos e oímos cada día nos telediarios.

 


De envexas e odios xa nos falan nas primeiras páxinas do libro da Xénese, cando Adán e Eva toman consciencia e deciden non resignarse a ser simples pasmóns no Paraíso, arrepoñéndose contra un destino imposto, decididos a probar o froito prohibido e levar a consabida bronca Padre por darse tan pracenteiro gusto. E agora agradecémosllo, porque, segundo nos deixa entender o libro sagrado, se non o fixesen non terían descendencia, e nin quen isto le nin quen isto escribe estaríamos aquí. Pola contra o exemplo negativo veu coa actitude dos fillos, que, porque a un lle ían ben as cousas e ó outro máis ben mal, acabaron da peor maneira posíbel.

E o mundo continuou e por aí andan desgobernando uns e outros rodeándose de aduladores e opositores, para maior gloria dos pecados capitais.

Agora, cos anos, hai quen di que aquela do Virulillas a nós e de nós ó Virulillas era unha “envexa san”, pero, ¿quen entende ese oxímoron onde dúas palabras aparentemente opostas se unen para darlle un significado contraditorio? Porque a tal envexa, cando non é afán de imitación é rabia de incapacitado.

E como nin eramos tan malos nin tan malvados, senón que cada quen, na medida do posíbel, tan só quería darse a valer diante dos demais mentres aprendíamos os enredos da convivencia, tampouco eramos diferentes a tantos santos que, sendo estritos, habería que sacar do santoral porque o único que fixeron foi pecar de envexa e todo o que con ela vén, afanándose por destacar sobre o populacho, tan só preocupados porque o ser supremo vexa, aprecie e premie a súa submisión.


Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 

sábado, 16 de maio de 2026

Falando de refráns

    




Lembrábanos Xulio que de cativo era un pouco moulón para erguerse da cama e ir á escola. Non nos dixo se por vago ou por preguiceiro, se porque non lle apetecía someterse á disciplina escolar ou por non abandonar a quenturiña das sabas; e entón aparecía súa nai coa maternal paciencia: veña, arriba que se che fai tarde. E el aínda daba outra volta na cama, ata que ela acababa botando man do consabido refrán de “A quen madruga Deus o axuda”, que de tanto repetir xa se lle gravou para sempre, o cal non impediu que aprendese o contra refrán de “Non por moito madrugar amence máis axiña”, co que lle respondía e lle permitía dar outra volta máis, ata que súa nai lle sacaba as sabas e tiña que erguerse pola brava.

Os refraneiros son verdadeiros libros da filosofía dun pobo, aínda que non sempre nos conveña o que din nin sempre acerten coas súas sentenzas.


Unha das cousas polas que se fixo famoso o amigo Sancho foi polo uso e abuso dos refráns. E o certo é que con eles demostrou unha sabedoría que xa para si quixera o seu amo cando, con humildade, lle recomendaba prudencia e o cabaleiro recriminábao porque, segundo el, como experto lector, denota falta de cultura o uso e abuso dos mesmos. E non ten por que ser así. Eu teño comprobado cada vez que escoito a algún conferenciante ou xente de demostrada cultura como usan frases feitas, adaxios ou citas literarias que, dalgunha maneira, pode que algún día se convertan en proverbios.

De como nacen algúns refráns lembro o día que entre os amigos da Asociación Manuel Murguía, despois dunha experiencia de varios anos organizando arredor do dezasete de maio os actos en honor do Patriarca das Letras, chegamos a sentenciar cunha alta porcentaxe de acerto que, “Na semana do san Murguía ha de chover algún día”.


Todo comezou cando íamos inaugurar un monólito na parroquia de Oseiro, lugar onde naceu o esposo de Rosalía, e ese día non parou de chover. Ó ano seguinte xa nos coidamos de prever os imprevistos meteorolóxicos e así, ano tras ano, observamos que nesa semana das Letras sempre había algún día chuvioso.

Evidentemente, ningún refrán ten por que ser exacto, e o tempo tampouco é igual na Costa Ártabra ca na Ribeira Sacra. Por iso din os expertos que os refráns referidos á meteoroloxía só son válidos alí onde naceron. E eu, que gosto de observar se acertan ou non, levo comprobado que “a Curota con touca trae chuvia, moita ou pouca”, e ese mesmo prognóstico trocando o nome da montaña témolo nas terras que rodean o Pico Sacro. Pero non creo que o de “ceo escamado, vendaval ó rabo” que dicimos por aquí, serva para aplicar no Mediterráneo.

Logo hai refráns que non só son mentireiros, senón que incluso son manifestamente aldraxantes como eses que se refiren as vilas, xeralmente ideados nalgunha localidade veciña para amolar, “en Muros moito peixe e poucos duros” ou ese outro que mestura tradición e costumes con aire pexorativo: ”Os de Palmeira e santa Uxía de Ribeira beben o viño pola cuncha da aviñeira”.

Será cando non teñen sede, digo eu.



Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

sábado, 9 de maio de 2026

Crentes e crédulos




En Santillana del Mar hai un museo da tortura con moitos aparellos da época da Inquisición, esa que se proclamaba santa pero era máis maligna que o mesmo diaño. Nunca quixen entrar en tal sitio, a pesar de estar diante del en varias ocasións. Por algunha razón lembrábame unha historia que me contaron da miña parroquia, a onde chegou, a mediados do século pasado, un predicador a quen lle deu por retomar o asunto da bruxería, animando dende o púlpito a apedrar a todas as bruxas, meigas ou carteiras coñecidas. E ó domingo, na saída da misa de doce, un grupo de acólitos non tivo mellor idea ca executar tal sentencia sobre unha señora que cometera o pecado de recomendar a herba luísa para a dor de estómago, os vapores de eucalipto para aliviar o catarro e, diante dun mazo de naipes, tranquilizar ás mozas que botaban de menos as novas dos seus pretendentes ou esposos, embarcados na pesca ou na mercante.

O malo é que estes predicadores, de voz enérxica, sabían moi ben que o diaño é un mito e as bruxas que o adoran non son máis ca unha fantasía que eles mesmos fomentaban para xustificar as actitudes represoras; pero dicíano con tal rotundidade que era difícil non crelos. Outros arengaban contra os males da freguesía con frases tan contundentes como as daquel que increpaba: Mujeres, tratad bien a vuestros maridos, y no os “deais” a la bebida. 

Sen embargo, os expertos en oratoria e falabaratos non sempre visten sotana. O ano pasado, aquí, no Barbanza, facía o seu agosto un xamán que, aproveitándose da inxenuidade dalgunhas persoas daba remedios e competía cos médicos, tan contundentemente, que moitos saían da súa casa agradecidos e convencidos de que o seu mal tiña remedio sen necesidade de pasar os transos dun bisturí ou que o xarope que el vendía suplía a todas as pastillas da farmacia. Este, en concreto, comunicoulle a unha cliente que o marido lle era infiel, o que provocou a ira do esposo e un escándalo público. 


Aínda non hai moito, en Haití, lugar onde o Vodú se practica con fe cega, un xefe local acudiu co seu fillo enfermo á consulta dun xamán, e este, por razóns que só el coñece, desculpouse de non poder curalo porque fora embruxado por un grupo que lle facía a competencia, e daquela o desconsolado pai mandou ós seus sicarios para que matasen ás case duascentas persoas desa outra seita, por botarlle o mal de ollo. Outro tanto facían aqueles sátrapas da antigüidade cando incluso mandaban degolar ós seus conselleiros por non acertar co que eles querían saber ou por non dicir o que querían oír. 

Destes aínda anda por aí algún dirixente que cada pouco nos sorprende forzando dimisións ou acusando sen probas; e é que, amparados na fe de quen non pon en dúbida a palabra do seu líder, sempre xorden energúmenos predicando as cousas máis absurdas contra os contrarios. Na historia temos exemplos para dar e tomar contra mouros, xudeus e supostas bruxas en pauto co demo, algo que aínda se fomenta en persoas con moi pouco caletre ou retorcidamente sectarias, que só ven o mal en todo aquel que non cre no mesmo ca eles

 

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia). 

sábado, 2 de maio de 2026

Navegar dende terra

 



Tucho, un afeccionado á pesca recreativa, queixábase do moito que hai que saber de informática para saír a por catro fanecas e dous chopos, xa non para dar parte das capturas, que tamén, senón incluso para conectar a sonda ou que che fagan o seguimento dende a casa. Dicía el que calquera día ata lle farán pilotar e pescar sen moverse da cama, e talvez non estea moi errado.

Despois de ver como os de Artemis 2 lle deron a volta á lúa sen derrapar e con unha precisión que moitos quixeran para os seus coches, estiven buscando nas moitas fotos que estes días se publicaron sobre o evento para ver onde levaba o volante esa nave, e pola información que nos deron parece que os astronautas pouco máis facían ca sacar fotos para o facebook e admirar as vistas.

Seguramente, o soño de calquera de nós, condutores máis ou menos habituais, sexa subir a un coche que nos leve sen preocuparnos por sinalar os cambios de carril ou da distancia co que vai diante. Hai anos que se nos deu a noticia de que o señor Feijoo, daquela presidente da Xunta, viaxara a Madrid nun coche experimental que non necesitaba condutor, e chegou ó seu destino san e salvo. Do que xa non se dixo nada é de como volveu.

A última xeración de coches nada ten que ver cos que tiñamos hai dez ou doce anos. A electrónica, aínda que tardou en incorporarse, cada día faino con máis alta tecnoloxía. Algúns utilitarios ata din onde está a gasolina máis barata. Agora xa ninguén leva un mapa de estradas e de encontrar os sitios encárgase o GPS.

E claro que non é o mesmo ca cando imos nun avión e o piloto pon o automático, porque tampouco é o mesmo viaxar por unha estrada con curvas, fochas ou lombas, e no medio de outros usuarios que se nos cruzan por diante e por detrás, ca sucar o ceo sen ninguén atravesado. E aínda así o piloto vai atento por se ten que coller os mandos debido a calquera imprevisto.


Contábame Tucho que os grandes buques tamén teñen unha especie de piloto automático que lles permite ós temoeiros descansar ou botar un tute de cando en vez, mentres a electrónica vai corrixindo a deriva.

Hai uns meses, un estaleiro de Castropol na ría de Ribadeo, fixo prácticas de navegación sen piloto nun barco capaz de operar durante un mes sen necesitade de xente abordo, e ó parecer as probas foron satisfactorias. Agora só nos queda saber canto falta para que non necesitemos sacar o PNB, o PER, ou o titulín e na súa vez, para pilotar un iate ou unha dorna só sexa necesario un exame de destrezas informáticas e manexo de ordenadores.

Aló quedan o astrolabio e o sextante, o compás e ata as cartas náuticas. Pero tamén as molladuras, os mareos cando o mar se pon bravo e os reumas de que nin santo Amaro nos libra.

Avanza tanto a tecnoloxía, que ata podemos crer que a moito non tardar, como apuntaba Tucho, os pescos botarán as redes desde unha oficina con aire acondicionado invalidando aquel refrán de “quen queira peixe que molle o cu por eles”.

Francisco Ant. Vidal

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, da edición de Barbanza de La Voz de Galicia).