Por
Pepe de Rocaforte
Nunca participei nun
Taller ou nun Club de Lectura. Non teño, polo tanto, unha idea clara de como
funcionan, nin de con que idea participan nel os seus compoñentes.
Imaxino que cando unha persoa entra a formar parte dun deses grupos debe ser porque sente, en primeiro lugar, afección á lectura (e dispón de tempo libre para conversar sobre ela). Supóñolle tamén curiosidade intelectual, interese por compartir os gustos propios e por coñecer os gustos e as opinións dos demais. E, especialmente, unha disposición mental aberta a cantas novas suxerencias sobre lecturas e interpretación das mesmas se lle poidan propoñer.
Hai tres meses
comentei aquí o que me contara un amigo
sobre un pequeno incidente sucedido nun taller de lectura no cal el
participaba, cando outro membro do grupo se levantou nunha reunión e marchou ó
anunciar o coordinador a intención de lle botar unha ollada a un libro escrito
en galego.
Ben sabemos das resistencias
frente ó noso idioma por parte dalgunha xente que considera indigno e falto de
interese todo canto á cultura galega se refire. Pero esa é outra historia que
hoxe non vou traer a conto. Agora, este sábado pasado, lin no xornal un artigo
escrito polo coordinador, ou director (ou o que sexa, porque, xa digo, non
estou moito ó tanto), dun Taller de Lectura, no cal refire, con absoluta
delicadeza, a polémica xurdida no grupo cando propuxo a lectura dun determinado
libro.
Algúns dos
participantes no taller tiñan “certos
reparos” con aquela novela. “Non querían ler outra historia máis sobre o
espanto da guerra, sobre ese destino tráxico ó que ciclicamente o ser humano
parece abocado” e produciuse entón un debate entre os partidarios de ler libros
como o proposto e os que consideraban que compría centrarse en temas de lectura
“máis amables”.
Debo confesar que me
sentín perplexo, aínda que tal vez debería mirar con maior indulxencia esas
persoas que buscan na lectura unicamente un pasatempo edulcorado sen maior
transcendencia, porque ¿vale de moito o caso contrario? ¿Para que lemos libros?
¿Estamos convencidos de sermos mellores persoas por ter unha maior formación
cultural?
Son preguntas que me
teño feito máis dunha vez e respecto ás calles teño a cada paso maiores
dúbidas. Sobre todo á vista de como anda o mundo entre a xente á que se lle
supón un grado superior de cultura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario